xoves, 14 de febreiro de 2019

PROSAS APAIXONADAS, de Manuel López Foxo

Presentación de "Cómaros de mel e roas",
de Manuel López Foxo (1995)



Emulando a don Ramón Otero Pedrayo no libro dos amigos, López Foxo ven de recoller nun interesantísimo libro só para os amigos e amigas, unha escolma dos artigos publicados nos últimos anos en varias revistas e xornais dixitais galegos, xa que o libro non se vende en ningunha librería e abofé que moita xente desexa mercalo. Estamos pois ante unha «xoia literaria» ao alcance duns poucos afortunados.
Os artigos e semblanzas están escritos desde a paixón e admiración que o autor reflicte por personaxes da cultura galega tanto no eido político como literario. O libro consta de 239 páxinas, divididas en catro seccións: «A nación que soñamos», «Do que nos foi iluminando por dentro», «Desde a indignación» e «Alén Nós».

            Non sabemos en que apartado aprendemos máis ou que traballo nos conmove ata o infinito. Todos son didácticos e están escritos co corazón fervendo de paixón e amor a Galicia, pero dende logo o artigo titulado «Lingua de meu, materna, insbstituíbel, memoria común do meu pobo» é dunha poética excelente; así como o apunte do recordado Director de LVO, David Fojo Salgueiro ou o estudio pormenorizado da obra de Manuel María ou Álvaro Cunqueiro, a quen Foxo visitou en Vigo, levándolle unha cesta de mazás de ollo de San Claudio, cando o mindoniense xa case non podía ler nin escribir e valíase dunha lupa.

Entre os autores louvados figuran notables figuras da historia galega, como Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro, Manuel María, Álvaro Cunqueiro, Xohana Torres, Valentín Paz Andrade, Xosé Manuel Beiras, Francisco Rodríguez, Moncho Reboiras, Xaime Bello, Pilar García Negro, Felipe Senén, Lois Diéguez, Avilés de Taramancos, Carvalho Calero, Cuevillas, Pilar Vázquez Cuesta, Novoneyra, Fernán Vello, Marta Dacosta, Pexegueiro, María Teresa León, José Luís Sampedro, a poesía de Medos Romero de alta calidade literaria, e o mencionado don David, entre outros. 


Un libro da altura das prosas apaixonadas axúdanos a descubrir unha Galicia que camiña —pasiño a pasiño— da man dos bos e xenerosos, transmitindo un amor inconmensurable pola terra que nos acubilla e nos engaiola cantando melancólicos fados coma o regato que leva memoria de seu na súa andaina cara ao mar e se perde soñando con momentos que tamén vivimos e que a memoria vai esmorecendo…
Bebemos auga na fonte da Pichoca, camiñamos cara a ribeira, convocamos a maxia de vivir neste xaneiro frío, nunha vella maciñeira canta unha pomba dourada, sobre a ría amada ollamos o «raio verde»… Non é o raio verde, é o Mago Merlín —enviado por don Álvaro— que vén voando cara nós no niño novo do vento e trae un libro ao que volveremos sempre.
Grazas.

---------------------
Ficha técnica do libro:
Manuel López Foxo. Prosas apaixonadas. Ed.: autor. A Coruña, 2018. 239 páxinas. Edición non venal.

Texto: Os paporroibos
Foto (Álvaro Fdez. Polo). Ano 1995. Presentación no Teatro de Beneficencia do libro de poesía de López Foxo: “Cómaros de mel e rosas”, que leva dous prólogos, un de José Luís Sampedro e outro de Manuel María.


.

1 comentario:

  1. Querida Luly...Me encantaría leerlo si me lo prestas...Un abraciño de Dani.

    ResponderEliminar