martes, 5 de setembro de 2017

Inauguración da exposición de pintura de Isabel Rego

Foto: Socorro Rey Rego

.

Palabras de presentación a cargo de Luli Dopico:

A Ría está preciosa; as montañas azuis —que cantou Antonio Rivera— son o mellor telón de fondo que podemos ter hoxe aquí. O inicio de setembro comeza como mellor sabemos facelo as xentes de Ortigueira: coa presentación da obra pictórica dunha muller artista que empeza a camiñar, amosándonos a súa alma a través dunha infinda paleta de cores que forman parte da súa vida.

Isabel, sei como te sentes, sei desa inocencia túa, da timidez que che embarga, do medo que traspasa a túa pel e dos nervios que non te deixan falar... é a ti a quen deberiamos escoitar, e non a min, que pouco entendo de arte.
E sei como respiras, porque así respiraba eu cando don David Fojo me chamou para entregarme a separata do meu primeiro libro «Á beira do Landro», aqueles contos que tiñan a frescura de ser editados sen máis por un home bo que desexaba o ben de todos nós. Aquela mañá crucei o Cantón orgullosa, abrazando o libro contra meu peito, como se fose un fillo máis. Así tes que estar ti: orgullosa dunha espléndida obra que nos amosas na madurez da túa vida; satisfeita porque hoxe estás demostrando a todos que es unha artista de pés á cabeza, porque te apaixonas co teu traballo e xa non podes vivir sen pintar, como servidora non pode vivir sen escribir.
Foto: Socorro Rey Rego

Pintas e soñas no teu santuario de Miñaño, na túa casa chea de lembranzas, buscando esa luz natural que entra pola fiestra onde está instalado o teu cabalete. Nos teus cadros nótase que estudaches deseño arquitectónico, pois presentas esa visión xeométrica e lineal que enches con espazos naturais: unha árbore, unha flor, un limoeiro…

Falabamos hai uns días de encontrar a «clave do éxito» que sería como atopar «a chave das noces»; que che gusta a pintura de Beryl Cook porque pinta dun xeito simpático as cousas que a rodean; que se foras unha cor, serías o verde piñeiro que tanto che custa conseguir; que os teus cadros arrecenden a óleo e saben aos mares dos teus amores, o Caribe e o mar galego, a nosa paisaxe da vida para seguir tirando…; e que se foses unha froita serías unha laranxa amarga, —moi saborosa para facer marmelada, engado eu.
Isa, es todo iso e moito máis. Es un pedazo de muller e unha artista no máis amplo sentido da palabra, porque es capaz de transmitirnos todo o que ti soñas: es espello, armario, silla da casa… obxectos que revalorizan os sentimentos, enseres da vida cotiá que removen as lembranzas agochadas no fondo do ‘Almario’, unha palabra que me encanta empregar e que lle copiei a Mario Benedetti cando pregunta «¿en qué ALMA o ALMARIO? [estará]».
Dicirche que xa non estás nese proceso de busca, que xa chegaches, aínda que como moi ben dixeches: «Sempre se está aprendendo, pero hai que ser constantes». 


Foto: Socorro Rey Rego


Neste momento gustaríame ser crítica de arte para explicarme mellor. Non o son, pero si sei ver esa paleta de cores frías nos teus temas africanos, fronte a esa outra cálida das emocións máis intensas das túas paisaxes; desas casas sen xente para que as habitemos, para que entremos nelas ata a cociña e aliñemos as nosas sensibilidades; en fin, desas persoas sen faciana para poñerlles nós os rostros que queiramos. 
Sei que me gustan os teus cadros —que nos gustan a todos os que estamos aquí— porque transmiten eses sentimentos que todos agochamos dentro. Sumámonos con ilusión a este nacemento teu como muller pintora, que comprendemos esa emotividade que se agocha en ti e ese medo a presentarte en público. 

Querida Isabel, vivir para amar, vivir para soñar, para escribir, para pintar… en fin, vivir para dar fe de que o noso paso por este mundo foi fecundo e procuramos dar o mellor de nós para deleite dos ollos e da imaxinación.
Como cada quen vai ver nos teus cadros o que desexa ver, eu,  en nome de tódalas túas amigas, de toda a túa familia, de toda a xente que te acompaña nesta presentación, quero darche as grazas por compartires tan marabillosa obra.
Grazas e, por favor, pecha os ollos para sentir o grande aplauso que brota dende o noso corazón.

Luli Dopico (1 de setembro 2017)



luns, 14 de agosto de 2017

Éxito da estrea do musical CHICAGO en Ortigueira

.


O domingo 12 de agosto estrenouse no teatro de Beneficencia de Ortigueira o musical CHICAGO, a cargo do grupo afeccionado Ultreia dirixido por Elíxio César Silvent, autor asimismo da adaptación ao galego da obra.
Hai que comezar dando os prabéns ao grupo Ultreia, que nos sorprende unha vez máis; poñen o listón cada vez máis alto! E supérano!
Todos interpretan moi ben. Maikol cun papel moi complicado, que resolve de maravilla; e que dicir dos protagonistas! Cantan e bailan en escea como se en vez de afeccionados fosen verdadeiros profisionais.
Foto de Marga Ínsua

Todos bordan o seu papel: Carmona co seu, entre xocoso e entrañable, fai que o espectador non saiba se rir ou chorar; que ben o fai! E David no seu papel de travesti? Ben, ben!
Porque non é o argumento o que fai que o espectáculo valla a pena (uns crímenes pasionais e unha prisión preventiva), non. É a posta en escea o que conta, o vestiario e a coordinación de todos os elementos sobre todo.
Todo isto fai de Elixio un estupendo director de teatro.
Felicidades e adiante!!!


(Crónica de Mari Luz Martínez)

martes, 8 de agosto de 2017

Presentación do libro "HISTORIA DEL CINE Y EL TEATRO EN LA COMARCA DEL ORTEGAL”"

Foto: Elixio César


O pasado venres 4 de agosto presentouse no Teatro da Beneficencia de Ortigueira o libro “HISTORIA DEL CINE Y EL TEATRO EN LA COMARCA DEL ORTEGAL”, de de José Manuel Suárez Sandomingo , editado por AXAC, entidade  que dirixe o catedrático Alexandre Veiga, dentro da colección Ortegal.

O acto foi presentado pola concelleira de Cultura de Ortigueira,  María Isabel González, que deu a palabra a Luís Alonso Santiago, quen narrou en primeira persoa algunhas das actividades teatrais nas que participou na nosa Vila e lembrou con cariño e emoción a persoas xa desaparecidas, das que destacou as súas cualidades dramáticas e personais.
Suárez Sandomingo tomou despois a palabra para facer un percorrido polos distintos apartados dos que consta o libro e, a modo de guía, explicar someramente a temática de cada capítulo. A presentación  do autor trasladou ao público a tempos e vivencias que xa forman parte da historia da nosa comarca e que desperta un grande interese entre os veciños e veciñas a xulgar polo público alí congregado. A charla, amena, rematou con varias preguntas que o público fixo ao autor e que Suárez Sandomingo foi dando cumprida resposta. Á saída firmou numerosos exemplares para os asistentes.
“HISTORIA DEL CINE Y EL TEATRO EN LA COMARCA DEL ORTEGAL” é un concienzudo e interesante traballo de investigación feito co rigor e a paixón que caracteriza ao autor e que fai que este libro resulte tan ameno á lectura como outras anteriores publicacións de Suárez Sandomingo.

O libro, de 275 páxinas e fermosa factura, conta con numerosas fotografías de época, interesantes carteis de cine e teatro, así como planos e gráficos cronolóxicos explicativos, o que o converte  nunha peza imprescindible nas bibliotecas de todas as persoas interesadas na historia do cine e do teatro e que teñan a Ortigueira no corazón.
Debemos felicitar ao autor e felicitarnos, como orteganos, de contar entre os nosos veciños con este investigador e divulgador interesado polos acontecementos e polas xentes da nosa comarca.
(Crónica elaborada por Elixio César)

mércores, 19 de xullo de 2017

Presentación do Número 4 da Revista TERRAS DO ORTEGAL

Foto: Antonio Mtnez. Pernas




Mañá xoves, 20 de xullo ás 8.30 da tarde, no antiguo Hospital de San Roque de Ortigueira teremos a presentación do número 4 (2017) da revista TERRAS DO ORTEGAL, que xa está presente nas libraría da zona desde hai uns días. O número conta cun dossier de 6 artigos adicado ao concello de Mañón, que se reflexa na portada que ten unha fermosa fotografía de Antonio Martínez Pernas.

Xa van catro anos dunha aventura que comezou en 2014, co número 1 desta revista de estudos que quere difundir e estudar a cultura e a historia dunha comarca rica nestes valores.
Estamos contentos e agradecidos a todos os autores que confiaron na nosa revista, a todos os lectores que mostraron interese nesta publicación, e sobre todo a todas as persoas que se fixeron socias da asociación, pois foron os piares imprescindibles para que a revista chegase a nacer.
Na presentación estarán varias das persoas que colaboran neste número, como Obdulia Dopico, que falará da experiencia da editorial O Paporroibo nos anos 90 do pasado século, José Manuel Bouzamayor, que falará da breve vida co concello de San Adrián de Veiga (entre 1835 e 1849), o Emilio Castro, que falará do mestre Rafael Fernández Casas, un recoñecido mestre da escola laica da Devesana nos anos 20 e Carmen Loureiro, que falará da "desmemoria histórica".
Acompañaranos tamén José Manuel Bermúdez, que ten un extenso traballo sobre os carpinteiros de ribeira da ría de Ortigueira e Carlos Breixo, Cronista Oficial, que coordinará a presentación do acto.
O acto está aberto a todas as persoas interesadas.
Previamente, ás 7 da tarde, no mesmo local terá lugar a Asemblea Xeral 2017 da asociación  TERRAS DO ORTEGAL, á que poderán asistir as persoas que teñan a condición de socias da entidade ou calquera que se inscriba nese momento.

sábado, 1 de xullo de 2017

Presentación da triloxía Zarcos, de Obdulia Dopico


Foto: Álvaro F. Polo



A escritora Luli Dopico ten xa unha longa experiencia de anos como escritora, pero os seus primeiros libros, publicados nos anos 90, non foran presentados públicamente, por diversos motivos, entre eles a intensa adicación que tivo que facer na asociación e edicións O Paporroibo, precisamente para impulsar que outros publicaran os seus libros.

Pero nalgún momento chega o ocasión, e o pasado xoves, 29, Luli decidiu presentar a triloxía Zarcos, composta polas novelas Querida Azul, Diario de Ana e Confesiones de S. O lugar escollido foi a Biblioteca Municipal de Ortigueira, un espazo sempre acolledor grazas á disposición da directora María José e da auxiliar Mónica.
Acompañaban á autora Vanesa Trevín, concelleira de Patrimonio e María del Mar Fernández Polo, compañeira nas lides educactivos no colexio público de Ortigueira.


Vanesa fixo unha presentación emotiva, declarándose admiradora de Luli polo seu labor cultural, sobre todo desde que lle fixo unha entrevista sobre o Paporroibo para un traballo académico. María del Mar fixo unha intervención máis espontánea, se ben leída, informando a todos os presentes da recente xubilación de Luli como profesora, ao rematar o curso escolar estes pasados días.

inalmente a escritora foi presentando os 3 libros, os dous primeiros impresos en Logroño grazas á intervención do seu amigo Alberto Mera Meizoso (autor dunha curiosa obra sobre as Naves Celtas). Nunha mostra da sua experiencia didáctica, dibuxou nunha pizarra o triángulo amoroso que explicaba a trama seguida nas tres novelas. Luli describiu con simpatía como foi o proceso de creación e de publicación, indicando que a primeira novela, Querida Azul, está esgotada, pero poden atoparse exemplares para préstamo na Biblioteca.
As outras dúas obras, Diario de Ana e Confesiones de S., están á venda nas librarías.
Finalizamos desexando á nosa amiga Luli que goce dunha merecida xubilación... e que se adique a escribir. Agardamos aínda moitos froitos da súa man!





xoves, 27 de abril de 2017

Presentación de O segredo da runa, de Luli Dopico, no Instituto de Ortigueira


Contar coa presenza dunha escritora nun instituto é sempre un luxo; se ademáis esa escritora é da zona, a sua presenza convírtese nun acto fraternal.
E así foi hoxe no IES de Ortigueira, ao que acudiu Luli Dopico para presentar a súa última obra, a novela O segredo da runa, editada pola asociación Terras do Ortegal.
A invitación foi feita por Gumersindo Martínez, profesor de Lingua e Literatura Galega no citado centro educativo, para presentar o último libro editado no noso concello aos alunos de 1º de bacharelato.
O acto contou tamén coa presenza de Álvaro Fernández Polo, afamado fotógrafo de natureza, e autor das fotografías que ilustran a obra e salientan os lugares claves onde se desenvolve a trama da obra. Asistiu tamén o seu home, Chente, para colaborar na proxección do video coas fotos, así como Charo Suárez, amiga da autora e compañeira na experiencia cultural de edicións O Paporroibo nos anos 90, e que está reflexada na obra.
Luli, ademáis de presentar a súa novela, fixo entrega de dous exemplares da mesma para a Biblioteca do Instituto, así como outro de A pena das calandras, a súa novela anterior, e primeira das protagonizadas pola garda civil Tona Andújar, a personaxe creada por Luli.

sábado, 1 de abril de 2017

Historia da pesca e do salgado no Ortegal. Investigación e altruismo


Este pasado venres, 31 de marzo, tivemos en Ortigueira unha interesante disertación, a cargo do historiador Xosé María Leal que tratou sobre a "Historia da pesca e o salgado no Ortegal".
Organizada pola concelleira de Patrimonio, Vanesa Trevin, que presentou o acto celebrado na Biblioteca Municipal, tivo un doble interese:
- Por un lado o citado investigador presentou varias primicias obtidas na sua investigación sobre a chegada dos cataláns no século XVIII á nosa zona; cabe dicir que nesa investigación o Arquivo Municipal de Ortigueira, que calificou de marabilloso, é unha peza fundamental, polos datos, expedientes e legaxos que atesora.
- Pero por outro lado, o acto serviu para anunciar un feito pouco habitual nos investigadores, ben sexa históricos ou doutra rama da ciencia: Leal poñerá a disposición da comunidade de investigadores unha importante relación de documentos, extractos e transcripcións dos mesmos, e incluso bases de datos básicos obtidas en diferentes arquivos de Galicia e de fora de Galicia (como o de Viso do Marqués, en ciudad Real, onde se conserva o Archivo General de la Marina Española Álvaro de Bazán)
Desde hoxe, os investigadores que acudan ao Arquivo de Ortigueira, contarán coa posibilidade de acceder de forma rápida e libre a numerosos datos que doutra maneira terían que buscar en arquivos dispersos perdendo un tempo precioso.
Felicitamos ao investigador Xosé María Leal pola súa iniciativa que seguramente dará máis dunha satisfacción á Directora do Arquivo, María José Villasánchez.

Para rematar, podemos confirmar que o número 4 de TERRAS DO ORTEGAL, que sairá o próximo mes de xullo, contará cun traballo de Xosé María Leal, onde dará conta detalladamente dalgunha das primicias anunciadas no acto.