![]() |
| Suso Permui escoitando a intervención de Pepe Riola |
O pasado venres 6 de novembro tivo lugar en Devesos, no emblemático edificio da SIR A Devesana, a presentación do libro DEVESOS. A nosa terra, a nosa xente, cuxo autor é Xoán Xesús Permui Saavedra, Suso da Veiga, no que constitúe a súa ópera prima no mundo literario.
Actuou de mestra de cerimonias a escritora Luli Dopico, autora dunha reseña do libro publicada no semanario La Voz de Ortigueira e despois nesta propia web de Terras do Ortegal, que presentou aos outros catro intervintes que acompañaban na mesa ao autor.
Pepe Riola, da parroquia cariñesa de Landoi e estudoso ha historia e tradicións do Ortegal, desde a seu saber popular e de investigador dixo que acompañou a Suso ao arquivo de Mondoñedo para inicialo na difícil tarefa de extraer datos de libros antigos, e que lle revelou claves de utilidade para o seu ensaio. Incidiu no rigor con que está feito o libro tras levar xa dúas lecturas do mesmo.
O mestre César Martínez Yáñez, devesano do Cabradoiro, que cedeu a Suso a fermosa e descritiva fotografía que conforma a portada do libro, así como un mapa-croquis da parroquia feita por seu pai, tamén incluído no libro, tivo unha intervención breve na que contou un par de anécdotas da vida social da parroquia como exemplo do sentir popular, materia na que é un verdadeiro especialista.
O profesor Bernardo Penabade, que colaborou amplamente na corrección do orixinal, orientando con consellos a preparación do manuscrito, tivo a intervención máis longa e analítica. Reflexionou sobre a escritura de libros en galego no Ortegal, marcando o ano 1980 como comezo desta andaina. Puntualizou que máis alá dos libros de edicións O Paporroibo, e dos editados na propia Santa Marta ou na imprenta Fojo, nas outras parroquias do Ortegal foron xurdindo tamén libros en galego.
Citou así a autores como César Martínez Yáñez (1980) e Narciso Luaces Pardo (O carreiro. Memorias do tío Santos, 2000); e no século XXI: Cristian F. Caruncho (2010); Jesús Pardo Novás, Cefucho (As Grañas do Sor. O esplendor dunha parroquia rural, 2013), Emilio Castro Fustes (O campón de Rodela. Moradía de voces familiares, 2016) e Carmen Penín Fernández (Enfiando sentimentos, 2023). Todos eles supoñen un ecosistema ao que o novo libro de Suso non pode ser alleo.
Dixo que o libro tiña unha estrutura (historia, toponimia, patrimonio, etnografía, persoas destacads etc.) que pode considerarse un modelo a seguir por calquera outra persoa para elaborar un estudo sobre unha parroquia concreta. Sinalou, ademais, que este libro sobre Devesos en nada ten que envidiar a algún que hoxe está considerado como modelo de estudo, como é Loureses. Antropoloxía dunha parroquia galega (1984), do antropólogo ourensán Marcial Mandianes.
De seguido, o boticario e vicepresidente de Terras do Ortegal Xosé María Torres apelou en primeiro lugar ás súas raíces devesanas, pois o seu bisavó Ramón Bouza Fernández, emigrante a Cuba con apenas 13-14 anos, nacera en Sevil de Baixo, trasladándose a Santa Marta ao seu retorno da illa caribeña. Informou da súa limitada colaboración na edición do libro, revisando a tipografía e algún outro aspecto do orixinal, destacando que Devesos é xa unha parroquia onde o número de escritores ten certa importancia, citando a César Martínez, presente na mesa e autor de varios libros de texto, a Alberto Vera Meizoso, autor de dous libros sobre navegación e naves, a Emilio Castro Fustes, autor dunha historia familiar, ao que se suma agora Suso Permui. Catro autores nunha parroquia, algo destacado!
Do libro salientou dúas características: a) por un lado que está feito con agarimo, con amor á parroquia, pero tamén con rigor, pois cada dato está documentados en libros, arquivos ou páxinas web. b) que contén a xenealoxía de Federico Maciñeira e Pardo de Lama, o historiador nacido en Mañón, criado en Ladrido e veciño de Ortigueira na súa madurez, pero cuxo avó paterno e ancestros anteriores eran de Devesos.
Pechou a presentación o autor, recentemente elixido presidente da sociedade A Devesana —dando o relevo a Emilio Castro que desempeñou con acerto o posto nos últimos anos—, que revelou as claves, os motivos que o levaron a escribir este libro. Describiu, con marcada emoción, os sete capítulos que conforman a obra e agradeceu a todos a asistencia ao acto.
Completouse o acto coa sinatura e dedicatoria de exemplares da obra a varias persoas que llo solicitaron.
------
O libro pode adquirirse, ao prezo de 20 euros, nas librarías de Ortigueira, en Cerdido (contactar con Diego Rguez. Piñón), e máis adiante noutros lugares da
------
Texto: Xosé María Torres
Fotografías: Lucia Sierra






Ningún comentario:
Publicar un comentario