mércores, 1 de marzo de 2023

Presentación de "O carreiro", de Narciso Luaces, na SIR La Devesana

 


Terras do Ortegal ven de realizar a última homenaxe ó inesquecible Narciso Luaces, mais non a derradeira pois o inxente traballo deste home a prol de recuperar, gardar e compartir con todos os que quixeran acudir a el a nosa memoria histórica está reflectido nunha morea de libros, artigos, faladoiros e, coma non, no propio Museo Etnográfico de Meixido, peza visible e tanxible do seu traballo que implica que o seu estudo polo miúdo dea lugar a moitos máis recoñecementos.

Nesta quenda lembramos a Narciso pola reedición da súa publicación O carreiro. Memorias so Tío Santos despois de facelo tamén nas pasadas semanas en Ortigueira, As Pontes e Mañón. Nela temos un resumo inigualable dunha época por el vivida ó través das pegadas que os contos do Tío Santos, amigo da súa familia, deixaba nun neno coma Narciso, cos ollos ben abertos e cunha curiosidade abraiante e receptiva a todo o que vía e escoitaba, un neno que xa daquela ventaba que o pasado é o alicerce do que agora somos, ou coma dicía Ortega: estamos feitos de Historia. Nesta ocasión, amais, o libro presentouse nun lugar ben relacionado coa publicación pois o seu autor, Narciso sempre levaba presente este lugar, a Sociedade de Instrución e Recreo La Devesana, e da cal amais o protagonista, o Tío Santos, chegou a ser un dos socios fundadores.

E na mesa tamén uns participantes de luxo coma é o caso do propio fillo de Narciso, Luis Luaces, alma vivinte e protectora do legado do seu pai, e sabedor de que Narciso segue entre nós, que o único xeito dun adeus definitivo é a perda do tesouro que foi amoreando ó longo da súa vida, e Emilio Castro, presidente da sociedade acolledora do evento e tamén dalgún xeito protagonista do libro pois polas súa veas corre o sangue do protagonista por ser neto do mesmo Tío Santos.



Luis Luaces, amais de agradecer a aqueles que fixeron que esta nova edición saíra do prelo, non dubidou en afirmar que o libro axuda tanto coma o museo de Meixido a manter os recordos de todo aquilo que seu pai foi amoreando nos seus últimos anos. Emilio Castro, na súa intervención, votou man da súa profesión de mestre e pedagogo para facer unha análise do libro e nos dicir que nel temos un resumo exemplar de todos os temas que se poidan tocar coma é o relacionado coa emigración, os mestres, as familias, os oficios varios, a nosa historia, as feiras, a Santa Compaña, os léxicos xa desaparecidos e esquecidos, e ata o submarino que visitou O Barqueiro durante a Segunda Guerra Mundial; non dubidou en afirmar que Narciso atopou na figura do seu avó Santos, labrego, carreiro e construtor, un home que lle deu moito xogo para tocar todos estes temas que rebulían na súa prodixiosa mente.

Narciso, que sabía de moitas cousas, tamén era sabedor da fraxilidade da nosa memoria, por iso non dubidou en deixarnos moitos escritos e moitas reflexións que no caso do noso amigo, verdadeiro e inesquecible amigo é aínda máis de agradecer polo esforzo que supuxo ó vir dun home autodidacta. E neste libro O carreiro. Memorias do tío Santos fala diso cando no seu limiar di, ás claras, que «soamente pretendo narrar feitos que aconteceron ó longo da vida dun home que viviu entre os anos 1870 e 1951, sendo consciente de que dentro de poucos anos ninguén os poderá contar».

Desde Terras do Ortegal agardamos que estas homenaxes a Narciso, necesarias e sempre insuficientes, poidan servir para espertar a conciencia daqueles que teñen nas súas mans a continuidade da xoia que representa o traballo de Narciso; estamos a falar de xente que sabemos se move tan só polos réditos a corto prazo, mais teñen que saber que non loitar para que o noso pasado permaneza é perder a nosa esencia da que eles, queiran ou non, tamén forman parte. Se se pon o peche a un edificio pódese facer outro, incluso á súa imaxe e semellanza, mais a nosa historia non se pode pechar, nin tan só ignorar, pois é varrernos do mapa xa que a historia é única e non se pode repetir, nin os réditos acadados sairían a relucir.

----------------------

Texto: Manel Bouzamayor

Fotos: SIR La Devesana


Ningún comentario:

Publicar un comentario