mércores, 9 de agosto de 2023

CARIÑO, UNHA HISTORIA FRONTE O MAR, un documental importante

Captura de pantalla do documental
.


 



O local social de Cariño quedou pequeno, o pasado 4 de agosto, pois o traxe da historia local, a máis grande por ser a nosa, precisaba un manequín máis axeitado e así foi que fixeron falta dous para que o xastre non tivera que arranxar o traxe cuxa costura é obra de Alejandro Ramil. Dous pases do documental e aínda así con calzador. Isto acontece cando nunha sala se vai expoñer un tema que toca directamente ó pobo, ó noso devir, porque alí se agochan as respostas que sempre nos facemos: Por que estamos aquí? Por que somos deste xeito? Quen nos moldeou?... e iso atopámolo na nosa historia local, nela temos o tronco común do cal aínda seguimos brotando nunha ramificación sen fin.

Carlos Breixo, Emilio Ramil,
Manel Bouzamayor e Lois Armada
momentos antes do comezo do acto

Cariño, Unha historia fronte o mar”. O título do documental que se ía expoñer non podía ser máis definitorio e os nomes dos que ían intervir tamén achegábanlle un pulo cara a incrementar o interese creado: Carlos Breixo, Lois ArmadaAnxo Rosende, Emilio Ramil, a súa filla Sara e o patrón Andrés Novo.

O Cronista Oficial de Ortigueira, Carlos Breixo, da comezo ó documental do mellor xeito posible cando nos conta que os primeiros datos oficiais de Cariño lévannos ó século X, nin máis nin menos, ligando despois coa intervención de Sara Ramil na que nos fala da formación xeolóxica da serra da Capelada, a nosa protectora nai pois Cariño agromou e adquiriu entidade no seu seo, a serra o protexeu e o mar o alimentou. Os moitos abrigos naturais que ela ten foron o lugar máis axeitado para os primeiros asentamentos, o xerme da poboación que hoxe é Cariño e os seus arredores. Os utensilios de sílex alí atopados, en lugares coma o Chao do Limo, non fan máis que subliñar e dar fe desta afirmación, mágoa dos túmulos desfeitos mais sabemos dalgúns sen escavar, aínda virxes, coma o da Garita de Herbeira.

Unha panorámica da veciñanza de Cariño,
que enchía a sala


Emilio Ramil intervén para nos falar dos castros e a importancia deles na zona pois abranguen un período tan amplo coma o que vai do século III A.C. ó século III D.C. e cuxas escavacións, como a feita no castro de Espasante ou no Sarridal, en Cedeira, nos informan de que non eran meras residencias senón que o comercio e a comunicación entre eles, así como a forma de vida nos mesmos fainos pensar nun gran desenvolvemento social. En San Xiao de Trebo temos unha boa proba dun asentamento deste calibre pois estivo habitado ata os primeiros anos da Alta Idade Media. A capela alí existente, de feito, non é senón a apropiación polos primeiros cristiáns dun lugar de culto pagán, tal e como se fixo no resto dos países durante os primeiros anos da cristianización.

Outra panorámica do publico
.

Seguindo co devir dos séculos atopamos o Castelo do Casón, do século X, un refuxio imprescindible para os poboadores cando os normandos e musulmáns acometían algunha das súas razzias, aínda que os peregrinos que por alí pasaban camiño de San Andrés de Teixido tampouco lles viña mal coma lugar de acougo ou da axuda que puideran necesitar.

Cariño, comenta Breixo, nace ó carón do castro alí existente, axudado pola protección obtida por catro garitas, sendo as máis extremas a de Herbeira e a da Vela de Espasante. Sen embargo non é unha poboación importante; sen ir máis lonxe, a comezos do século XIX a poboación da Pedra duplicaba o número de veciños de Cariño (porto que formaba parta da parroquia da Pedra), foi a partires de 1880 cando comeza a cambiar a situación coas primeiras fábricas de salgado e o mundo da pesca relacionada con elas, de feito en 1910 o Porto de Cariño xa é o núcleo máis poboado do Concello de Ortigueira.

Emilio Ramil explicando algúns pormenores
do documental
O aumento da poboación e o traballo existente deu lugar a asociacións e protestas como aconteceu diante do Concello de Ortigueira, sendo alcalde Federico Maciñeira, na que se esixían máis medios e recursos acorde coa entidade de poboación alí existente.

O patrón Andrés Novo aproveita o documental para nos dar a coñecer coma era a vida no mar e coma os caladoiros, que semellaban inesgotables, foron indo a menos. O no saber adaptarse, e non ter coñecementos e relacións coas administracións foi o xerme da decadencia do Porto de Cariño, algo ben aproveitado por outros coma Celeiro ou Burela.

Todos os intervenientes rematan falando das posibilidades de crecemento que ten Cariño seguindo no mundo da pesca e apostando por un turismo de calidade, coma apunta Breixo: non pode ser que todo que comamos ou bebamos veña de fora.

Pouco máis de media hora de documental, o xusto e necesario para saber que a mellor ferramenta para construír o futuro máis axeitado e botar unha ollada ó pasado.

--------- 

Texto: Manel Bouzamayor

Fotos: Mariño


Ningún comentario:

Publicar un comentario