sábado, 29 de outubro de 2016

TERRAS DO ORTEGAL reforza a súa directiva co investigador Javier Martínez Prieto e anuncia a edición do primeiro libro e dun boletín cultural

.
Tertulia Chema Leal sobre os muiños

Na Asemblea Xeral 2016 da asociación  TERRAS DO ORTEGAL, celebrada este mes, tomáronse as seguintes decisións:

1. En primeiro lugar, aprobar a integración na Directiva de Javier Martínez Prieto, actual párroco de Santa Marta e destacado investigador, que colaborador en varios dos números da revista. Ademáis doutros méritos, cabe citar que foi fundador e primeiro presidente da asociación HUME, de As Pontes, editora da revista de igual nome -que xa vai polo seu número VIII- adicada a temas culturais e históricos como a nosa.

2. Tomar a decisión de publicar un libro de relatos dunha escritora de Ortigueira, que aparecerá no mes de Nadal. Trátase unha nova singradura da asociación, na que se pretenden difundir tanto obras de ficción de autores da zona como textos de ensaio que pola súa extensión ou características aconsellen a sua edición individualizada.

3. Iniciar a publicación dun Boletín cultural de frecuencia trimestral, na que se den conta das actividades das asociacións e colectivos culturais da zona. O Boletín estará coordinado por María Quintiana, xornalista especializada en comunicación. O primeiro número aparecerá tamén no mes de Nadal.

4. Continuar co ciclo de tertulias de temática cultural e social, a útima das cales estiuvo a cargo do investigador Xosé Mª Leal, que versou sobre “Os muíños e a posta en valor do patrimonio. O caso das Terras de Ortegal” e que se celebrou o pasado 14 de outubro, con asistencia notable (véxase foto), na fundación Ortegalia, colaboradora da asociación.

Finalmente, aprobáronse os gastos e ingresos realizados en 2015, que tiveron un resultado moi positivo, así como o rozamento de 2016. De todo isto xa recibiron os/as socios/as cumprida conta.
Lembramos que calquer persoa pode facerse socio da entidade simplemente co pagamento dunha pequena cuota de 15 €/ano, que conleva a entrega gratuita da revista anual.


martes, 4 de outubro de 2016

Presentación de TERRAS DO ORTEGAL en Cerdido e Asemblea Xeral da asociación en Ortigueira

.

Esta semana teremos dous actos promovidos pola asociación Terras do Ortegal. En primeiro lugar, o próximo venres, 7  outubro terá lugar a presentación do número 3 da revista en Cerdido, grazas á colaboración do concello de Cerdido, e en concreto de Cándido Prieto, concelleiro nesa localidade.
A presentación é xa a cuarta que se realizada deste número da revista; antes, presentouse no Barqueiro, Cariño e Ortigueira. Todo isto conforme aos plans da asociación e da revista de difundir traballos de autores ou temas que pertenzan á comarca do Ortegal.

Neste número 3 hai só un artigo adicado directamente ao concello de Cerdido; trátase de "Percorrido pola toponimia de Cerdido", elaborado polo especialista Xosé Luis González, no que vai describindo e interpretando topónimos da freguesía da Barqueira, da de Cerdido, e da dos Casás. Así, no artigo van aparecendo nomes como Malados, As Barbelas, Rioforcado, Viladóniga... ou o propio Cerdido, dos que se da a orixe máis acaída, sempre -segundo o autor- coa intención de poñer en valor a riqueza toponímica de Galiza
O acto de presentación terá lugar na Casa da Cultura ás 8 da tarde.
----

Por outro lado, aproveitamos para informar de que pasado mañá xoves, 6 de outubro, terá lugar a Asemblea Xeral 2016 da asociación Terras do Ortegal, como xa foi convenientemente comunicado a todos os socios/as. Terá lugar ás 8 da tarde do xoves na cafetería do Centro de Visitantes, no Malecón de Ortigueira.
Na mesma darase conta das actividades realizadas pola entidade e das próximas a celebrar, que inclúen a edición dunha obra premiada nun Concurso literario para o mes de Nadal.


luns, 12 de setembro de 2016

Boa acollida do Nº 3 da revista TERRAS DO ORTEGAL

.

O pasado venres, 9 de setembro, tivo lugar en Ortigueira a presentación do número 3 (2016) de TERRAS DO ORTEGAL. O acto desenvolveuse no salón de actos da Fundación Ortegalia, que unha vez máis colaborou nas actividades da nosa asociación.

Na fotografía podemos ver aos participantes no acto, todos autores dalgún dos artigos da revista; de esquerda a dereita: Manuel López Foxo, Xosé Manuel Sierra, Carlos Breixo, Xaquín de Roca e Javier Martínez Prieto.
Carlos Breixo, Cronista Oficial de Ortigueira, e autor dun amplo estudo sobre "A xénese da Vila de Santa Marta", fixo unha presentación xeral dos artigos da revista e dando paso aos diferentes relatores da mesa.

Comezou por Xaquin Campo Freire, "Xaquín de Roca", hoxe párroco de Mandiá (Ferrol) e persoa de fonda formación e compromiso social, quen relatou as vivencias de Ortigueira en 1966, cando el estaba destinado como coadxuctor na parroquia; o seu artigo "Aquela Ortigueira naquel mundo en cambio". Seguiu Xosé Manuel Sierra, "Chema de Couzadoiro", autor dun estudo sobre "Unha parroquia do Ortegal: Couzadoiro", que en adiante será de consulta obrigada. Manuel L. Foxo, autor dun retrato sobre o anterior director de La Voz de Ortigueira "Detras del mostrador: David Fojo Salgueiro", un retrato emotivo e sinceiro sobre o anterior director de La Voz de Ortigueira. Finalmente interveu Javier Martínez Prieto, párroco de Ortigueira, que fixo un relatorio sobre a case desaparecida parroquia de Mosteiro, amosando noi acto unha fermosa campaíña de bronce de principios do século XVI pertencente á citada parroquia.

No coloquio posterior tratáronse diversos temas, entre eles o futuro de Ortigueira poñendo en valor o seu patrimonio ou a posibilidade de recuperar a parroquial de Mosteiro.

Moitos dos asistentes ao acto adquiriron a revista, que recibeu os parabéns pola calidade e variedade dos traballos.
Debemos lembrar que a revista está á venda a 12 € nas librerías de Ortigueira, Cariño, Cedeira e O Vicedo, con notable éxito, pois está próxima a esgotarse a tiraxe de 300 exemplares que se ten feito deste número 3.





martes, 6 de setembro de 2016

Presentación en Ortigueira do Nº 3 de TERRAS DO ORTEGAL

.
(c) Foto: Juan Ínsua


Un ano máis, e xa van tres, temos o pracer de anunciar a presentación do nº 3 da revista TERRAS DO ORTEGAL.
Será en Ortigueira,  o próximo venres, 9 de setembro, ás 8 da tarde no salón de actos da Fundación ORTEGALIA, á que agradecemos a súa colaboración.

Na presentación, coordinada por Carlos Breixo, Cronista Oficial de Ortigueira participarán varios dos auotores que participan neste número, como José Manuel Sierra Pernas, Xaquín de Roca, Fco. Javier Martinez Prieto e Manuel López Foxo.

 O evento contínua a xeira de presentacións realizadas na comarca; así foi o 11 de agosto no Barqueiro, e o pasado venres, 2 de setembro en Cariño. Máis adiante quedará facelo en Cerdido e en Cedeira.

No acto, entregarase a revista aos/ás socios/as da entidade editora.
A revista pode atoparse nas librerías de Ortigueira, así como nas de Cariño e Cedeira.


martes, 26 de xullo de 2016

Exposición fotográfica AMAZIGH, de Jesús Manuel Giz Novo

.

O fotógrafo ortigueirés Jesús Manuel Giz Novo, Suso para os amigos, presentou na Galería IN, de Espasante a súa obra AMAZIGH, unha viaxe de realidade que puidemos ver na última quincena do mes de xullo. Amazigh é unha serie de fotografías a cor que Jesús Manuel tomou na súa viaxe ás dunas de Erg Chebbi, Marrakech e na fronteira de Marrocos con Arxelia, unha mostra que presenta paisaxes, mercados e retratos do pobo Amazigh, mais coñecido como o pobo bereber.

 Esta poboación está localizada no corazón do país, a súa lingua e cultura son milenarias e sempre foron discriminados e relegados a un segundo plano polo Islam.
"Desnudo". Propieddad Obdulia Dopico
                Jesús Manuel Giz Novo é Enxeñeiro Industrial de profesión, pero o que lle gusta é ser fotógrafo, plasmar a realidade da vida. A súa formación artística comeza na pintura no ano 1985, na Asociación Ortegana “Amigos del Arte”. No ano 2010 decide profundizar na fotografía dixital, participando en numerosos cursos, talleres e seminarios. Na actualidade é membro de Expofoto Galicia, Posición B e de Galioart (Ortigueira), onde colabora na realización e organización de talleres, como o que realizaron no último Festival Celta, a pé de rúa.
                O seu próximo traballo será unha reportaxe fotográfica sobre as Terras do Ortegal, segundo anunciou na presentación de Amazigh, na que estivo rodeado de familiares e amigos que o felicitaron pola beleza e impacto das instantáneas realizadas en Marrocos.

                

xoves, 16 de xuño de 2016

Tertulia sobre Novos Museos do Mar en Cariño e Cedeira: o exemplo do museo Massó (Bueu)

.
A cuarta das tertulias que leva organizado a asociación TERRAS DO ORTEGAL, celebrada o venres 10 de xuño de 2016 no salón de actos da Fundación Ortegalia, tratou sobre os novos museos do mar que se están poñendo en marcha na comarca, en concreto en Cariño e Cedeira.
Contouse coa presenza de:

  • Covadonga López de Prado, Directora do Museo Massó
  • José Antonio Rodríguez Arribe, Secretario Asociación Mares de Cedeira (primeiro pola dereita na foto)
  • Emilio Ramil, arqueólogo, Cariño (primeiro pola esquerda).

O acto, que deu comenzo ás 20.00 h, foi presentado por José Manuel Bouzamaior (segundo pola esquerda na fotografía), vicepresidente de TERRAS DO ORTEGAL, que deu a palabra a José Antonio Rodríguez ("Jose de Vigo") que relatou cun entusiasmo extraordinario os pasos que levan dado desde hai anos para poñer en marcha este museo, que está previsto que abra as súas portas no próximo mes de xullo; con moi bon criterio, declarou que o obxectivo fundamental do museo é a comunidade da zona, en especial os nenos, moitos dos cales non sabes hoxe case nada do oficio que desempeñaron os seus pais e avós.


Emilio Ramil deu conta dos pasos da iniciativa -menos avanzada- que se deron nos últimos dous anos por un grupo de catro persoas da vida social de Cariño para difundir a necesidade de crear un museo que conserve a memoria da vila. Falou dos contactos e reunións coa anterior corporación municipal e  con Portos de Galicia para a cesión dunha nave onde instalar o museo, pero recoñeceu que co cambio de goberno derivado das elecións municipais do pasado ano hai un impasse na iniciativa, que debe ser asumidas agora pola nova corporación.

Pola súa parte, Covadonga López de Prado, directora do prestixioso museo Massó de Bueu (Pontevedra) e persoa experta de longo recorrido na museística, fixo a presentación máis extensa, falando por un lado do proceso de creación dun museo, do obxectivo que debe ter, das pezas que debe expoñer ou non, de como deben ser os pasos, focalizando na importancia do proxecto de museo, que personalice e identifique ao novo museo fronte a outros.
Nunha segunda parte falou do propio museo Massó, contando a sua historia, que fixo as delicias dos asistentes, relatando a importancia da conserveira Massó na primeira mitade do século XX, que a convertía na primeira empresa do sector en Europa, a participación dos Massó na pesca de baleas no século XX, hoxe lembrada nunha magnífica exposición temporal que acolle o museo de Bueu.

O coloquio final foi asimismo moi animado entre todos os relatores e o público. Covadonga comprometeu o seu apoio e asesoramento -lembrou que o museo desde mediados dos anos 90 está baixo a titularidade da Xunta de Galicia- aos dous proxectos.








xoves, 12 de maio de 2016

Acto sobre Manuel María no Teatro de Beneficencia

.




O poeta chairego Manuel María é o elexido este ano 2016 para celebrar o Día das Letras Galegas. 
O acto que organiza o Concello de Ortigueira terá lugar no Teatro de Beneficencia o próximo venres, 13 de maio, ás 20.00 h.

O acto contará inicialmente cunha disertación sobre a poesía Manuel María a cargo de Manuel López Foxo,  ortigueirés de San Claudio, divulgador cultural como gusta chamars,e e especialista na obra do autor homenaxeado, co que fixo amizade.
A continuación haberá outra charla de Carlos Diéguez Beltrán, director da Escola de Música de Ortigueira titulada "Lembranzas de Manuel María".
Como moitos saben, Carlos Diéguez, ata hai pouco tamén Director da Banda Municipal de Ortigueira, é natural de Monforte, onde traballaba e vivía  o poeta, polo que terá tamén vivencias moi cercanas.
O acto finalizará coa intervención de tres agrupacións vogais:
- Coro infantil da Escola de Música de Ortigueira
- Coro de Adultos da Escola de Música de Ortigueira
- Coro do IES de Ortigueira.
Unha celebración completa, coa unión da música e a poesía, que agardamos sexa todo un éxito e que esté acompañado dunha asistencia importante do pobo de Ortigueira.


Manuel López Foxo.
Comezou a colaborar na prensa aos dezasete anos, cultivando 
preferentemente  o xornalismo cultural. As súas primeiras colaboracións foron nos anos setenta en “La Voz de Ortigueira” e nas páxinas culturais de “El Ideal Gallego” e  “A Nosa Terra”. Por esa mesma época  impulsou a creación da Asociación Cultural Ramón Cabanillas e a recuperación de figuras como Ramón Armada Teixeiro ou Federico Maciñeira.  Foi, asimesmo, cofundador de Edicións O Paporroibo e coordinador xeral da Universidade Popular de Ortigueira, pola que pasaron as principais personalidades da cultura galega e figuras como José Luís Sampedro. Entre os seus traballos cómpre destacar “Ortigueira na cultura galega”, “O país de nós”, “Os vellos. A memoria da vida e unha cultura que se perde”  e “Sobre a poesía última de Manuel María (1976-1995)”.