Loli na porta norte do Santuario, de estilo gótico hispano-flamenco, a parte máis antiga do Santuario |
«Se vas buscando o amor, deberás meterlle no peto unha ramiña de herba de namorar á persoa que che interesa sen que se decate».
Tantas veces camiñou Loli Rubido Martínez a Teixido, como anécdotas ten para contar, recoñecendo que aprendeu lendo os libros de Maciñeira e de Usero, amén de falar cos parroquianos e xentes do lugar que achegan amplos coñecementos sobre a nosa Meca galega, como ela lle chama, asegurando que de Galicia vén máis xente a San Andrés que vai a Santiago. Con ela falamos.
Ritos de San Andrés de Teixido, o santuario dos pobres.
Cada persoa vai por motivos diferentes, cando se fai unha promesa, hai un porque, sandar dunha enfermidade, por amor, por ter un fillo, por salvarse no mar… Entón os ritos son diferentes.
O máis ancestral é o de levar unha pedra, basado na Biblia, según dí Murguía: “Cando as pedras falen serán testemuña das persoas que fixeron a romaxe”. Este rito que pervive dende hai milleiros de anos e un dos máis antigos da humanidade. As pedras bótanse antes de chegar, nos chamados amilladoiros, dos que Maciñeira contabilizou ata 24. Eu, seis
—dí Loli: o da costa de Ortigueira é o máis grande, e o mellor conservado está no Chao dos Carrís.
Exvotos no altar |
O rito de portar o cadaleito se te salvabas dun
ha enfermidade grave, xa non está en vixencia. A persoa levaba a caixa e deixábaa pendurada das paredes laterais do templo, chegaron a ter tantas que tiveron que buscarlle una nova ubicación, baixo o mesmo atrio.
Tamén se poden ver maquetas de barcos levadas polos mariñeiros que se salvaron dun naufraxio ou dunha galerna, hoxendía hai cen trangalladas expostas nun altarciño que se renova a cotío, bufandas do Deportivo ou do Real Madrid, chisqueiros de quen deixou de fumar, exvotos de cera, muletas, xoguetes de nenos, moitas flores de plástico e velas que arden todo o día.
Loli, xerente da empresa Roteiros, ante a enseada de Cortes |
Botaremos no pío da fonte unhas migas de pan, se afunden, mal presaxio, se flotan cumprirase o desexo, parabéns. Por certo que mesmo por debaixo da fonte hai unha veta de uranio, tal como lle contou un enxeñeiro madrileño que estudou a zona polos anos 50.
Tamén pediremos un desexo e para que se cumpra, beberemos tres grolos de auga dos tres canos sen tocarlle cos beizos.
Tradicións do Santuario: Formas de peregrinar a San Andrés
Vén xente de todo os lugares, sobre todo do occidente asturiano, do Bierzo, do norte de Portugal, das Rías Baixas, xente que repite e acaba traendo a familia e aos amigos. Para peregrinar a San Andrés non hai normas establecidas, pódese ir de calquera xeito, no tipo de vehículo que teñas. Hai quen se ofrece a ir descalzo, ou sen falar durante todo o camiño, os que van sen comer nin beber, quen porta unha candea e baixa de xeonllos a costa Grande, ou quen vai acompañando a un defunto.
Este último ten un rito peculiar. Pola mañá cedo irás buscar o morto ao cemiterio, petarás na tumba e diraslle que se erga que vamos cumprir a promesa que en vida non lle deu tempo a facer. Se vas en coche ou en autobús hai que pagar o billete e deixar un asento libre para o finado. Se vas andando mirarás de que non se perda polo camiño. Tamén hai que levar avituallamento para o falecido, antigamente a comida dábaselle a un pobre que estivera polo lugar. Unha vez escoitado misa, xa de regreso hai que acompañalo de novo ata o camposanto e deixalo acomodado na tumba, despedíndose e dicindo algo así como: “Misión cumprida”.
Tamén debemos respectar e non pisar os bichiños que atopamos polo camiño, pois din que son almiñas que van cumprir a promesa.
Relicario |
Posible deusa do inferno. Como a encontraron e onde?
É unha talla de pedra anterior ao cristianismo, no pé ten gravados símbolos solares, cruces e unha cornamenta, como se dunha Cernunus se tratase, na cabeza leva un tocado. Esta pedra especial atopouse nunha casa preto do camiño a Santo André de Teixido. Din que gardaba a casa e ata lle poñían flores. Hoxendía é propiedade particular.
Reivindicacións para potenciar o turismo que chega a San Andrés
Recuperar os camiños milenarios tradicionais, limpalos e sinalizalos correctamente, atender as explicacións dos guías que poñen en valor a idiosincrasia do lugar, preparar algúns dos albergues do camiño, abrir as capelas do Socorro, da Fame da Sede e da Preguiza e dende logo diferenciar este noso camiño chamado tamén do Mar ou da Costa, que tamén leva a Compostela; potencialo na páxina de turismo da Xunta, implicándose nesta ruta de peregrinaxe.
Non marcharemos do lugar sen mercar os sanandresiños pendurados na vara de abeleira co ramiño de teixo, algo único noso, a poder ser poñer o Santo, cando as normas da pandemia o permitan, ver o relicario e xantar uns percebes ou comer o caldo, ademais de sacar a foto e ver poñerse o sol nas portas do Alén.
Seguiría Loli toda a tarde contándonos anécdotas que quedan para outro momento por falla de espazo, pero que abofé son curiosas.
------------------------------------------
Entrevista publicada en La Voz de Ortigueira nº 5.518 (8 de abril de 2022)
Texto e fotos: Luli Dopico
Foto 1. Loli diante da porta norte, de estilo gótico hispano-flamenco, a parte máis antiga do que hoxe se conserva no Santuario, segundo Rafael Usero.
Foto 2. Exvotos no altar.
Foto 3. Loli, xerente da empresa Roteiros, ante a enseada de Cortes.
Foto 4. Relicario.
Ningún comentario:
Publicar un comentario