por Manel Bouzamayor
Desde o día 4 de abril temos novo cronista oficial no concello de Ortigueira. O acto de investidura supuraba emoción por todos os recunchos.
As primeiras palabras foron postas en boca do Alcalde, Rafael Girón, que non dubidou en expoñer as razóns que decidiron que o homenaxeado, por unanimidade no Pleno, fora elixido para ocupar o posto que levaba baleiro case que un cuarto de século.
Por riba de todas elas
subliñou o seu apoio desinteresado, ó longo destes anos, sempre que os seus
coñecementos eran requeridos en eventos onde a nosa historia tiña un papel
principal e, por suposto, a necesidade de revitalizar e poñer ó día a crónica local.
O profesor Vicente Peña, amigo dende a infancia, en San Claudio,
do home que ven a ocupar este posto honorífico, fixo un percorrido pola vida do
mesmo dende a súa infancia, cando os xogos dos nenos pasan por ser a mellor
aprendizaxe. Era doado albiscar como as palabras, con sincero sentimento, de
Vicente, eran quen de poñer pinceladas de emoción na faciana do noso novo
cronista; acenos cheos de sinceridade e produto de anos adicados a unha
afección agochada: a historia da nosa comarca do Ortegal.
Chegoulle a quenda á persoa que viña sendo o epicentro da xuntanza:
Carlos Breixo. Despois de rememorar os anos duros da emigración dos seu pais en
Francia e os anos adicados tanto ós estudios primarios coma os da formación profesional, os acenos
máis alegres, e tamén máis sentidos, ían amosando cando contaba as súas
relacións con Federico Maciñeira Teijeiro e Rafael Usero; recordou coma os
cartafols do primeiro e as primeiras visitas ós diferentes arquivos da man do
segundo conseguiron agromar a súa verdadeira afección que non dubidou en
desenrolala ó través da asociación cultural Arrós; a cal, sen dúbida, foi a que
fixo que o seu nome comezase a dar os primeiros pasos para ficar gravado na
memoria da nosa historia.
Quixo deixar unhas palabras
para Alfonso X, pois foi o rei que dotou á nosa vila da carta foral ou “Foro de
Benavente” e cuxo pasamento aconteceu, cousas de trasnos, un 4 de abril de fai
731 anos. Por suposto, adicou unhas palabras ós seus antecesores no cargo:
Federico Maciñeira, Julio Dávila e Laureano Alvarez. A meticulosidade de
Maciñeira e Dávila nos seus traballos e no estudio das fontes que utilizaron,
así como o amor á terra e a coidada literatura de Laureano Alvarez fan deles,
aínda hoxe, un lugar de culto para os estudosos da nosa terra.
Teño que engadir unha virtude máis do noso flamante cronista que
fun quen de percibir en todos os faladoiros, xuntanzas ou charlas nas que tiven
a oportunidade de participar. Estou a
falar da capacidade que ten para transmitir o que está a contar, de facernos
partícipes dos seus estudios e investigacións, pois as emocións que libera con
cada palabra levan o contaxio consigo; é, en definitiva, un contador de
historias. Tamén o recalcou na súa intervención cando quixo dar a mellor
definición dun cronista da historia: acudindo ó dicionario pódese ler que a historia non é máis que a
narración verídica de feitos ocorridos no pasado…
Noraboa ó novo cronista, pois xa temos, sen dúbida, unha
inestimable pluma que deixará a historia da nosa comarca gravada en letras de
ouro, así como un bo comezo para conservar o noso patrimonio doutro xeito; e
parabéns ó concello por escoller, tamén sen dúbida, á persoa máis indicada para
levar a cabo o que ten encomendado este posto.
Artigo publicado no semanario La Voz de Ortigueira o pasado 10 de abril de 2015)
Ningún comentario:
Publicar un comentario