xoves, 26 de marzo de 2015

O acto de entrega do título de Cronista Oficial de Ortigueira será o 4 de abril



Foto Xosé Cheda




O Teatro de Beneficencia ortegano acollerá o próximo 4 de abril o acto público de entrega do título de Cronista Oficial de Ortigueira ao investigador e historiador Xosé Carlos Breixo Rodríguez.


A proposta de novo Cronista Oficial foi aprobada por unanimidade da corporación en pleno o pasado 11 de marzo, a proposta do Alcalde, Rafael Girón.
Carlos Breixo, natural e veciño da parroquia de San Claudio, sucede así a ilustres ortigueireses como Federico Maciñeira, Julio Dávila ou Laureano Álvarez.
A laudatio do novo Cronista Oficial será efectuada polo profesor Vicente Peña Saavedra, tamén natural de San Claudio.
Agardamos que o acto conte coa solemnidade e asistencia que merece, e que o Concello manifeste un compromiso claro de dotar a esta figura, honorífica, gratuita e vitalicia, de recursos para poder levar a cabo o seu traballo de modo digno e eficaz.






martes, 17 de marzo de 2015

Tertulia con Hixinio Puentes




O pasado sábado 7 de marzo, iniciamos o noso ciclo de tertulias coa participación de Hixinio Puentes Novo, recentemente proposto para ser Cronista Oficial do Concello de Mañón, se ben a proposta está en estudio. 

A traxectoria investigadora de Hixinio, vense centrando sobre todo na historia dos naufraxios ocorridos na Comarca do Ortegal, que se concentra en tres obras básicas: Os Naufraxios da Galicia Norte, en dous volumes, editados por Edicións Lea, en Santiago de Compostela, no ano 2003 e no 2005 respectivamente, e A Galerna de 1961, sobre un intenso temporal que asolou  con forza a localidade de Cariño.

 Foron obxecto de exposición nesta tertulia, algúns dos naufraxios ocorridos entre finais do século XIX ata os anos 90 do século XX. Despois dunha contextualización sobre as características da ría, e os elementos climáticos que a afectan,  Hixinio foi comentando algúns dos naufraxios máis salientables, para rematar con unha ronda de preguntas. 

 O acto foi presentado por Manel Bouzamaior, e comezou coa contextualización do tema por parte de Francisco Calvín, ambos membros da directiva da Revista Terras do Ortegal.

Queremos dar as grazas a todos cantos participastes desta tertulia, e a todos os asistentes á mesma. Agardamos o mesmo éxito para as seguintes. 

xoves, 5 de marzo de 2015

Ciclo de tertulias de TERRAS DO ORTEGAL










A asociación Terras do Ortegal, que edita a revista de igual nome, quere aumentar as súa presenza ao longo do ano, para que a edición da revista non sexa a única actividade.

Daquela, a nova directiva elixida na asemblea xeral celebrada o pasado 10 de outubro de 2014 decidiu emprender varias iniciativas que se irán anunciando progresivamente.

A primeira delas, ademáis de relanzar esta propia páxina web, é a programación dun ciclo de tertulias de temática cultural e social, a cargo de persoas de interese. A primeira persoa invitada é Hixinio Puentes Novo, mestre, escritor e investigador de Mañón, que falará das súas investigacións sobre asuntos históricos da Comarca.
O acto terá lugar este sábado, 7 de marzo, ás 8 da tarde nos locais da Sociedade Nuevo Club, de Ortigueira, á que agradecemos a colaboración para a celebración do evento. A entrada é libre.

Nado no Porto do Barqueiro en 1952, Hixinio Puentes é mestre e investigador da historia do seu concello. Autor de diversos estudos relacionados co mundo do mar como Os naufraxios da Galicia do Norte. Provincia marítima de Ferrol, vol. I (2003) e volume II (2004) e La Galerna de 1961 (2005).
Como narrador publicou varias novelas, que recibiron diferentes premios: O bandido Casanova (2000), Aguillóns de Ortegal (2005),  Monbars o Exterminador (2008),  A do 21(2010) e Winnipeg (Xerais, 2013). En 1999 acadou o accésit do Premio  de Xornalismo David Fojo en La Voz de Ortigueira.
O seu curriculum detallado pode verse aquí. 

martes, 7 de outubro de 2014

Asemblea Xeral de TERRAS DO ORTEGAL








A Directiva da Asociación editora da revista TERRAS DO ORTEGAL convoca unha asemblea xeral para o próximo venres, 10 de outubro, ás 7 da tarde.
 O lugar é a Cafetería do Centro de Recepción de Visitantes, ubicado no malecón de Ortigueira.
 A Orde do Día será a seguinte: 
1.     Información da Directiva
-         Nacemento da asociación. Consitución dunha xunta xestora
-         Publicación do número 1 da revista
-         Presentación realizada e preparación doutras.
-         Preparación do número 2 e seguintes
2.     Estado económico de ingresos e gastos
3.     Eleción de nova directiva
4.     Rogos e preguntas
5.     Lectura e aprobación da acta desta sesión  
 Notas:
  • As persoas que queiran facerse socias ou os/as socios/as que non teñan abonado a cota de 2014 (15 € ou 50 €, a elexir) poderán facelo nese acto, pois a conta bancaria só se utilizará para o cobro da cota de 2015, que será de 15 € para todas as persoas asociadas.
  • Tamén poderán recoller a revista as persoas socias ás que non se lle teña entregado (a de 2014 entregarase en man)
Prégase confirmar asistencia. Un saúdo cordial
Calquer indicación, pode facerse nestes teléfonos:
- Manel Bouzamayor: 609 05 04 01
- Xosé María Torres:  678 91 00 82


martes, 22 de xullo de 2014

Presentación Nº 1 da revista Terras do Ortegal


O próximo xoves, 24 de xullo, ás 7 da tarde, terá lugar na Fundación Ortegalia o acto de presentación da nova revista Terras do Ortegal, editada pola asociación constituida baixo o mesmo nome.
O número 1 da publicación, cunha extensión total de 180 páxinas e formato libro, acolle artigos de autores da comarca ou relacionados con ela, con traballos sobre a vida social, a historia, biografías de ilustres orteganos, ou de temas etnográficos, xeográficos e lingüísticos da zona, ademáis de achegas sobre temas artísticos, a música ou a banda deseñada.
Os artigos tratan temas que afectan aos concellos de Mañón, Ortigueira e Cariño; quedan para próximos números difundir artigos que poñan o foco tamén nos concellos de Cedeira e Cerdido, co que se cubriría todo o ámbito comarcal que quere abranguer a revista.
Os autores que participan neste primeiro número son: Teresa Bouza, Ramón Barro, Carlos Breixo, Carlos Diéguez, José Manuel Bouzamayor, Cristian Fojón Caruncho, Carlos López-Keller, Narciso Luaces, Bernardo Penabade, Alvaro Porto, Richard Smith e José Manuel Suárez. Todo un elenco de autores que dan lustre e prestixio a esta nova revista.
O acto de presentación, que comezará ás 7 da tarde, estará coordinado por José Manuel Bouzamayor, vicepresidente da Asociación, e autor, como se ten indicado, dun dos artigos deste primeiro número. Contará coa asistencia de varios dos autores, que farán unha breve disertación que esperamos goce da atención e o interese dos asistentes.
Ao final da presentación entregarase ás persoas inscritas como socios un exemplar da revista e poñerase á venda para calquer outra persoa interesada.

martes, 20 de maio de 2014

Presentación Asociación e número 0 da revista TERRAS DO ORTEGAL

Seguindo os pasos necesarios para a posta en marcha da revista, damos un paso máis:
Presentación pública da ASOCIACIÓN TERRAS DO ORTEGAL e do número 0 da revista.
Venres 23 de maio, ás 19:00h.
MUSEO ORTEGALIA

No acto invitarase aos asistentes a inscribirse xa na asociación e presentarase a maqueta ou número 0 da revista TERRAS DO ORTEGAL, co avance do índice de artigos que conformarán o número 1 que sairá no mes de xullo.

O noso fondo agradecemento áo Museo Ortegalia e Fundación Ortegalia pola sua colaboración.

xoves, 8 de maio de 2014

Aprobado o rexistro da Asociación



Nas pasadas semanas, a delegación provincial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza acordou a inscrición no Rexistro de asociacións da Xunta de Galicia da ASOCIACIÓN TERRAS DO ORTEGAL, con domicilio social en Ortigueira, e número de rexistro 2014/018354-1.

Ao tempo, e con máis retraso do previsto, foron visados e aprobados os Estatutos sociais da entidade, tras uns pequenos cambios que se nos recomendou facer para aclarar algunhas dúbidas de tipo administrativo que xurdiron.
Tras isto, o equipo promotor da revista prosegue o proceso planificado para a posta en marcha da revista, consistente en

  • Acopio de artigos para a confección do número 1 (xa practicamente finalizado).
  • Inicio da entrada de socios/as na Asociación que respalden a publicación da revista e amplíen o núcleo promotor.
  • Presentación da maqueta ou número 0 nas próximas semanas.
  • Presentación pública do número 1 en xullo.

Invitamos a todas as persoas interesadas en apoiar a posta en marcha da revista que contacten cos medios sinalados:
- email: revista.ortegal@gmail.com
- Teléf.: 609 05 04 01