Exposición de pintura en Sargadelos ata o 30 de agosto. Un marabilloso paseo cultural.
O día 31 de xullo inaugurouse nas Carboeiras de Sargadelos (concello de Cervo), unha exposición de tres pintores vinculados dalgún xeito á comarca do Ortegal: Ángel Picos Pérez, Diego Pérez Dopico -que asina as súas obras co seudómino de J. Peak- e Sergey Sozonov.
O máxico entorno do conxunto histórico-artístico da vella fábrica, impregnado de historia, deu paso á obrigada visita á sala de arte, e de camiño nos mergullamos no mundo fascinante da pintura, percorrendo o espazoso lugar e abrindo uns ollos máis grandes que os da muller asustada da primeira obra que vemos colgada, para seguir dando un paso adiante e contemplar o lobo-lobiño, que nos indica o camiño a seguir.
Paporroibo no cristal, de Ángel Picos |
Preto de setenta obras que vamos admirando paseniñamente, cunha luz entre lusco e fusco, que fai que moitos dos cadros adquiran unha cuarta dimensión e que cobren vida nos lenzos dos artistas.
- Ángel Picos Pérez. Dende moi novo este cedeirés amosou predilección polo debuxo, realizando as súas primeiras obras de xeito autodidacta. Leva nove anos como pintor artístico, especializado no estilo impresionista e tratando de transmitir as súas emocións en cada unha das súas obras. Con el mantemos unha conversa moi interesante.
- Sergey Sozonov. Natural de Yacutia (Rusia), traballou en Moscú nunha empresa de publicidade, e logo de viaxar por Europa atopou no Baleo (Ortigueira) o lugar soñado para vivir e decidiu apousentarse. Aquí pinta as caras e as almas dos seus veciños e amigos, cunha precisión tal que nos deixa engaiolados diante do cadro Maruxa.
Muller, de Diego Pérez |
- Diego Pérez Dopico, J. Peak: Nace Diego en Ortigueira, estuda Maestría Industrial en Viveiro e seguidamente Maxisterio na Coruña. Amplía os seus estudos en Xixón e traballa en distintos países europeos, regresando a súa vila natal no 2010, onde reside. Cursa Ciencias Relixiosas na universidade San Dámaso (Madrid). Actualmente traballa no Concello, como Técnico de Cultura e Secretario da Escola de Música. Presidente da Asociación Cultural Galioart, escribe e promove numerosos eventos culturais, aínda que a súa paixón é pintar.
Lobo, lobiño, de Diego Pérez |
Logo de ver, charlar e admirar a obra dos pintores, que se pode visitar ata o 30 de agosto en horario de mañá (de 10 a 14 h) durante a semana e tamén polas tardes os sábados e domingos, aproveitamos para dar un paseo polo entorno, chegando a través do Paseo dos Namorados ata a represa artificial do río Xunco, que abastecía de auga a antiga fábrica de louza e que se fixo mediante un sistema chamado de cantería gradual no ano 1791, unha paisaxe idílica e ineludible evocación sentimental, que ten a súa lenda particular. Regresamos pola senda botánica, no frescor da tardiña, lendo os paneis das diferentes especies arbóreas e escoitando o murmurio das augas e as voces dos felices nenos que a cabalo pasean polo recóndito lugar.
Maruxa, de Sergei Sozonov |
Que máis podemos visitar?
Se levamos unha orde xeográfica, empezaremos polo Museo da Antiga Fábrica de Sargadelos, seguiremos ata os restos das antigas fundicións e fábricas de louza, e chegamos a Pousada dos Foráneos e outras dependencias como os fornos de calcinar, as caballerizas e as carboeiras. Antes de regresar a Ortigueira, bebemos auga na Fonte da Tella e saboreamos un xeado de abelá no bar Sacabeira.
Presa artificial do río Xunco, no Paseo dos Namorados. |
LULI DOPICO
Fotos LULI
1. Paporroibo no cristal (Ángel Picos)
2. Muller (Diego Pérez)
3. Lobo, lobiño (Diego Pérez).
4. Maruxa (Sergey Sozonov)
5. Presa artificial do río Xunco, no Paseo dos Namorados.
Ningún comentario:
Publicar un comentario