martes, 8 de agosto de 2023

6º “Obradoiro de Fotografía Documental de Rúa” do Festival do Mundo Celta de Ortigueira

Foto final do 6º Obradoiro
(Fonte: Galioart)

Un ano máis a asociación cultural Galioart promoveu e organizou o Obradoiro de fotografía documental de rúasendo esta a súa sexta edición. 
Ao igual que aconteceu no festival, onde houbo unha afluencia moi importante de público, o obradoiro completouse por primeiro ano, entre outros factores atribúeno á normalidade sanitaria e ao docente, Brais Lorenzo, un fotógrafo relativamente novo pero cun curriculum cheo de premios e recoñecementos, como pode verse na súa páxina web. Ademáis leva colaborado cos principais medios de prensa do noso país e do estranxeiro.

Brais foi gañador no ano 2022 dos premios KSADO da deputación da Coruña coa súa serie LUME sobre os incendios forestais, que estivo exposta as navidades pasadas na sala de exposicións do claustro do noso concello. Brais é membro do colectivo Ollo que conta con 5 xoves periodístas máis e que están visibilizando o novo fotoperiodismo por múltitude de lugares da nosa xeografía, con traballos expostos agora mesmo, nas rúas de Ourense, Ferrol ou A Coruña

O antigo matadoiro municipal de Ortigueira, sede agora de Galioart, estivo cheo durante tres días de vída e de fotografía. A asociación trata de encaixar a proposta do docente e neste caso Brais, propuxo un obradoiro para o desenvolvemento dun multimedia, onde combinarán a fotografía, o son e o video para transmitir dun xeito máis novedoso as sensacións do festival.

A asociación incide sempre na idea de colectividade pois para eles é compartir, aprender e apoiar, deixando de lado o “ego artístico” para traballar todos nun proxecto común. Proxecto é este, tanto en cada obradoiro como proxecto a medio prazo coas 6 edicións realizadas até o de agora.

O compromiso da asociación coa fotografía documental galega queda reflexado nos criterios de selección de docentes, indican que teñen pendente de traer a algunha muller docente pero até o de agora non lles foi posible.

Cando dentro do ámbito fotográfico se cuestiona se o fotoperiodismo ten cada vez menos sentido neste mundo “case virtual” e tratan de buscarse novas linguaxes fotográficas para o fotodocumentalismo como única posibilidade de dar visibilidade a ese tipo de traballos, é cando, xente coma Brais ou os seus compañeiros do colectivo Ollo danlle un novo valor ao fotodocumentalísmo “tradicional”. Sempre haberá historias que contar, coas que conmover, remover conciencias e dar visibilidade a situacións que ocorren no noso mundo, a autoría ou a visión fotográfica importa moito para que esas imaxes resonen entre o público e aporten algo “novo”. Pódense ver os multimedia de Brais sobre a COVID e a serie Lume na súa páxina web.

Para contar ben unha historia é preciso meterse dentro dela, e iso é o que se intenta facer no obradoiro, coa lóxica limitación de tempo, para, ás veces, conseguir algunhas imaxes que o conseguen. Así, ano tras ano, o propio obradoiro vai ter un valor documental moi importante.



O video mostra unha fotografía de cada un dos participantes
con audios gravados na realización do obradoiro.
A montaxe  foi realizada pola benxamina do grupo,
Lucía Otero Pazos

Jesús Giz, organizador xunto con Diego Perez Dopico do obradoiro, quere trasladar unha serie de agradecementos por todo o apoio recibido para levar a bo porto esta sexta edición do obradoiro. 


1 – A todos e cada un dos participantes pola súa asistencia, confianza, tempo e boa predisposición, está claro que sin eles non sería posible, os ingresos das matrículas son os que permiten facer fronte aos gastos do obradoiro e pago ao docente. Agradecen dobremente aos que repetín asistencia, algún por 4 ou 5 edicións. 

2 – Aos 50 participantes durante estas 6 edicións, así como aos docentes Alberte A. Pereira, Xulio Villarino, Tono Arias e Eutropio Rodriguez que foron fundamentais para chegar a este punto.

3- A todos os que desinteresadamente colaboran na difusión do obradoiro a través dos distintos medios, redes sociais, páxinas web e o máis importante de todos, o boca a boca. 

4 – Ao alcalde Valentín Calvín pola súa asistencia e palabras de alento o domingo no peche do obradoiro, a Ángel Lozano, concelleiro do Festival do goberno saínte e á dirección do festival e ao responsable de prensa por toda a colaboración para posibilitar o bo desenvolvemento do obradoiro. 

5 – A Francisco Javier Martínez Prieto, párroco de Ortigueira, por estar ahí sempre que se precisa algo e pola cesión do proxector unha vez máis..

6 – Ao docente, Brais Lorenzo, que nada más lle pedimos que impartise o obradoiro estivo plenamente dispoñible, sempre positivo e achegando ideas coa mellor predisposición. A súa xenerosidade como docente foi moita, ensinando o seu fluxo de traballo e comentando o que supón e como ve el a fotografía, cecais esa xenerosidade foi a que fixo que o ambiente do obradoiro fose fantástico a pesares de ser o obradoiro máis numeroso en canto a participación.

7 – A Iván Castro, cámara da CRTVG pola súa axuda en certos aspectos da organización e impartición do obradoiro, contínuo apoio e por ensinar o traballo que leva desenvolvendo durante xa 6 edicións do festival dende a primeira edición do obradoiro. 

8 – Aos que en Galioart, limpan, ordean, manteñen este local onde a pedra se desfai por AMOR Á ARTE, en especial a Diego Pérez Dopico, Billy, é ás miñas fillas Eire e Jara por todo o que traballaron e ordearon. 

Agora toca agardar a que rematen o multimedia que non foi posible rematar durante a realización do obradoiro e teñen intención de presentalo como é debido para que poda chegar a un público o máis xeral posible traspasando as barreiras do público fotográfico. 

Rematar dicindo que xa comezan a pensar e argallar que facer para o ano 2024 no sétimo obradoiro.

Podedes consultar información sobre o obradoiro na páxina web onde hai un apartado específico para este taller ou no grupo de Facebook e instagram Galioart.

-------------------  





Ningún comentario:

Publicar un comentario