Foto: Elixio César |
O pasado venres 4 de agosto
presentouse no Teatro da Beneficencia de Ortigueira o libro “HISTORIA DEL
CINE Y EL TEATRO EN LA COMARCA DEL ORTEGAL”, de de José Manuel Suárez
Sandomingo , editado por AXAC, entidade que dirixe o catedrático
Alexandre Veiga, dentro da colección Ortegal.
O acto foi presentado pola
concelleira de Cultura de Ortigueira, María Isabel González, que deu a
palabra a Luís Alonso Santiago, quen narrou en primeira persoa algunhas
das actividades teatrais nas que participou na nosa Vila e lembrou con cariño e
emoción a persoas xa desaparecidas, das que destacou as súas cualidades
dramáticas e personais.
Suárez Sandomingo tomou despois
a palabra para facer un percorrido polos distintos apartados dos que consta o
libro e, a modo de guía, explicar someramente a temática de cada capítulo. A
presentación do autor trasladou ao público a tempos e vivencias que xa
forman parte da historia da nosa comarca e que desperta un grande interese
entre os veciños e veciñas a xulgar polo público alí congregado. A charla,
amena, rematou con varias preguntas que o público fixo ao autor e que Suárez
Sandomingo foi dando cumprida resposta. Á saída firmou numerosos exemplares
para os asistentes.
“HISTORIA DEL CINE Y EL TEATRO
EN LA COMARCA DEL ORTEGAL” é un concienzudo e interesante traballo de
investigación feito co rigor e a paixón que caracteriza ao autor e que fai que
este libro resulte tan ameno á lectura como outras anteriores publicacións de
Suárez Sandomingo.
O libro, de 275 páxinas e
fermosa factura, conta con numerosas fotografías de época, interesantes carteis
de cine e teatro, así como planos e gráficos cronolóxicos explicativos, o que o
converte nunha peza imprescindible nas bibliotecas de todas as persoas
interesadas na historia do cine e do teatro e que teñan a Ortigueira no
corazón.
Debemos felicitar ao autor e
felicitarnos, como orteganos, de contar entre os nosos veciños con este
investigador e divulgador interesado polos acontecementos e polas xentes da
nosa comarca.
(Crónica elaborada por Elixio César)
Ningún comentario:
Publicar un comentario