Belén da Igrexa de Ortigueira. (Foto: Iria Rivera)
|
O belén da Igrexa de Ortigueira foi deseñado e realizado por Camilo Díaz Baliño, artista adicado á pintura, á escenografía, ao deseño gráfico, ao gravado e á literatura. Díaz Baliño pertencía a unha familia na que enxergaban os lazos de Ferrolterra pola súa nai, Camila Baliño, e das terras do Ortegal polo seu pai, Germán Díaz. O seu nacemento en Ferrol en 1889, o traslado de toda a familia á Coruña, onde naceu o seu desexo de ser artista, e a apertura do seu Taller de Escenografía y propaganda en Santiago de Compostela en 1920, son o xermolo que levarían a súa celebridade debido ao seu traballo artístico, en particular co seu contrato co concello de Santiago e co empresario Isaac Fraga. Foi tamén Santiago a cidade onde naceu o seu fillo Isaac Díaz Pardo en 1920.
Camilo Díaz Baliño no seu taller. 1921. Foto: Ksado. Publicada no Nº 201 da revista Vida Gallega
|
Durante a súa carreira artística Díaz Baliño realizou, dende 1919, lenzos, deseños de encabezamentos para prensa e revista, ilustracións para publicacións, carrozas simbólicas de cerimonia, escenografías para teatro, danza e música, decoracións para embelecer teatros, cartaces para empresas, congresos ou días festivos. Os seus cartaces, escenografías e caracterizacións para a Coral de Ruada e as súas xiras levaron a coñecer e admirar a súa figura non so en España, senón tamén en Sudamérica, conseguindo unha fama internacional. Obras coma estas son o alicerce polo que era coñecido e respectado.
Foi precisamente nos anos 20 cando o artista recibiu o encargo de realizar un belén para a Igrexa de Ortigueira. A asociación apostólica local Hijas de María púxose en contacto con el e levou a cabo todo o proxecto, sendo finalizado en 1924. Trátase dun belén de proporcións considerables, que serviría de precedente para o belén da Grande Obra de Atocha na Coruña en 1927. Ambos conteñen unha ambientación inspirada no Antigo Exipto, como unha cultura evocadora da era do nacemento de Cristo. Sen embargo o belén de Ortigueira resulta en varios aspectos dunha maior complexidade; Belén está representada entre montañas, árbores frondosos (nos paneis laterais) e caducifolios nas teas pintadas en tres distancias que serven para proxectar profundidade.
Tríptico dos Homes de Brigantia. Circa 1919-1922.
Camilo Díaz Baliño. Técnica: Óleo sobre lenzo.
Medidas: 147 x 50,5 cm. Legado de Isaac Díaz Pardo
|
As casas, muros e pontes son de dura pedra, ao estilo da arquitectura civil do Ortegal. O artista trasladou un ambiente, unha natureza e unha estética que coñecía profundamente, posto que pasaba dende a infancia longas temporadas en Ortigueira e quixo establecer unha relación íntima entre a representación da Natividade e o espazo ao que ía ser destinada. Pero tamén persoal por todo canto nutrira nel o Ortegal.
Belén de Ortigueira. 1924. Recompilada por Isaac Díaz Pardo. Fondo IDP, Cidade da Cultura. Santiago de Compostela. |
As cores son un dos elementos mais destacados deste belén. Nel conviven cores fortes contrapoñéndose, pero a vez resultan perfectamente combinados. Todo está enmarcado polas figuras situadas no primeiro plano: nos laterais, en forma de pilóns de templos exipcios, os profetas Isaias e Miqueas que anunciaron a vida de Cristo e o lugar de Belén. Na parte superior o deus Jepri, símbolo do Sol ao amencer e por ende, de inmortalidade. Na parte inferior a deusa Nut, divinidade da Noite, a través de quen o Sol renacía.
A deusa aparece ademais coas ás abertas, o que na relixión exipcia viña a significar o recibimento da deusa das almas dos mortos. Ela completa o simbolismo de morte e renacemento, sumado as figuras dos profetas.
Todo está unido coa filacteria situada sobre o estandarte pintado, no que lese “Gloria in excelsis Deo”: Gloria a Deus. Todo está conformado no estilo do artista, alimentado polo Romanticismo e polo Modernismo, o que coa súa crecente xeometrización e sinxeleza, fan del un artista en liña co Art Decó. Pero tamén coas vangardas rusas como as consagradas nas escenografías de Leon Bakst nos Ballets Rusos ou nas pinturas de Nikolái Roerich. É por iso que esta obra é unha das pezas mais emblemáticas do artista.
---------------
Camilo Buenaventura Díaz Baliño naceu en Ferrol o 14 de xullo de 1889. Morreu asasinado en Sáa, Meixide, Palas de Rei, o 14 de agosto de 1936. Fonte: Wikipedia
----------------
Texto: Iria-Friné Rivera
Iria-Friné Rivera dictou o pregón de Nadal na igrexa parroquial de Santa Marta de Ortigueira o pasado 1 de decembro. O texto do mesmo foi publicado no semanario local LVO no números de 7.12.18, 14.12.18.
O texto aquí publicado foi elaborado pola propia autora expresamente para publicar na web de Terras do Ortegal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario