sábado, 19 de agosto de 2023

Xoán Xosé Fernández Abella. Evocación de Alfonso Cheda e Video no Museo Pedagóxico de Galicia

Xoán Xosé no Museo Pedagóxico de Galicia
no ano 2005 (captura de pantalla do video,
enlazado máis abaixo)





Xoán Xosé Fernández Abella. Finou o mércores, 16 de agosto.

Lémbroo de moita conversa co meu pai, Modesto Cheda, cando se atopaban pola rúa ou cando paraba no comercio que tíñamos na rúa do Carme, 10, de Ortigueira. Xoán Xosé escribía poesía en galego e publicou un libro polo ano 1976. Meu pai coñecía a Luis Mariñas, que creara aquel histórico primeiro programa en galego na televisión, “Panorama de Galicia”, que se emitía ao medio día na desconexión territorial da TVE desde o seu centro de Santiago, e que presentaban os xornalistas Tareixa Navaza Xoán Barro. E alá lle abriron as portas a Xoán Xosé, alí o entrevistaron e alí recitou un dos seus poemas.


Para ver o video, pinchar aquí --> Xoán Xosé no Museo Pedagóxico de Galicia


Modesto Cheda, amigo de Xoán Xosé,
 coa súa cámara fotográfica,
cando era correspondente en Ortigueira
 do xornal La Voz de Galicia

Eu era un neno pero estaba alí, porque o meu pai nos levou a toda a familia a semellante “acto histórico”. É difícil quizais comprender agora a trascendencia de todo aquilo. Para min foi importante saber que por escribir poesía en galego podías saír na tele... na teleee!!! e ver que Tareixa Navazaera pequechiña (por fóra), en fin…


Sempre lembrarei a Xoán Xosé como aquel mestre da miña infancia, que xunto con Mercedes Álvarez Lage, a súa compañeira (que tamén era mestra en Ortigueira), ofrecéronnos a que eu creo foi a primeira oportunidade de ser escolarizados oficialmente en galego que tivemos neste país; sen esquecer aquelas Escolas de Insiñodas Irmandades da Fala e de Ánxel Casalque tristemente non puideron ir máis alá de onde chegaron. Eles foron dalgún xeito os continuadores daquilo.

Foi, creo lembrar, no ano 1980 cando se empezou a impartir a asignatura de Galego nas escolas. E eles estiveron aí para facer posible aquel reto normalizador de que a nosa lingua estivese situada no eixo da educación como idioma vehicular, que xa non fose algo co que se transixía ás agachadas, senón un dereito. Agora semella moi natural, mais daquela non o era. Tan só se naturalizou porque algúnhas poucas persoas do mundo do ensino afrontaron o compromiso co que conviviron durante os tempos difíciles, e estaban preparadas para asumir esa responsabilidade que só uns poucos ían ter a oportunidade de exercer. E eles fixérono, e fixérono ben.



Xa 25 anos despois andaba eu con outros catro compañeiros na incansable e utópica marea de cambiar o mundo, e neste caso dende unha asociación socioeducativa e cultural que chamamos Anovar. Non entendo moi ben cómo, o caso é que rematamos facendo o traballo que a Dirección Xeral de Política Lingüística editaba cada ano sobre a persoa homenaxeada nas Letras Galegas, e que era distribuída por todos os centros educativos de Galiza en formato CD-ROM. No 2004 sobre Xaquín Lorenzo, Xocas, e no 2005 sobre Lorenzo Varela... Isto último daría para un bo capítulo dun libro que nunca se publicará, porque hai cousas que non se poden contar, aínda hoxe.

Composición gráfica realizada polas
Bibliotecas Municipais de Teo (A Coruña)
O caso é que apelando á relación veciñal connosco e de amizade co meu pai pedímoslle a Xoán Xosé que colaborara no noso traballo sobre Lorenzo Vareladende a súa posición de mestre e de poeta. Eu lembraba aínda dende pequeno perfectamente o impresionante que era velo e oílo recitar, e que ningún neno ou nena que o oísen pasarían por alto as súas palabras, que á fin era o obxectivo do noso traballo, porque a súa difusión era para ser utilizado nas aulas coa rapazada. 

El por suposto aceptou e así foi que grabamos un vídeo no Museo Pedagóxico de Galicia no que Xoán Xose Fernández Abella mostra os dous papeis da súa vida que mais o caracterizan para todos nós: o de Mestre e o de Poeta.

Da posterior etapa na que nos atopamos nas tardes de domingo do Festival de Pardiñas, en Guitiriz, co seu inseparable Avelino Pousa Antelo, que nos falaba daquela época de xuventude na que comezou como mestre na escola de Mera, e do seu grupo musical Os Codornixos… falaremos outro día.

Agora queda aquí esta pequena xoia que nos mostra o Xoan Xosé único, o que se ve, porque non hai outro. Así era…

Que a Terra lle devolva outro tanto como el lle deu.


----------------------------  


Texto: Alfonso Cheda Pita

Foto: Familia Cheda Pita



Ningún comentario:

Publicar un comentario