mércores, 16 de xaneiro de 2019

Exposición de pintura en Cedeira: Estilos II


Diego P. Dopico, María Xosé Rodrígez (concelleira
de Cultura de Cedeira) e Vicente Rodríguez
.



Tres de xaneiro, anoitecía en Cedeira, ía un frío glacial que animaba a xuntarse para respirar a calor humana que desprendían as persoas que agardaban impacientes a apertura da exposición de dous artistas ortigueireses, Vicente Rodríguez e Diego Pérez Dopico, que tiña lugar no Palacete municipal, un fermoso edificio do século XIX rehabilitado polo concello de Cedeira.

Cando a trompeta de Cristopher, cal heraldo anunciador do evento, interpretou as queridas notas do noso Himno Galego e os presentes estalaron en aplausos, entramos expectantes no Palacete para admirar o traballo dos dous amigos pintores que no seu día fundaron Galioart para dar a coñecer o traballo de moita xente involucrada no mundo artístico.
Nunha primeira ollada aos cadros de Vicente percibimos a minuciosidade do seu pincel, a figura engaiolante da nena sempre presente, as paisaxes realistas coas cores apropiadas, en definitiva, unha obra con personalidade propia e selo inconfundible do pintor de Cuíña.
A obra de Diego, que na actualidade firma os seus cadros co pseudónimo de J. Peak, é máis dispersa en matices, abrangue paisaxes coñecidas que non só pinta coa man, senón que emprega toda unha estratexia da paleta na súa cabeza para chegar ao celme do espectador, as alegorías enchen os lenzos e destilan a inquedanza dun mozo con espírito creador.
Os pintores agradeceron o recoñecemento e boa acollida por parte do concello de Cedeira e da concellería de Cultura, polas facilidades amosadas e bo trato recibido. Agradeceron tamén a presenza dos amigos e veciños que quixeron compartir con eles una noite máxica.
Os artistas co pintor Sergey Sozonov
e o fotógrafo José Manuel Giz
A exposición poderá verse no Palacete de Cedeira durante o mes de xaneiro. Merece a pena pasar por alí e disfrutar dos cadros ollando os vieiros que utilizan os artistas para achegarnos a un mundo diferente: Ás veces idílico, ás veces perturbador... Dous estilos. Parabéns!.

-------------------

Texto: Luli Dopico
Fotos: Álvaro F. Polo

Ningún comentario:

Publicar un comentario