Foto: Antonio Mtnez. Pernas |
Mañá xoves, 20 de xullo ás 8.30 da tarde, no antiguo Hospital de San Roque de Ortigueira teremos a presentación do número 4 (2017) da revista TERRAS DO ORTEGAL, que xa está presente nas libraría da zona desde hai uns días. O número conta cun dossier de 6 artigos adicado ao concello de Mañón, que se reflexa na portada que ten unha fermosa fotografía de Antonio Martínez Pernas.
Xa van catro anos dunha aventura que comezou en 2014, co número 1 desta revista de estudos que quere difundir e estudar a cultura e a historia dunha comarca rica nestes valores.
Estamos contentos e agradecidos a todos os autores que confiaron na nosa revista, a todos os lectores que mostraron interese nesta publicación, e sobre todo a todas as persoas que se fixeron socias da asociación, pois foron os piares imprescindibles para que a revista chegase a nacer.
Na presentación estarán varias das persoas que colaboran neste número, como Obdulia Dopico, que falará da experiencia da editorial O Paporroibo nos anos 90 do pasado século, José Manuel Bouzamayor, que falará da breve vida co concello de San Adrián de Veiga (entre 1835 e 1849), o Emilio Castro, que falará do mestre Rafael Fernández Casas, un recoñecido mestre da escola laica da Devesana nos anos 20 e Carmen Loureiro, que falará da "desmemoria histórica".
Acompañaranos tamén José Manuel Bermúdez, que ten un extenso traballo sobre os carpinteiros de ribeira da ría de Ortigueira e Carlos Breixo, Cronista Oficial, que coordinará a presentación do acto.
O acto está aberto a todas as persoas interesadas.
Previamente, ás 7 da tarde, no mesmo local terá lugar a Asemblea Xeral 2017 da asociación TERRAS DO ORTEGAL, á que poderán asistir as persoas que teñan a condición de socias da entidade ou calquera que se inscriba nese momento.
Ningún comentario:
Publicar un comentario