venres, 11 de abril de 2025

O Xeoparque Costa Quebrada, en Cantabria, declarado Xeoparque Mundial da Unesco




O Xeoparque Costa Quebrada, un gran espazo natural que se extende polo litoral de oito municipios de Cantabria, foi designado onte, 11 de abril de 2025, Xeoparque Mundial da UNESCO polo Concello Executivo da Unesco, segundo anunciou a última hora da noite o Embaixador de España ante a Unesco, Miquel Iceta.

Este xeoparque comprende os territorios dos municipios de Santander, Camargo, Santa Cruz de Bezana, Piélagos, Miengo, Polanco, Suances e Santillana del Mar

O nomeamento era o último paso que quedaba trala visita dos avaliadores da Unesco á zona, que resultou positiva, e  tras ser declarado en setembro do ano pasado 2024 apto polo Consello Mundial de Xeoparques.

Únese así á Rede española de Xeoparques, composta ata agora por 17 territorios, entre eles os dous galegos: Xeoparque Montañas do Courel e o noso Xeoparque de Cabo Ortegal.



Contratación dos postos de xerencia e técnico/a en xeoloxía para o xeoparque Cabo Ortegal

Aproveitamos para difundir as últimas noticias relacionadas co noso xeoparque, que pasan pola cobertura de dous postos de traballo para a xestión do noso xeoparque.

As prazas foron convocadas pola asociación xestora do xeoparque

a mediados de xuño de 2024, e pasados 10 meses desde entón, seguen sen cubrirse, nun proceso sorprendente pola súa lentitude.

Praza de xerencia

En canto á praza de xerente, o pasado 9 de abril difundíase o resultado da segunda fase do proceso de selección (un exame), co resultado seguinte:


Quedan aínda unha proba de idiomas e unha entrevista persoal que agardamos rematen canto antes.


Praza de técnico/a en Xeoloxía

Lamentablemente, a praza de técnico/a en Xeoloxía ten un retraso aínda maior, pois, dacordo coas noticias difundidas pola entidades xestora, só se publicou, con data 6.11.24, a lista de admitidos e excluidos para o proceso, co resultado dun único candidato admitido:



Curiosamente, a pesar de existir só un candidato admitido, aínda non se fixo, ou non se publicou, a valoración de méritos pasados 5 meses desde entón, e non hai datos sobre se tivo lugar a proba específica nin a de idiomas nin a entrevista final, algo incomprensible.

En conxunto, somos conscientes da importancia de efectuar hoxe calquera proceso de selección de persoal coas máximas garantías de rigor e transparencia, pero resulta incomprensible a lentitude; todo iso cando o Xeoparque ten recursos abundantes —que outros xeoparques miran con envexa— resultado do patrocinio directo por parte da Deputación da Coruña e do apoio da mesma na búsqueda doutros ingresos.

Debe rematar xa este proceso de cobertura do persoal, pois o Xeoparque Cabo Ortegal ten a obriga de poñerse a traballar para difundir a riqueza xeolóxica que atesoura, legado polo que foi declarado Xeoparque Mundial da Unesco en maio de 2023, hai xa 2 anos.






mércores, 9 de abril de 2025

A lúnula de Cerdido: Lilio e Minia


Cruceiro dos Casás
antes de ser cambiado
de emprazamento

            

Lilio, máis coñecido polo Saudador, era o sétimo fillo varón do señor do Castro, a súa avoa soubo dende o momento que naceu que ía ser un rapaz diferente, pois no ceo da boca, no padal,  presentaba claramente unha cruz, ademais era sábado de gloria, unha circunstancia que aínda lle ía dar máis poder sanador, gozando a súa saliva de especiais virtudes menciñeiras tamén ía poder sandar con só empregar o alento, un privilexio chamado Roda de Santa Catarina, que se manifesta alentando sobre un pedazo de pantrigo e dándollo de comer ao enfermo, ou mollando co seu cuspe os párpados do doente mentres se recita unha ladaíña: «Polo poder que Deus ten e da Virxe María. Amén».


Minia era filla do muiñeiro da Bouza, gustaba a moza de cabelo rubio pasear polos Casás, abrazar as árbores e escoitar o canto dos paxaros. Orfa de nai, aprendeu dende moi nena e percibir o silencio da fraga e o falar do río, pero tamén a esconderse cando ollaba presenza humana, xa que a tiñan por meiga e máis dunha vez tivera que empregar as súas facultades para que non mancasen o seu corazón. Vestía de branco  cunha grilanda de flores arredor da fronte, brincaba lizgaira coma se fora unha fada que coñecía cada recuncho do lugar.

Chegado o día do solsticio de verán, a noite de San Xoán, máxica por excelencia, Minia deu en facer tódolos rituais coñecidos. A tardiña recolleu follas e flores de romeu, herba luísa, xesta, fiúncho, rosas e malvas que  botou nunha palangana chea de auga do río Pontellas. Deixaríaa toda a noite ao sereno para que as plantas se purificasen co orballo e lavaría a cara pola mañá con aquela mestura aromática. Co bieiteiro, a matricaria e o loureiro fixo un ramallo que colgou na porta da casa para espantar as bruxas.

Na aira preparou un foleón, con palla argallou un boneco que sentou nunha cadeira rota envolto nunha saca de fariña cun sombreiro verde; buscou un camisón vello para queimar na pallugada e escribiu nunha lousa o nome do rapaz do que estaba namorada: Lilio.

            

Ben sabía que o amor entre os dous era imposible, el era de alcurnia e ela unha extravagante moza á que tiñan por tola, mais gardaba un segredo herdado dos seus devanceiros e non dubidaría en despexar o misterio se os feitizos preparados non acadaban o seu fin. Desexaba ser feliz.

            

Río  Pontellas (Cerdido)


Aínda non despuntara o día cando chegou á igrexa de San Martiño, mirou para o escudo dos marqueses de Andrade  e recitou sen trabucarse:


O día de San Xoán, neniña vaite lavar e beber auga do paxaro pouco antes do sol raiar. Irás ao rente do día a auga fresca catar, a auga do paxariño que amor che vai dar. Corre mulleriña, vaite lavar, que xa está a fonte limpa, cor de cereixa che ten que dar.

 

 Sabido é que a auga do paxariño é a que bebe o merlo cando xorde a aurora e voa veloz ata o niño para ofrecerlle á súa femia a primeira cereixa roxa da tempada. A máis saborosa.

Minia non buscou unha cereixa senón un trevo de catro follas, herba dos encantos que posúe a rara virtude de que ao botala no río camiña contra corrente. Un herba que coñecen moi ben as andoriñas, que a levan ata o seu niño para que os ovos non goren. Atopouna de camiño, preto dun felgo de dúas gallas que cortou polo pé. Daba boa sorte.

Escudo dos Andrade
na igrexa de San Martiño

Pola súa banda Lilio, que tiña pensado saír de troula saltar as fogueiras cos seus amigos, pasou a noite  na casa, xunto da avoa que non se atopaba ben. Déralle un mareo pola tarde e ningunha das prácticas do Saudador, nin a do pan, nin a do cuspe, lograron melloría. A terra chama por min, vai buscar as flores de santo Eutelo e amortállame con elas no peto, díxolle a vella pouco antes de expirar cos ollos abertos, ollando un mundo imposible que deixaba cheo de guerras e maldade. No caixón do escritorio está a túa dote, coida de que nunca se perda, dende tempos inmemoriais pertence á nosa familia. Sen crer o que estaba ollando, coa lúnula resplandecendo na súa man, saíu na percura do cinamomo. 

Diante do cruceiro de toelo de san Xoan dos Casás, que aínda non cambiaran de sitio, atopáronse. El viña montado nun cabalo branco, ela ía en bicicleta. Sobraron as palabras. Falaron os ollos. Baixo a imaxe da Virxe das Dores que viste túnica e manto prodúxose unha vez máis o milagre do amor.

O embruxo e a herba de namorar pillada en santo André de Teixido unha tarde de brétema que Minia lle meteu no peto, fixo o resto. O sol quentaba os corpos espidos. A preciosa lúnula de ouro lucía agora no seu pectoral como símbolo da natureza cíclica da vida e para protexela de todo mal.

Victorino Novo fixo un debuxo
da peza no ano 1883



No ano 1867 Leandro de Saralegui Medina escribía do achado do tesouro no seu traballo dos estudos sobre a época céltica en Galicia,  da que Cuevillas daba conta no 1953:

 

Aparece un gravado que reproduce un obxecto en forma creciente con indicación de dúas medias cañas marxinais e rematado nunha especie de perillas. Debaixo do grabado di: Torques de ouro atopado nas inmediacións dun "barrow" (mámoa), en San Martín de Cerdido e que deu lugar a un sumario que foi instruído en Ferrol no ano 1840 para averiguar a súa procedencia.

 

Así pois a finísima xoia de incalculable valor que un labrego atopara no ano 1840 mentres cavaba no castro non estaba perdida, como crían as xentes do lugar. Sempre estivo a bo recaudo no pazo de Cerdido, pasando misteriosamente de xeración en xeración ata tempos presentes. Agora pertencía a Minia.

Os noivos casaron polo rito celta na festa de Lugnasad, na praia da Magdalena de Cedeira, baixo a crecente lúa de agosto, prometendo que o primeiro bocado de pan e o primeiro sorbo de viño sería sempre de un para o outro, xurando honrarse por derriba de todo. Logo, cantando os seus nomes na escuridade da noite, adentráronse nas augas e nunca máis se soubo deles. Unha vez máis o sortilexio da lúnula fixo o seu traballo. Volvía estar desaparecida.

                                                                                   

Luli Dopico 

 

 Nota:  Sobre o debuxo da peza feito en 1883, di Vitorino Novo:


Un objeto de oro hallado en 1840 en las ramificaciones de un castro en San Martín de Cerdido. Trátase de un aro de oro especie de torque o collar céltico. Fue encontrado por un labrador al cultivar en las proximidades de un castro. Cuando intentó venderlo llamó la atención por su valor intrínseco y se formó una causa que se falló en la Audiencia de Coruña en 1844.

 

    Fotos:    Amalia Díaz Rodríguez


martes, 11 de marzo de 2025

Lembranza do mitin de Castelao en Ponte Mera en 1935

 

Exposición en Ortigueira.
Cartaz
de Diego Pérez Dopico



CONMEMORACIÓN DO 75 CABODANO DE CASTELAO

 


Lembranza do mitin de Castelao en Ponte Mera en 1935

Domingo, 13 de outubro 1935

La Voz de Ortigueira recolle o sonado mitin en Mera, no Campo da Feira, de propaganda galeguista, a cargo dos exdeputados das Cortes Constituíntes, don Alfonso Rodríguez Castelao, don Antonio Vilar Ponte e don Ramón Suárez Picallo. Este mitin, reseñado como «Propaganda Política», non é do agrado de LVO, que o conta así: 

Circulan varios rumores en canto aos motivos da organización. Uns din que se debe a certa cantidade de diñeiro que deu determinada persoa a fin de que elementos novos abrisen unha brecha nas filas Pitistas do distrito e outros opinan que é unha campaña pro consecución dun Concello en Mera. Os señores Suárez Picallo e Castelao estiveron acompañados polo señor Casariego e o señor Lema. Hai diversas opinións en canto a cantidade de público alí reunido, cremos, tendo en conta a parte do campo ocupada, que serían 500 persoas. Os inimigos políticos dos Pitistas, (que se din dereitistas) saíron  defraudados, porque agardaban oír o que non oíron e escoitaron uns aplausos vigorosos que subliñaban conceptos que eles non desexaban oír. Tamén esperaban que tan cualificados oradores demostrasen a conveniencia práctica e económica da implantación do tinglado rexionalista nesta rexión galega. 

Antón Vilar Ponte, farmacéutico
e xornalista natural de Viveiro,
que participou no mitin de Mera


Nada novo dixeron, máis que as consabidas frases de relumbrón.  Outros, os gullonistas, saíron avergoñados ao escoitar frases contra o caciquismo que eles mesmos representan e desexan restaurar no distrito. Nosoutros, informadores imparciais, non facemos máis que transcribir os comentarios escoitados. Por hoxe, punto final.





O pai de Antonio Rivera Losada
coa súa muller Elvira
e dous fillos, Remedios e Antonio

 

Conversacións con Antonio Rivera Losada

Un xove Antonio de 15 anos e seu irmán foron recoller a Xubia a Castelao, que logo do mitin iría ata a súa casa de Mera. Aínda que LVO  non o recolle, estiveron no mitin don Víctor Casas e o señor Gómez Román, sendo presentados por don Alfredo Rebollar de Izquierda Republicana, ante a bandeira galega e a tricolor republicana. “O Comité Galeguista que se está constituíndo en Santiago de Mera, unha Mocidade Galeguista, estará formado polo rapaz D. A. Malde Cobelo e o secretario, D. A. Rivera.


O escritor Antonio Rivera
na Biblioteca Municipal de Ortigueira
(Foto de Álvaro Fernández Polo
 

Castelao en Viveiro e na Ponte Mera

Fragmento dun artigo publicado en El Heraldo de Viveiro o 17 de xaneiro de 2025, recollendo a Crónica escrita por Manuel Bermúdez, testemuña directa que acompañou a Castelao cando estivo en Viveiro  nun acto celebrado polo Partido Galeguista, cos irmáns Vilar Ponte para homenaxear a Pérez Lugrís, e que logo volvería a velo en Ponte Mera, invitado polos partidos onde se centraron todos os comités republicanos.

Foi un éxito rotundo. Por aquelas terras ortigueiresas nunca oíran falar na nosa ilustre lingua vernácula, e foi notoria a presenza de Castelao, o máis grande debuxante de Galicia, investigador da historia, escritor inconfundible. A súa obra titulada Sempre en Galiza, debería ser o breviario dos galegos.


Separata de La Voz de Ortigueira
editada pola imprenta Fojo.
Autor Anxel Rosende

Un día diferente, separata de La Voz de Ortigueira. Castelao nas terras do Ortegal.

Nun opúsculo editado pola imprenta Fojo en 1990, Anxel M. Rosende recolle varias crónicas interesantísimas sobre “a vida social dos orteganos (1891-1931)”.  Entre elas escribe sobre o mitin do Partido Galeguista en Ponte Mera ante tres mil persoas, segundo A Nosa Terra.

O acto deu comezo ás catro da tarde, os oradores, Victor Casas, Antón Vilar Ponte, Suárez Picallo e Gómez Román acompañaron a Castelao e falaron dende un palco feito adrede engalanado con bandeiras galegas e republicanas. Foron presentados polo que sería alcalde de Ortigueira Alfredo Rebollar. Pouco tempo despois o galeguismo organizábase na comarca.

 

Exposición no Concello: DE ROSALÍA A CASTELAO

Con motivo da conmemoración do 75 aniversario do pasamento do ilustre tribuno, organizada pola concellería de Cultura de Ortigueira, en febreiro abriuse unha exposición na que se pode ver e ler con detalle os artigos e documentos de referencia. 

------------

Texto: Luli Dopico


Unha versión en castelan deste artigo foi publicada no semanario La Voz de Ortigueira do 14-02-2025

 

 

xoves, 7 de novembro de 2024

O Xeoparque de cabo Ortegal avanza na cobertura de 2 postos de traballo

O faro de Cabo Ortegal, un dos emblemas do Xeoparque
(foto: Xeoparque)












Como moita xente sabe, o Xeoparque de cabo Ortegal, formado polos 7 concellos da zona integrados: Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, foi recoñecido Xeoparque Mundial pola UNESCO o 24 de maio de 2023. Trátase do segundo xeoparque galego, pois hai outro, designado xa hai 5 anos, o Xeoparque Montañas do Courel.

Desde o recoñecemnento, o noso xeoparque prosegue facendo actividades (xornadas de estudo, visitas xeolóxicas...), á espera da cobertura de 2 postos de traballo convocados pola Asociación Xestora do Xeoparque, que preside na actualidade Pablo Moreda, alcalde de Cedeira.

 

Os 2 postos de traballo ofertados pola Asociación Xestora do Xeoparque son:

-             - 1 de xerencia

-             - 1 técnico/a en Xeoloxía


As prazas foron convocadas xa antes do verán, e recentemente foron publicadas as listas definitivas de persoas admitidas e excluídas no proceso de selección. Como pode verse nas imaxes que acompañamos, para o posto de xerencia foron admitidas 10 candidaturas, mentras que para o posto de xeólogo/a, só se admitíu a 1 persoa.

Nas próximas semanas terán lugar as diferentes probas nas que consiste o proceso de selección, dacordo coas bases publicadas no seu día e o ritmo que marque o tribunal seleccionador.

Admitidos para a praza de xeólogo/a



Como é coñecido, Terras do Ortegal seguiu con moito interese e apoiou desde un principio a proposta de Xeoparque (de feito foi, que se saiba, a única entidade que fixo alegacións á Memoria da candidatura), e na actualidade está recoñecida como Entidade Amiga do Xeoparque Cabo Ortegal.



Lentitude do proceso de selección

Somos conscientes das dificultades de poñer en marcha un proceso de selección que debe recibir o visto bó de cada un dos sete concellos (afectados en varios deles polos cambios acaecidos tralas elecións municipais o 28 de maio de 2023, pouco despois do recoñecemento pola UNESCO), pero a realidade é que a lentidade é notoria: pasado 1 ano e medio desde a designación como xeoparque o proceso de selección está aínda nos seus comezos.

Admitidos para a praza de xerencia



Tamén chama a atención que o tribunal ou comisión seleccionadora do posto de xeólogo/a esté compostos por 6 alcaldes/esas e concelleiros/as, e so participe 1 técnico na materia, que curiosamente é alleo á zona e incluso a Galicia, o director científico do Xeoparque da Costa Vasca, mentres que os máis dunha vintena de membros do Comité Científico do Xeoparque, entre os que hai Catedráticos de facultades de Xeoloxía e outros técnicos de prestixio e experiencia na materia (que por iso mesmo foron seleccionados para o citado Comité) fosen excluídos do proceso.

Similar análise pode facerse do tribunal ou comisión seleccionadora do posto de xerencia, composto por 6 alcaldes/esas e concelleiros/as, e só 1 técnico, o xerente de SEITURA 22, o grupo de desenvolvemento rural de Ferrol-Eume-Ortegal.

En todo caso, agardamos que as probas se realicen canto antes, de modo que os postos de traballo se cubran axiña e empecemos xa a ver un impulso nas actividades, coñecemento e sinalética do territorio, algo que a cidadanía agarda.


------




sábado, 27 de xullo de 2024

7º Obradoiro de fotografía documental de rúa do festival de Ortigueira, organizado por Galioart

Foto final do Obradoiro
co alcalde de Ortigueira Valentín Calvín






Este ano Galioart celebraba o 7º Obradoiro de fotografía documental de rúa. Foi un ano de moita afluencia ao festival e tamén ao Obradoiro, pois as prazas cubríronse antes que nunca. Parte da culpa tívoa o docente Jota Barros, que ademais de fotógrafo é un gran docente e comunicador, proba diso son o seu podcast «calle oscura» e a súa escola online «el club de fotografía callejera» entre outros, que xa levan un tempo funcionando.




Obxectivo do obradoiro

Jota e Jesús
Neste caso o Obradoiro tiña por obxectivo a realización dun fanzine colectivo, é dicir, a creación dunha secuencia de imaxes coas capturas polos distintos participantes que teña unha coherencia e mensaxe conxunto para levalos posteriormente á posta en páxina en formato de pequeno fotolibro. Galioart deixa certa liberdade aos docentes que van pasando polo Obradoiro de cara o plantexamento, sempre intentando que os obradoiros sexan interesantes para os que xa asistiron a anteriores edicións, deste xeito este ano había participantes que repetían e algún que tripitía.  

Ao igual que o ano pasado, a edificación do antigo matadoiro de Ortigueira estivo chea de vida e de fotografía durante 2 días e medio. Galioart sinala que este espazo é unha marabilla para este tipo de encontros, máis require unha limpeza exhaustiva, porque a súa situación e estado tamén ten contrapartidas.

Alicia


Jesús Giz
, coordinador do Obradoiro, quere enviar unha serie de agradecementos a aqueles que colaboraron na realización e organización do Obradoiro, 

Ana
1 – Agradece a todos e cada un dos participantes a súa asistencia, confianza, tempo e boa predisposición, sen a participación deles non sería posible realizar o obradoiro. Agradece dobremente aos que repetían ou tripitían, é unha gratificación e un recoñecemento especial ver como a xente proba e repite. 

2 –Agradece aos case 60 participantes durante estas 7 edicións, así como aos docentes Alberte A. Pereira, Xulio Villarino, Tono Arias, Eutropio Rodríguez e Brais Lorenzo que foron fundamentais para chegar a este punto. Agradece ademais a asistencia de Brais Lorenzo que fixo un oco na súa apretada axenda de fotoperiodista para estar o 

Aurora

domingo en Galioart, momento que aproveitaron para presentar ante os asistentes o video multimedia realizado na edición de 2023 e que aínda non tiña saído á luz debidamente. Brais Lorenzo ten exposto o seu traballo Habitar o Baleiro no Museo do Pobo Galego de Compostela, xunto cos textos de Claudia Morán e Lucía Abarrategui e audios. A exposición estará aberta de martes a sabado de 16:00 a 20:00 e merece a pena ser vista.

Carlos Lobato

3- Agradece a todos os que desinteresadamente colaboran na difusión do obradoiro a través dos distintos medios, redes sociais, páxinas web e o máis importante de todos, o boca a boca. Así como aos medios de comunicación, o do festival de Ortigueira, La Voz de Ortigueira, Diario de Ferrol ou La Voz de Galicia por darlle difusión. Agradece tamén a todos aqueles que aupan e axudan para sacar enerxía de onde sexa posible para seguir adiante con esta actividade en futuras edicións do festival.

Carlos Suárez


4 – Agradece aos encargados de facilitarlles accesos e outras facilidades para o obradoiro, empatía comunicación, especialmente a Elisardo e Diego, pola axuda nestes días. 

Dani
5 – Agradece ao Alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, a súa asistencia e o tempo adicado a falar con eles no peche do obradoiro o domingo á tarde, onde lle explicaron o por qué e a importancia que para os fotógrafos ten este obradoiro, que activa, dende a formación de calidade e o traballo colectivo, unha área cultural distinta pero que bebe da musical neste festival e que ademais, é unha iniciativa que por duración, plantexamento e contido é única no territorio nacional. Agradecen a súa implicación para resolver unha cuestión de última hora que non quedou ben atada e era precisa para a impartición do obradoiro, agradece tamén á concelleira Isabel Rego por ser partícipe desa xestión. 

Jesús

6 – Agradece a Francisco Javier Martínez Prieto, párroco de Ortigueira, porque aínda emprega o seu proxector na realización do obradoiro. 

7 – Agradece ao docente Jota Barros, que xa participara como alumno no obradoiro de 2017, o seu entusiasmo, receptividade en todas as propostas que por parte de Galioart se lle ían facendo. Agradece a súa xenerosidade no obradoiro, compartindo e comunicando tan ben todo ese coñecemento que é froito do seu traballo diario. 

Jota

Juanma
8 – Agradece tamén a Jesús Caballero, fotógrafo e editor, que se achegou para servir de apoio na realización da edición de imaxes o domingo pola tarde. Jesús é a alma mater de «la muy terca», un marabilloso espazo na zona de Narahío, onde se imparten obradoiros de convivencia con grandes fotógrafos nacionais como Juanán Requena, Israel Ariño ou Estela de Castro. Jesús foi o editor na coruñesa Banco Editorial e ten un gran coñecemento da técnica fotográfica, tanto na toma como no tratamento posterior, tanto dixital coma químico. 

Marisa

9 –  E por último agradece a todos os que en Galioart, limpan, ordenan, manteñen o local e a asociación por AMOR AO ARTE, en especial a Diego Pérez Dopico e ás súas fillas Eire e Jara, así como á súa nai, Lupe ,que o acompañaron para deixar o espazo o mellor posible para recibir aos participantes. 

Próxima edición 2025

Mónica
Despois do falado co alcalde, agardan que na próxima edición do festival se poida mostrar algún resultado de forma impresa ou proxectada para chegar a un público o máis xeral posible, traspasando as barreiras do público fotográfico. Tamén anuncian que para o ano teñen intención de que a docente sexa muller pois de momento, a pesares de telo intentado, nunca veu unha muller a exercer esa labor docente no obradoiro.

Montse


Teñen previsto imprimir unha copia do libro para cada participante, o traballo en papel sempre loce máis e consideran que un traballo fotográfico non se peche até que está impreso, especialmente un fanzine. 

Podedes consultar información sobre o obradoiro na 

Noemí
páxina web onde hai un apartado específico para este taller ou no grupo de Facebook e instagram Galioart.



Achegase unha foto de cada un dos participantes no obradoiro, un total de 17, contando ao docente e ao propio coordinador.

Rosa



Sergio




Teresa