martes, 18 de novembro de 2025

Sentida homenaxe en Devesos (Ortigueira) ao mestre Rafael Fernández Casas, “paseado” en Sada en 1936

Rafael Fernández Casas,
o mestre homenaxeado






Na mañá do pasado 16 de novembro de 2025, domingo, o edificio do que fora escola habaneira da Sociedade de Instrucción e Recreo SIR La Devesana, lucía esplendoroso, a pesares do tempo de outono. Chegaba un momento, que tal vez debería terse celebrado antes, da homenaxe ao mestre Rafael, un mestre culto, galeguista e laico —como a escola ortigueiresa á que foi chamado—, do que faremos un breve apunte do seu recorriudo vital.


Resume biográfico

Rafael nace en Bos Aires o 3.08.1901, fillo dos galegos Josefa Casas e Rafael Fernández. Mentras o pai queda en Arxentina, o neno Rafael regresa en 1903 co seu irmán Manuel e a sua nai á Terra, asentándose en Compostela.  Anos despois, en 1909, a súa nai inscribe a Rafael no hospicio compostelán, ubicado no antigo convento de San Domingos de Bonaval, onde residirá ata 1920. Alí rematará os estudos primarios, seguirá o bacharelato e iniciará os estudos de Maxisterio, que rematará en xuño de 1922, a piques de cumprir 21 anos.


O mestre Rafael (no centro),
cos seus alumnos e alumnas
da SIR La Devesana, unha escola mixta

A iso segue unha vida profesional como docente en Palas de Rei (curso 1922-1923); Devesos (outubro 1923 a marzo 1924) e San Adrián de Veiga (xuño 1924 a outubro 1926) —ambas as dúas escolas ortigueiresas de indianos—, marchando despois de Ortigueira, recorrendo diferentes escolas da provincia da Coruña, ata chegar a Sada, onde rexerá a escola de Souto, na parroquia de Carnoedo (Sada) desde 1934 ata 1936. Nesa casa-escola de Sada, xa casado con Melisendra Lamelas, natural de Devesos, nacerán os seus fillos Orientado (nacido en xuño de 1935), e Sólfido (nacido en xuño de 1936), logo bautizados en Devesos, tralo asasinato do pai, en outubro de 1936 como Rafael Orientado e Marcial Sólfido, respectivamente. O 20 de agosto de 1936 membros do escuadrón falanxista “Caballeros de La Coruña” sacan a Rafael do seu fogar, e remata asasinado no fatídico quilómetro 47 da estrada Betanzos-Agolada, sendo o seu cadáver recollido e depositado nunha foxa na entrada do cemiterio de San Salvador de Trasanquelos (Cesuras, hoxe Oza-Cesuras).

De esq. a dta.: Xose Mª Torres, Abel López, 
Emilio Castro e Xosé Carlos Breixo


A homenaxe en Devesos

A viúva de Rafael regresou enseguida a Devesos, e alí aínda vive o fillo Orientado, con 90 anos, razón de ser desta homenaxe.

No primeiro andar do fermoso edificio da Devesana, hoxe de propiedade municipal tras ser requisado en 1924 e despois novamente en 1936, celebrouse a homenaxe, consistente en designar a aula onde impartía o seu maxisterio, co nome de Aula Rafael Fernández Casas. Estaban presentes o Tenente de Alcalde de Ortigueira Jaime Ponce, representantes da A.C. Irmáns Suárez Picallo de Sada, localidade da que viña tamén o alcalde da mesma, Benito Portela, membros da Asociación Nordés e da Asociación de Memoria Histórica de Ferrol, grupo de música tradicionall Os Debotos, veciños de Devesos, Ortigueira e parroquias próximas como Freires ou Grañas do Sor, que enchían a sala, na que tamén estaba presente o mestre Andrés Santalla, un dos primeiros que escribeu, hai xa 25 anos, sobre o mestre homenaxeado.

Vista xeral da sala, ateigada de público.
En primeira fila Orientado e a súa muller, Sira

Trala interpretación do Himno de Riego por parte do cuarteto tradicional, pasou a celebrarse unha mesa redonda, na que interviron sucesivamente:

1.     Emilio Castro Fustes, presidente da actual SIR La Devesana, mestre e estudoso da historia da Devesana e da vida de Rafael, con palabras cheas de grande emoción xustificou o acto como unha débeda histórica pola fonda pegada que deixou Rafael en Devesos, onde residiu a súa viúva, e onde hoxe segue vivindo o seu fillo Orientado, casado con Sira Bellas.

2.     Xosé Carlos Breixo, Cronista Oficial de Ortigueira, que coa brillante oratoria que o caracteriza relatou que escoitara repetidas veces a Melisendra, a viúva de Rafael, o que aconteceu ao seu marido. Informou que tiña no seu poder, entregado por Melisendra, copia do artigos escritos por Rafael en diferentes periódicos (La Voz de OrtigueiraEl Pueblo Gallego...), así como copia —obtidos na web de Galiciana— do proceso do xulgado de Betanzos ocorrido anos despois para certificar a morte de Rafael. Propuxo á Devesana a publicación de todo este material.

Sira Bellas, Orientado Fernández e Emilio Castro.
Na parte superior, a placa co nome
de "Aula Rafael Fernández Casas"

3.     Abel López Souto, secretario da A.C. Irmáns Suárez Picallo, deu conta de como foi sacado da súa casa o mestre naquel tráxico 20 de agosto de 1936, e o asasinato posterior, un final que lle aplicaron as autoridades do novo réxime a outras persoas, moitas delas mestres, simplemente por pensar diferente, algo que nunca debera ter sucedido. Informou da publicación dun exemplar dos seus Cadernos de Estudos Locais titulado “Rafael Fernández Casas. Maxisterio e asasinato do mestre de Souto”, que ademáis de mestre fora presidente do Ateneo Cultural de Sada en 1936, e da presentación pública que se fixo do mesmo en Sada en novembro de 2021, así como da investigación forense levada a cabo entre 2023-2024 dos restos atopados no cemiterio de Trasanquelos, proba de ADN incluída, pero que deron resultado negativo no caso de Rafael.

4.     Xosé María Torres Bouza, da asociación Terras do Ortegal, por último salientou que era este un homenaxe a un mestre culto e formado, e ao tempo un acto de desagravio a unha vítima do franquismo (do golpismo, realmente), o primeiro deste tipo que se celebraba, curiosamente, no concello de Ortigueira. Deu algúns datos da vida de Rafael, e detallou a súa chegada a Devesos, a mediados de outubro de 1923, tras unha conversa en Compostela co escritor Victoriano Taibo (que fora mestre en 1918 en Ponte de Mera), persoeiro por quen Rafael sentía fonda admiración. A súa chegada está confirmada polos artigos que publicou no semanario La Voz de Ortigueira, do que sería colaborador asiduo, de un dos cales, denominado “Un día de nieve”, leu un fermoso e literario fragmento.

Os membros do grupo Os Debotos con Orientado



Pola súa parte, Emilio Castro, aceptou, como presidente da Devesana, o envite do cronista ortigueirés de recoller nun volume estudos, artigos e datos sobre Rafael e deu paso ao acto central da homenaxe, o descubrimento dunha sinxela placa do nome de Rafael na parede, que cuberta cunha bandeira galega, foi descorrida por Orientado. Tras a interpretación do Himno Galego por parte do grupo Os Devotos,  rematou o acto, emotivo e profundo.

A continuación a sociedade La Devesana ofreceu, xa na pranta baixa, aos asistentes unha degustación de produtos do país.


-----------------  

Texto: Xosé Mª Torres Bouza

Fotos: Salvador Hermida Bouza

Ningún comentario:

Publicar un comentario