Retrato-caricatura de Julio Dávila por Francisco Fortuny. En Bós Aires, arredor de 1907 |
A reedición facsímile que fixo Terras do Ortegal e que foi presentada o 26 de xullo pasado no Teatro de Beneficencia de Ortigueira inclúe, ademáis dun saúdo de Álvaro Davila en nome da familia Dávila, tres estudos introdutorios a cargo de Anxo Rosende, Manuel Bustabad e Bernardo Penabade.
Pero a reedición segue permitindo anotar algunhas curiosidades, que nos permitimos difundir para solaz das persoas interesadas.
1. Libros orixinais. Os libros que agora se reeditan en forma facsimilar foron editados en 1903 e 1904 por Julio Dávila en Bos Aires. O primeiro ten 61 páxinas e o segundo 87. A edición parece ser a conta do propio autor, isto é foi pagada por él mesmo; por iso teñen pé de imprenta, pero non figura editorial ningunha.
2. Antetítulo e subtítulo. En realidade, ademáis do título de “Nombre genérico de los hijos de Ortigueira” os dous libriños levan o antetítulo de “Cuestión Filológica”. Pola súa parte, o opúsculo I, en exclusiva, leva como subtítulo: «Opiniones de los señores: Aldrey, Cayetano A.; Castro López, Manuel; Maciñeira Pardo, Federico; Martínez Salazar, Andrés; Rodríguez, Bernardo; Rodríguez, Manuel R.; Teijeiro Martínez, Benigno».
3. Exemplares usados na reedición. Para a reedición facsímile usáronse exemplares cedidos pola Biblioteca Municipal de Ortigueira Juan Fernández Latorre, que foron tratados con cuidado e esmero, e dixitalizados con escáner zenital; ambos libros foran doados no seu día polo cariñés-ortigueirés Luis Alonso Santiago, se ben na cuberta do opúsculo II está escrito a man: «D. Manuel Casariego», referido a Manuel Casariego Bares-Rey, importante político e acaudalado propietario na Ortigueira da primeira metade do século XX.
4. Dedicatorias:
- O primeiro opúsculo está dedicado «Al Muy Noble Ayuntamiento de Ortigueira. En agradecimiento a su recuerdo en la Sesión Ordinaria de 23 de Noviembre de 1902, con Motivo de la obra Ortigueira».
- O segundo opúsculo está dedicado «A los jóvenes estudiosos de Ortigueira. A vosotros, mis queridos paisanos, futuros hombres del mañana...»
5. Orixe do debate. Como explica Dávila, o dilema reflectido nos libros naceu dunha invitación de Ramón Álvarez Fustes, director do semanario El Eco Ortegano —aparecido en 1902— para colaborar no mesmo. Dávila publicou nun dos primeiros números, o 30.03.1902, unha «Carta abierta al cronista de Ortigueira, el distinguido historiógrafo y arqueólogo Federico G. Maciñeira Pardo», tras haber este inventado (“prohijado” apunta discretamente Dávila) o xentilicio «ortegano»na obra Crónicas de Ortigueira publicada en 1892
6. Expresións latinas. En ambos opúsculos o autor e os colaboradores usan con frecuencia expresións latinas, signo da importancia que tiña na época o estudo desa lingua. Así, por ex., na dedicatoria do segundo, Dávila di: Amicus Plato, sed magis amica véritas, frase atribuída a Aristóteles, que significa: 'Platón é o meu amigo, pero máis amiga é a verdade', o que non deixa de ser unha resposta ou queixa de Dávila polos ataques ou críticas recibidas como consecuencia da publicación do primeiro opúsculo.
7. Cartas. Os textos do primeiro libriño foron escritos case todos como cartas en resposta á consulta inicial de Dávila, isto é non foron textos preparados de forma expresa para publicar. Os do segundo son respostas a unha nova consulta, pero que ía acompañada xa do primeiro folleto; na introducción del Dávila explica que non son cartas familiares ou íntimas, e que por iso considera oportuno publicalas.
8. Consulta á RAE. No segundo opúsculo, Dávila relata que escribeu ao secretario daReal Academia Española(RAE) recabando a opinión da corporación sobre o asunto, pero este respostoulle alegando que tiña prohibido polo seu Regulamento expresar opinións literarias sen mandato expreso do «Gobierno de S. M.»
9. Consulta á RAG. Dávila non puido consultar á Real Academia Galega (RAG), para estes libriños, pois foi fundada anos despois, en 1906. Convén lembrar que tanto Federico Maciñeira como Julio Dávila serían nomeados membros numerarios da RAG, e incluso Dávila fora meritorio impulsor en 1919, en Bós Aires, dunha Sección Protectora da Real Academia Galega na Casa de Galicia da capital arxentina.
10. Amplitude das colaboracións. As máis breves son as de Florencio Vahamonde Lores, historiador e poeta, e de Benito Fernández Alonso, literato e Cronista de Ourense, publicadas no segundo opúsculo, e ambas con só 6 liñas de texto e 40 palabras. A máis extensa é, proén, a publicada no primeiro libriño conxuntamente por Cayetano A. Aldrey, literato, e Bernardo Rodríguez, profesor e gramatólogo, que se estende por 12 páxinas.
11. Erudito da familia. Entre os autores que colaboran no segundo libriño está Manuel Núñez Rega, reverendo padre franciscano «Prior del Convento de PP. Franciscanos de Lugo», natural de Bares. Este frade era irmao de Petra Núñez Rega, esposa de Julio Dávila, e fillos ambos de Manuel Núñez, que viveu en Bares, onde era torreiro do faro da Estaca (se ben despois sería torreiro do farro da Torre de Hércules, na Coruña), e Dominga Rega.
12. Posible erudito da familia. Tamén colabora no segundo opúsculo Francisco Dávila, «distinguido escritor e inspirado poeta, residente en el Rosario de Santa Fe; hijo de La Coruña». Sería parente de Julio Dávila? Así o cremos, primeiro, polo lugar onde naceu, A Coruña, de onde era natural o avó paterno, Manuel Calixto Dávila Salgado, que foi o que se asentaría no Ortegal, dando lugar á saga Dávila de Ortigueira; e por outro lado sábese que cando Dávila foi á Arxentina tiña xa parentes alí.
13. Estudoso coterráneo. Outra persoa allea ao mundo da historiografía e de literatura é Enrique Bermúdez Covián, que colaborou no segundo libriño con apenas unhas frases. Era médico, natural de Becerreá, e aveciñado en Ortigueira, onde desde 1893 era subdelegado de Medicina do distrito. Foi o promotor, na rúa principal de Ortigueira, actual avenida de Alonso Pernas, dunha casa fronte á casilla dos peóns camineiros, que aínda hoxe segue destacando pola súa cor vermella. Foi pai dun dos alumnos redactores do periódico El Escolar.
14. Reflexións valiosas de Unamuno. Os colaboradores fan consideracións que son verdadeiras xoias. De Miguel de Unamuno podemos salientar cando menos dúas:
– «La cuestión de como haya de llamarse a los de Ortigueira es cuestión de escasa importancia... Pero a mí me interesa todo, y muy en especial lo que suele[n] llamarse cuestioncillas baladíes, porque es en lo pequeño donde se pone a prueba lo grande».
– «Todo esto son minucias, pero de minucias esta tejida la vida humana; y en lo que se refiere al pueblo nativo de uno, a su matria, toda minucia se convierte en cosa grande».
15. Reflexións oportunas de Maciñeira. O que xa levaba nese momento dez anos como Cronista Oficial de Ortigueira foi, como non, consultado polo seu amigo Dávila sobre a cuestión, pero alegou «No me es posible acceder a tu cariñoso ruego... y esto no es por falta de voluntad, sino sencillamente porque nunca me dediqué a los estudios filológicos, en los que soy un perfecto ignorante», unha mostra de sencillez que hai que louvar. Logo engade esta outra valiosa reflexión: «Meterse en lo que uno no entiende lo considero el colmo de la presunción».
16. Ironías de Dávila. No segundo volume, Dávila recolle as noticias publicadas sobre o primeiro libro. Con certo humor relata que houbo críticas de todo tipo, incluso de persoas que non abriron o libro, que el califica de «opinión a libro cerrado». É o caso dun periódico de gran tirada, que apunta: «Acaba de ver la luz pública en Buenos Aires un interesante folleto conteniendo la biografía de las personas más ilustres del pueblo de Ortigueira...» (!!??). Dávila, elegantemente, omite o nome do periódico.
17. Conclusión dos eruditos consultados. Dávila non indica a cantas persoas lle fixo a consulta, pero resume no segundo opúsculo que lle contestaron 25 persoas, das que 15 se inclinaron pola forma ortigueirés, que el remata por aceptar... aínda que no seu corazonciño tal vez houbese preferido o xentilicio santamartés.
-----------------
Texto: Xosé María Torres
.
Ningún comentario:
Publicar un comentario