martes, 21 de abril de 2015

Un título merecido. Carlos Breixo, Cronista Oficial de Ortigueira


Por Xosé Mª Torres

O pasado 11 de marzo o pleno da corporación municipal de Ortigueira aprobaba por unanimidade a proposta do Alcalde, Rafael Girón, de nomear Cronista Oficial a Carlos Breixo, veciño da parroquia ortigueiresa de San Claudio, e investigador e historiador de longo recorrido.

Un título, unha distinción merecida; sen negunha dúbida! Vaia por diante o meu aplauso.
Pode sorprender que a designación sexa feita cando o mandato da corporación municipal está a punto de rematar; con todo, trátase dunha proposta solemne que pon un broche de ouro aos últimos avatares culturais desenvoltos en Ortigueira.
Así, no ámbito público contamos con iniciativas como Ortigueira Literaria Dixital (xa na sua cuarta edición con este ano 2015 adicado a Narciso Luaces), o traballo continuado da fundación Ortegalia e da renovada Biblioteca-Arquivo municipal –orgullos para o noso municipio- que se completan con  iniciativas privadas xa coñecidas do ámbito musical, artístico e cultural tanto nas parroquias como na capitalidade municipal -que non vou citar para ser a lista moi ampla- e reforzadas no pasado ano coa aparición da asociación Galioart e da asociación editora da revista Terras do Ortegal.
O nomeamento, o título, é una honra para quen o recibe, pero tamén é certo que o prestixio da persoa elexida é unha luz que ilumina é entidade que fai a proposta; realizada por certo, nun pleno ordinario da corporación, celebrado a unha hora matinal que non permitiu a asistencia de persoas interesadas. Por iso, con bon criterio, a presentación do novo Cronista farase nun acto público, que terá lugar o próximo sábado, 4 de abril, ás 12 da mañá, no teatro de Beneficencia, cunha laudatio a cargo do profesor Vicente Peña Saavedra. Un sábado, por certo, que no calendario relixioso é calificado de “sábado de gloria”, unha fermosa e moi acaída coincidencia!
Que é un Cronista Oficial?
É un cargo honorífico, desempeñado a título gratuito e con carácter vitalicio. Soe requerirse que a persoa elexida teña, entre outros méritos: formación académica,  coñecemento da historia e cultura xeral e da zona, capacidade divulgativa, independencia, prestixio, adicación plena e paixón polo seu labor; todas elas  forman parte –ou están en vías de estalo- da traxectoria vital de Carlos Breixo, dito sea para tranquilidade de puristas e silenzo de aflixidos, que de todo hai na viña do Señor.
Non é o momento de enumerar os méritos, traballos, publicacións e investigacións emprendidas polo xa novo Cronista Oficial, pero si de indicar que en nada desmerece aos ilustres orteganos que foron  antecesores no cargo, como Federico Maciñeira, Julio Dávila ou Laureano Álvarez.
É un cargo frecuente? Vai por zonas: en Galicia as grandes ciudades contan case todas con esta figura, e tamén son moitas as vilas grandes ou de tamaño medio que inclúen no seu escalafón a este cargo. Na nosa contorna Viveiro ten como Cronista Oficial a Carlos Nuevo Cal, e Cedeira a Rafael Usero, mentras que Cariño, Cerdido e Mañón carecen desta figura, se ben neste último concello hai una proposta enriba da mesa.
Que competencias ten? Desde o noso punto de vista, non debería ser un cargo valeiro, feito a título de inventario. Debe ter un rango no protocolo municipal, acceso preferente aos medios do municipio, a obriga de ser consultado ante propostas no seu ámbito,  e dereito a lucir a medalla ou símbolo que o identifique como tal.
Pero tamén debe comportar obrigas para o concello, como dotar dun pequeno fondo anual a disposición do cronista para traballos e investigacións, poder asistir a congresos, representar a Ortigueira ante institucións, e incluso contar cun despacho propio  onde traballar e consultar fondos municipais e recibir a quen desexe.
Pola parte do Cronista, tamén debe existir a obriga de estar ao servizo do concello e da comunidade, con especial atención ao mundo educativo ortegano, un precepto  que sabemos innecesario dada a profesión de docente e a calidade humana que ten o xa novo Cronista.
Finalizamos reiterando o aplauso ao Concello pola iniciativa e dando os máis expresivos parabéns a Carlos Breixo. Tamén é o momento de lembrar que o traballo calado de sábados e domingos, de viaxes  a bibliotecas e arquivos, a participacións en charlas e actos culturais impide moitas horas de convivencia familiar, polo que tamén é o momento de agradecer á sua familia, en especial á súa muller e os dous fillos, pola comprensión e apoio durante anos ao labor do noso ilustre amigo.

(Artigo publicado no semanario La Voz de Ortigueira o pasado 3 de abril de 2015. Os parágrafos en cursiva non foron publicados por razóns de espazo)

Ningún comentario:

Publicar un comentario