mércores, 2 de febreiro de 2022

O xeoparque a debate. Unha oportunidade para o Ortegal?

De esq. a dta.: Xosé Lois Armada,
José Miguel Alonso, Martín Alemparte
e Vanesa Trevín.


Foi un dos actos máis destacados dos que ten organizado Terras do Ortegal nos seus 8 anos de existencia: nutrida asistencia (máis de 50 persoas), interese vivo, debate sen cortapisas, louvanzas e críticas, e duración eterna (case 3 horas!!)

A mesa redonda, coordinada por Vanesa Trevín, arqueóloga e Secretaría da asociación, reuniu a José Miguel Alonso Pumar, alcalde de Cariño e presidente en 2022 da asociación promotora do Xeoparque (formada exclusivamente por concellos), a Xosé-Lois Armada, científico titular do CSIC e bo coñecedor de todo o proceso, e Martín Alemparte, xerente do GDR Courel-Ribeira Sacra, e coordinador do Xeoparque Montañas do Courel, o único que hai aprobado en Galicia.

Paula Vázquez na presentación en Fitur 2022
(Foto: La Voz de Galicia)

Tras un video promocional do proxecto interveu José Miguel Alonso nunha exposición atinada na que fixo unha boa descrición do mesmo, presentado recentemente en Fitur (onde contou, por certo, co apoio da modelo e presentadora Paula Vázquez, nova embaixadora da candidatura). Alonso Pumar asumiu fallos e déficits no recorrido levado a cabo, e sinalou as oportunidades e desafíos que conlevan as achegas de 200.000 € concedidos pola deputación coruñesae os 1,5 M€ concedidos dentro dos fondos Next Generation postpandémicos, ao ser un proxecto seleccionado polo Goberno Central-Xunta. Indicou o próximo nomeamento dun Comité Científico e a apertura de dúas mesas de participación social.


Lois Armada, coa súa boa capacidade analítica, característica dun bó académico, apuntou varios datos pouco coñecidos -ou pouco difundidos- dos inicios da proposta, que datan de 2006, cunha noticia de prensa (“Las rocas del cabo Ortegal son las más antiguas de la Península”), as xornadas celebradas en Cariño no verán de 2007, a publicación por este mesmo concello no lonxano 2010 dunha Guía de campo do complexo de cabo Ortegal (ver foto), a proposta de promover unha candidatura a Xeoparque dende o ámbito político (programa do PSdeG-PSOE cariñé00s para as eleccións municipais de maio de 2011)..., moitas delas anteriores ou non incluídas na Memoria da candidatura, algo inoportuno. Poden verse ampliados estes datos no artigo “El Geoparque de cabo Ortegal a debate: balance y perpectivas” que o profesor da UCM Ricardo Arenas e Lois Armada publicaron no nº 4 (2017) de Terras do Ortegal (páx. 79-95). Lois apuntou varias críticas, como a falta de participación social na proposta e o escaso coñecemento que ten a cidadanía, necesarios para levar a bon fin a proposta, e defendeu a transparencia nas contratacións que se poidan levar a cabo e na execución desesz fondos, reclamando unha participación real nesas decisións.


O exemplo do Xeoparque Montañas do Courel

A intervención de Martín Alemparte, que afondou na necesidade de participación social, foi tal vez a máis sorprendente, polos datos que achegou: 

Intervención de Martín Alemparte
falando do Xeoparque Montañas do Courel

a) o orzamento anual do Xeoparque montañas do Courel é so de 45.000 €, a razón de 15.000 € por cada un dos 3 concellos: Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso do Courel, máis algunha subvención da deputación de Lugo; b) o xeoparque non ten persoal propio: o Coordinador é el mesmo, que está empregado no GDR (Grupo de Desenvolvemento Rural) Courel-Ribeira Sacra; e c) Desde o seu punto de vista o máis importante do xeoparque non é a xeoloxía, senón a posibilidade de crecemento social e económico da comarca que proporciona, pois baixo a marca “xeoparque” poden integrarse industrias, establecementos de hostelería e restauración, adegas de viño, artesáns... e incluso canteiras de lousa, datos dos que ofreceu exemplos concretos. E debemos lembrar que este é o obxectivo que defende a propia UNESCO! Falamos dunha idea moi certera e que tal vez deberíamos asumir tamén aquí: ver a riqueza xeolóxica da zona como unha excusa, ou mellor como unha panca para mitigar a despoboación e a falta de industrias, e de impulso dun crecemento harmónico, sustentable.

Unha parte dos asistentes
no Teatro de Beneficencia ortigueirés

Debate vivo: aparecen os macroeólicos

Xa no debate, varias persoas do público preguntaron e reflexionaron sobre a ameaza que representan os megaparques eólicos no proxecto de xeoparque e na vida e economía dos veciños en xeral, que amosaron grande inquedanza. O debate prolongouse durante case 90 minutos, exemplo da preocupación que se podía palpar entre os asistentes. Outros temas como a exclusión do concello de Mañón na candidatura ou a riqueza botánica da Capelada sairon e foron adecuadamente respondidos polos relatores nun debate vivo e cheo de interese.

A visión de Terras do Ortegal

Dende Terras do Ortegal entendemos a etiqueta Xeoparque que ofrece a UNESCO, como una oportunidade máis para levar adiante un desenvolvemento económico, social e cultural para a nosa comarca por varias razóns:

a) Obríganos a ter unha visión comarcal dos nosos asuntos, abandonando os localismos. Grazas ao proxecto Xeoparque, ata 7 concellos (Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño) comezaron a facer reunións periódicas dende o ano 2015, compartindo experiencias, iniciando colaboracións para dar servizos aos cidadáns, e iniciando o trazado dunhas directrices comúns, acompañadas de financiación, de cara ao futuro.

b) Comezamos a ver con outros ollos os nosos recursos -a xeoloxía, a historia, a arqueoloxía, a paisaxe, o mar, a biodiversidade-, pero tamén o sector primario, a gastronomía, os servizos turísticos, e todas as posibilidades de transformaciónin situque teñen....

c) Este proceso danos unha moi boa oportunidade para significarnos como comarca, ordenar o territorio e decidir todas e todos xuntos, dende Mañón ata San Sadurniño, cara onde irá a comarca do Ortegal e a súa contorna nos próximos anos.

d) Para que os puntos anteriores vaian adiante é necesaria unha boa información e un mellor entendemento con outras institucións, asociacións e estamentos sociais coma quedou claro neste debate esclarecedor.

.


Fotografías: equipo de Terras do Ortegal


Bibliografía citada por Xosé Lois Armada:


- Martínez Catalán et al. (2010): Geología del Complejo de Cabo Ortegal y de las unidades relacionadas del basamento de Galicia. Guía de campo. Cariño: Concello de Cariño.

 

- Arenas, R., et al. (2019): El Complejo de Cabo Ortegal: los terrenos alóctonos del NW de Iberia y los episodios iniciales del ensamblado de Pangea. Guía de campo. Cariño: Concello de Cariño.  







domingo, 23 de xaneiro de 2022

DEVESOS. Aquelas festas do Patrón

O autor e outros compinches, ataviados
con roupa de domingo, aló polos anos 60.
Véxanse os nomes ao final do texto.



Sorrío ao atopar a imaxe que acompaña este texto, entre as láminas dun vello álbum, sobre o que se derramou inexorablemente o tempo.

A instantánea corresponde a un día do Patrón aló polos primeiros anos da década dos 60 do século pasado. Madía leva que perdera nitidez e que moitas desas vidas xa teñan caducado.


O 20 de xaneiro, día de San Sebastián, poucas veces amencía solleiro. En xaneiro o frío e as bategadas eran fieis compañeiras do noso patrón, que como bo mártir resiste case espido e co corpo atravesado de frechas o paso dos anos dende o outeiro privilexiado do altar da nosa igrexa. A verdade é que aos máis cativos da casa tampouco nos preocupaba a climatoloxía de día tan sinalado. A festa habíamos celebrar nos soportais do adro ou por fóra, pero aquela alegría non nola roubaba nin o frío nin a choiva. 

A mañanciña xa viña acompañada polo estrondo das primeiras bombas de palenque que espertaban á veciñanza. Nos cuartos da moitas casas comezaban o trafego que supuña asearse e vestir as mellores roupas feitas ou compradas para o gran día. Cara o mediodía, o adro íase enchendo de mulleres e raparigas agardando polos toques da campaíña para entrar á misa solemne. Pola contra, a maioría dos homes íanse arrimando ás tabernas que se improvisaban aquel día para axudar coa súa recadación á axustar o orzamento dos ramistas.

A igrexa parroquial
de San Sabastián dos Devesos

As mulleres que podían -a meirande parte delas quedaba na casa preparando as larpeiradas para o xantar- saudaban á xente de fóra que pouco máis vían que nesta ocasión. Os cregos, convidados polo párroco, ían chegando coas súas mellores vestimentas para concelebrar a cerimonia. Tampouco faltaban algúns que outros mendigos e tolleitos que xamais foran vistos por aquel lugar.


Misa solemne

A misa, ao ser solemne e cantada, enchía de olor a incenso e música as húmidas paredes do templo. A banda de música agardaba na tribuna ao momento de alzar para tocar o himno nacional que servía de sinal ao fogueteiro para que mandase ao ceo unha bomba ben potente.

Á saída da misa retomábanse as conversas entre os asistentes mentres os máis cativos botaban a correr tralas variñas dos foguetes e os máis mocetes botaban as primeiras olladas pícaras ás raparigas de acó e de acolá. A banda ou a orquestra botaba uns pasodobres e valses que chamábamos as “pezas da misa” e animaban aos primeiros bailaríns e bailarinas a dar acompasados pasos perante a mirada atenta das máis vellas que criticaban ou adulaban os vestidos de estrea que flotaban no ar daquela improvisada pista de baile. Ao rematar as últimas pezas, a concorrencia ía revendo, mentres nas casas agardaban as potas cos mellores e máis saborosos manxares. Pero sen dúbida a paparotada máis completa e concorrida era a da casa reitoral, onde o párroco recibía aos colegas da bisbarra sempre listos para parolar, xogar á baralla e encher os seus campanudos bandullos.

O fermoso edificio da antiga escola
da Devesana, ubicado no Igrexario,
fronte á igrexa parroquial
As reunións gastronómicas alargábanse ata preto do luscofusco. Amais de manducar facíase un reconto das novidades que se albiscarán na mañanciña. Aquelas paroladas eran interrompidas de novo polos novos foguetes tirados á mantenta para reclamar á mocidade para que se achegara ao adro da igrexa onde de novo a orquestra, agora elegantemente ataviada, lanzaba ao ar as novas melodías bailables.

A medida que a noite ía cubrindo o ceo co seu manto mouro, os arredores da igrexa enchíanse de parellas que practicaban apaixonadas fregas só interrompidos pola cativería que corría na procura de variñas dos foguetes ou simplemente para ir aprendendo as habelencias amorosas para unha futura festa do Patrón. Tampouco faltaban as liortas entre aqueles que dedicaran máis tempo á beberacha que aos amores. Pasadas as dez da noite os músicos tomábanse un descanso que aproveitaba a máis da xente para repoñer forzas, ben nas casas próximas á festa ou no Salón que case sempre había nas parroquias. Alí, as aboas destapaban as súas cestas cheas de comestíbeis que sobrarán do xantar principal. Decontado se comía pola pouca fame que había e as moitas gañas de brincar.

Coa lúa sobre o ceo cincento daqueles xaneiros xeados a orquestra afinaba un variado popurrí co que xa entendíamos que a nosa festa tan agardada tocaba ao seu fin. Suorentos e esgotados, cadaquén buscaba as súas sabas para enxaugar bágoas de risa ou desamor e agochar os soños para outro Patrón.


En San Sebastián dos Devesos, no 20 de xaneiro, o día do Patrón. 


Emilio Castro Fustes 

Mestre e licenciado en Pedagoxía.

Foi director do Museo Pedagóxico de Galicia.

Autor de "O campón de Rodela. Moradía de voces familiares" (2016)


Persoas na fotoManolo Cal, "Romay", José Díaz (Pepito do Zapateiro), “Cubano” (con visera, sobriño do señor maior, tamén de Cuba), Emilio Castro (Milucho), Manel Blanco e Antonio Castro Ferreiro.


martes, 18 de xaneiro de 2022

HIXINIO PUENTES NOVO, PRIMEIRO CRONISTA OFICIAL DE MAÑÓN

Hixinio Puentes durante a súa intervención
(foto: Xosé María Torres)


Na tarde do venres, 7 de xaneiro de 2022, fíxose xustiza. O salón de actos do Centro Socio-comunitario de Mañón ateigouse de seareiros da cultura polo feito histórico que alí ía acontecer. Por primeira vez na súa historia o Concello de Mañón goza dun Cronista Oficial, sendo elixido para este cargo honorífico, e por unanimidade, o noso amigo Hixinio Puentes Novo.

Despois das certeiras palabras do alcalde, Alfredo Dovale, home que non perde ningún acto no que a cultura do seu concello sexa un feito a reivindicar, tomou a quenda o profesor Bernardo Penabade, e a importancia do acto fica reflectida no feito de que Bernardo, en contra do seu costume, levara o faladoiro preparado; non quería, xa que logo, que algún trasno rebuldeiro fixera das súas ou que algunha meiga conseguira enfeitizalo para ir na procura doutros camiños non desexados.

O profesor Penabade, sempre dinámico e omnipresente en calquera acto a prol da nosa bisbarra, coa súa inconfundible e feiticeira dicción ateigou de emotividade a sala sen posibilidade de deixar algún recuncho baleiro. Alí contounos que Hixinio leva, dende hai máis de trinta anos, facendo o traballo axeitado co que acadar o título que nese acto se ía impoñer, a única diferencia é que agora pasaba a ser un traballo “oficial” e niso constaba a implicación do cronista pois este cargo leva implícito a proxección de futuro nos moitos e diversos ámbitos. Lembrounos tamén a faceta literaria de Hixinio e, se ben é certo que todas e cada unha das súas obras foron presentadas no seu momento e no lugar indicado para facelo, avogou por facer unhas xornadas de estudo arredor da súa narrativa así como dos premios conseguidos.

O novo Cronista recibindo o título
do alcalde de Mañón, Alfredo Dovale
(foto: David Rguez. Morado)
A resposta de Hixinio ás palabras de Penabade, despois do agradecemento a todas aquelas persoas e institucións que avogaron pola consecución deste título, foron pola mesma vía pois ata as pausas tiñan algo que contarnos. Segundo as súa propias palabras, «O motor xerador desta xeira onde me metín foi a parroquia de Mogor, a miña, mais dende alí foron chamando as outras parroquias ata rematar por desentrañar a historia do Concello, abeirando a produción literaria», «foi un traballo que fun dando a coñecer en publicacións varias como é o caso da revista Terras do Ortegal,

e foi a maneira de que a xente soubera o que estaba facendo», «agora, co respaldo do Concello, atoparemos a canle de comunicación axeitada para dar a coñecer a nosa historia», pois «a historia dun pobo non ten sentido sen un relato, é máis, é preciso este relato que é o que sitúa a historia dun pobo onde se merece», «o traballo de divulgación é tan importante como o de documentación e investigación». Agora Hixinio faise eco do seu nomeamento, o cal implica «estudiar o pasado e preparar o futuro», remexendo xa “oficialmente” nos seus eidos de traballo: a tradición oral, as hemerotecas, as diferentes publicacións, e os arquivos (municipais, diocesanos, navegación, provinciais, rexionais e nacionais), facendo énfase nos arquivo de Santa Marta de Ortigueira como punto de partida para os estudos locais. Acabou facéndose cargo do nomeamento sabedor de que «son consciente da rigorosidade e compromiso con Mañón, coa súa cultura, historia e patrimonio».

Hixinio Puentes acompañado
de Carlos Nuevo, Cronista
de Viveiro, e de Carlos Breixo,
Cronista de Ortigueira
(foto: David Rguez. Morado)
E Hixinio non se despediu sen antes ter unhas palabras, non preparadas, para Bernardo Penabade, e que foron quen de erguer una mesta brétema onde a realidade chegou a fuxir por un intre. Este instante foi aproveitado por Hixi0nio para lembrar o inxente traballo realizado por Penabade a prol do noso ata o punto de considerar que el tiña que ser o verdadeiro destinatario deste honor.

O momento físico da entrega do título foi acompañado dunha ovación sen fin que tan só estaba a reflectir o que viña de acontecer e a subliñar que os alí presentes apoiamos sen fisuras este nomeamento e tamén, como non, que íamos acompañar e axudar a Hixinio Puentes nesta nova andaina.

Rematado o acto, xa podemos estar seguros de que Hixinio vai seguir a traballar polo seu pobo porque para el vén sendo un xeito de vivir e agora aínda máis co pulo que lle dá o saber que non vai estar só, que o Concello vai contar con el dun xeito “oficial” e que todos imos gañar con esa simbiose necesaria e sempre frutífera entre un concello e os seu Cronista Oficial.

Parabéns para Hixinio Puentes Novo, pois el mesmo xa forma parte da historia que está a estudar. Parabéns para o concello de Mañón quen non dubidou en ter a este home ó seu servizo, por unanimidade. E parabéns para todos nós por ter, grazas a xente coma esta, un futuro un pouco máis prometedor.

----------------  

Texto: Manel Bouzamayor




martes, 28 de decembro de 2021

Emotiva homenaxe en Sada a Rafael Fernández Casas, mestre da Devesana asasinado no 36

Cartel da homenaxe a Rafel Fdez. Casas,
mestre exemplar

 

CRÓNICA DUNHA HOMENAXE MOI EMOTIVA

O pasado 11 do mes en curso o morno sol dun outono fuxidío bañaba en Carnoedo (Sada) a costa ártabra para iluminar un dia que se presentaba inesquecible para Rafael Orientado, o fillo de Rafael Fernández Casas, o exemplar mestre da SIR A Devesana. Orientado nacera en Souto (Sada) nunha casiña branca coma a neve, rodeada de roseiras e que fora escola e moradía dunha familia feliz formada por Melisendra e Rafael. 

Despois de 86 anos, por fin, aquel neno que dende o berce presenciou aterrado como uns desalmados levaban violentamente a seu pai, volveu ao territorio daquela efémera nenez. E foi todo mercé ao acto que, con agarimo e sensibilidade, lle organizou a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo de Sada.

Orientado Fdez. Lamelas,
fillo do mestre asasinado no 36
Orientado e Sira, a súa dona, escoitaron emocionados as voces daquela xente nova que, coñecendo a vida entregada de seu pai como mestre comprometido, moderno e progresista, que alumeara aos seus devanceiros naquela aldeíña que se perde nunha estrada estreita chea de voltas e reviravoltas e que acubillou unha xeración de rapaces ledos e ben preparados. Palabras de agradecemento e recoñecemento a un profesional entregado e inserido na vida cotiá da súa veciñanza, entre a que destacou nomeadamente Xosé Antón Suárez Picallo tanto pola proximidade das súas vivendas coma pola afinidade ideolóxica. Rafael sucedería a Xosé Antón á fronte do Ateneo de Cultura Política e Social de Sada.


Destacados membros da cidadanía de Sada, entre eles o alcalde, Benito Portela, directivos da asociación para a Recuperación da Memoria Histórica da Coruña e de distintas asociacións veciñais e un numeroso público encheu as aulas daquela escola cargada de historia. 

De esq. a dereita.: Orientado e Sira,
Emilio Castro e Vanesa Trevín
A asociación Terras do Ortegal, que participou nesta homenaxe de maneira activa, estivo representada pola súa directiva Vanesa Trevín e o socio e estreito colaborador  de Terras do Ortegal, Emilio Castro, veciño e amigo de Orientado. Nome este, por certo, que Rafael lle puxo a aquel cativo como recordo do que el empregaba como alias na loxía masónica de Santiago de Compostela, onde fora activo integrante. As posteriores vicisitudes que tivo que padecer a súa viúva, Melisendra, forzárona a desprazar aquela elección paterna por outra máis acorde co santoral cristián que tivo que abrazar para que o bautizara en Devesos, pasados case dous anos, o ínclito cura Orjales, aquel que no seu día forzara a clausura da escola laica “La Devesana” onde exercía entusiasta o bo de Rafael e onde coñeceu á súa amada Melisendra.

Pensamentos e lembranzas que, ben seguro viñeron á memoria de Orientado neste día de decembro tan especial e seguramente difícil de esquecer. Agora só queda recuperar os restos de Rafael, como é o desexo da súa única familia devesana, e volvelos á terra onde foi tan feliz e onde o agarda a súa esposa.

-------------------------------

Texto: Emilio Castro Fustes

Para máis información, véxase: Castro Fustes, Emilio. "Rafael Fernández Casas. Un maxisterio de compromiso e paixón en terras do Ortegal". Revista Terras do Ortegal nº 4 (2017), páx. 39-52.





xoves, 11 de novembro de 2021

Unha visita para coñecer os secretos do pazo do Plantío

 

Foto de grupo dos visitante coa anfitriona,
 Paloma Teijeiro Núñez (2ª pola esqda.)
no patio porticado do pazo.


No lugar do Plantío na parroquia de San Xoan de Espasante (Ortigueira), atópase o pazo de Rasamontes, ou pazo do Plantío, construído en 1640 pola familia Tenreiro de Andrade. Hoxe pertence á familia Teijeiro, de ampla difusión e importancia na historia de Ortigueira dos últimos dous séculos; a última Tenreiro foi Dolores Tenreiro de Andrade e Lage, que no séc. XIX casou con Cándido Teijeiro Mones, importante personaxe da historia da nosa vila.

Invitados por unha das propietarias, Paloma Teijeiro Núñez, varios membros da directiva de Terras do Ortegal, acompañados de dúas técnicas do departamento de Cultura do concello e da Biblioteca Municipal, visitamos o pasado 14 de outubro este pouco coñecido pazo. Cunha acollida excepcional, a anfitriona fíxonos un recorrido por todas as estancias do pazo, ofrecéndonos explicacións detalladas de parte da longa historia que sucedeu entre aquelas paredes.

Fachada principal do pazo
con ornamentos renacentistas nas ventás



O edificio

A construcción levantouse adaptándose ao desnivel do terreo, que baixa hacia o río Dola. Ten planta rectangular, na que se utilizaron os materiais tradicionais desta zona, pedra para os muros e lousa para a cuberta. O piso do chan e o teito son de madeira.

Presenta dúas entradas, a principal, orientada ao este, flanqueada no camiño de acceso por grandes columnas cilíndricas que tal vez soportasen un emparrado. Nesta fachada, que no pasado lucía un escudo herádico dos Tenreiro de Andrade, que nalgún momento foi retirado e trasladado a outro lugar, hai varias ventás ornamentadas con frontóns de evocación neoclásica. A entrada ao edificio da acceso ás cabaleirizas e cortes e a un patio interior de pranta cadrada, de estilo italiano, tal vez o elemento arquitectónico máis singular, que articulaba a dúas alturas o resto de la edificación. Trátase dun espléndido patio porticado a semellanza dun claustro monacal, onde a decoración das columnas e outros puntos do mesmo fíxose recebando partes e deixando outras con trozos de pedra ao ar. Desde aquí subíase á primeira planta onde estaban as estancias principais.

Paloma Teijeiro Núñez, a anfitriona, e o presidente
de Terras do Ortegal, Manel Bouzamayor.


A outra entrada, no lateral norte e que da acceso directo á vivenda, abríuse posteriormente cando se construiu a estrada Ortigueira-Viveiro pola costa, terminada en 1881, aproveitando a altura que se lle deu á estrada. Está flanqueada por dous bancos, un fronte do outro a modo de parladoiros, construídos co innovador -para a época- cemento Portland, nome usado (“o pórlan”) polos habitantes da casa para referirse a estes elementos.


Colección de libros formada polo presbítero
Miguel Tenreiro de Andrade no séc. XVIII


Capela e relixiosidade no pazo

Segundo o recordo familiar, a capela do pazo, en lugar de construirse a carón do mesmo, como é habitual, foi levantada no lugar do Atrio, a 800 m (onde hoxe se sitúa a igrexa parroquial de San Xoán de Espasante, reedificada en torno ao ano 1695, e a rectoral anexa) para unha maior cercanía dos feligreses da parroquia. Uns datos curiosos que habería que confirmar.

No referente á decoración interior da vivenda, aínda se pode ver mobiliario antiguo, relicarios e pequenos altares, e un cristo con panos dourados, posiblemente da segunda metade do séc. XVII e que segue tendo un gran valor sentimental para a familia. 

A entrada nova na cara norte do pazo,
flanqueada por bancos ao estilo dos parladoiros.
Pode verse tamén o teito de lousa.

Todas as estancias do pazo teñen unha advocación relixiosa: Horto das oliveiras, san Xosé... Nunha delas, dedicada precisamente a san Miguel, hai unha pequena biblioteca formada por libros adquiridos por Miguel Tenreiro de Andrade, párroco de San Xoán de Espasante e do seu anexo, San Xiao de Céltigos, a finais do séc XVII, volumes que merecen un estudo detallado, e que poden achegar máis información sobre este presbítero ilustrado. Ademáis, no pazo conserváse un libro-caderno con anotacións da memoria da familia (casamentos, bautizos, defuncións...); tamén hai documentación diversa, títulos académicos e fotografías antigas da familia.

Fachada principal, onde se pode ver modificacións
realizadas, así como un dos piares que flanquean
o camiño de entrada


No lado sur da propiedade, hai unha horta con árbores froiteiras, que baixa ao río Dola. A vivenda, que amosa o paso do tempo, e está sendo sometida a unha rehabilitación paulatina polas súas amplias dimensións, é hoxe residencia habitual, máis numerosa durante o verán, dos membros da familia propietaria.

Os pazos galegos formaron parte da historia de Galicia durante sécuos e a súa arquitectura aínda é a día de hoxe representativa da paisaxe galega. No caso que nos ocupa, o de Rasamontes, todavia conserva a singularidade e o encanto desas construccións.



Texto: Marta Fraga, Mónica Armada e Xosé Mª Torres



xoves, 21 de outubro de 2021

O PRACER DE RELER, o novo libro de López Foxo

 



Cos primeiros días de outono, cunha alfombra de mazás e noces debuxando un mapa de letras nos campos de San Claudio, chega ás mans dos amigos un libro, moi ben editado, de Manuel López Foxo. Dedicado a Francisco Pillado, poeta, dramaturgo e editor, falecido o pasado agosto, conta cun prólogo de Goretti Sanmartín Rei, que nos invita a imaxinar un collage da nosa vida ollando fotos de antano e facendo un simil coas lecturas que marcaron o devir dos tempos idos e que nalgún momento volvemos a elas e ficamos de novo engaiolados descubrindo o pracer de remoer nas lembranzas.

Ler, pensar, sentir… é un todo. A paixón polos libros fáinos libres, mellores persoas e crea un vínculo de amizade difícil de romper. De aí que o libro de Manolo, escrito con mestría profesional e unha prosa frutífera, nos leve a empezar a lelo polo final, mergullándonos na estadía de José Luis Sampedro nas terras do Ortegal e un ensaio sobre a novela Real Sitio, cun anexo interesante das cartas que o profesor foi enviando durante varios anos, nos que tamén mandaba un décimo de lotaría polo Nadal para o Paporroibo a ver si tocaba e seguiamos editando libros.

José Luis Sampedro e o alcalde Jesús Varela,
na inauguración en 1990
da II Universidade Popular de Ortigueira
(Foto Pepe Blanco)

Tamén agasallara ao concello cun libro de Firmas, tal como lle prometera ao alcalde Varela en San Andrés de Teixido, en proba de agradecemento pola boa acollida que lle déramos nestas terras norteñas, nas que sentía o abalo da Ría crecendo ou decrecendo coma un lento latexo oceánico. Non sei se tal libro está gardado, está en activo, ou se perdeu nalgún caixón institucional.


No ano 1995 envía Sampedro unha Solaina para un finísimo libro branco de poemas, Cómaros de mel e rosas, de López Foxo, con belísimas ilustracións de Álvaro Fernández Polo, recordando aquela semana que pasara entre nós, durante a segunda Universidade Popular, da que non nos esqueceremos nunca. O Prólogo do devandito libro resulta ser de Manuel María, o poeta chairego, que di quedar sorprendido co poemario: «Un libro apaixoado, como ten que ser a poesía. Amoroso e erótico, cun fondo paisaxístico».


Manolo nunha imaxe
do seu fermoso libro de poesía
Cómaros de mel e rosas
editado por Ed. O Paporroibo



E de Manuel María tamén fala Foxo no «Pracer de reler», recollendo un traballo: “A poesía última de Manuel María. Os libros que abren o seu canto final”, e de: “A luz resucitada”, no que canta o amor pola súa dona Saleta.

Resumindo, o libro que dende hoxe ocupa un lugar privilexiado nos andeis laranxa, consta de cento oitenta e cinco páxinas que engloban vinte e oito textos seleccionados sobre os autores que brillan con luz propia na biblioteca do autor e que non imos a enumerar, pero que vostedes teñen que descubrir se lles gusta ler.

Cando cae a tarde na Atalaia do Francés e a Capelada amosa a ferida da mina de dunita de Landoi, un mar verde de eucaliptos vixía as montañas da néboa que lembran con cariño ao noso primeiro editor don David Fojo Salgueiro.

Aí empezou todo. Neses pre pensares que diferencian entre o temporal e o eterno. Non si, Manolo?

Luli Dopico

------------------------------

Ficha técnica do libro:

LÓPEZ FOXO, Manuel (2021): O pracer de reler. Ed: autor. 15 x 21 cm. 188 páx. Non venal.





martes, 19 de outubro de 2021

Cando marcharon os Dominicos do Convento de Ortigueira?



A esa pregunta deu resposta o noso admirado Julio Dávila nun artigo titulado “Dos efemérides santamartesas”, publicado en 1945 no semanario La Voz de Ortigueira, e do que extraemos unhas cuantas citas, que iremos reproducindo a continuación.

Por el sabemos que o pasado 13 de setembro de 2021 se cumpriron 186 anos da marcha dos Dominicos do convento ortigueirés, onde residían os membros da orde dos predicadores mendicantes desde había séculos.

A exclaustración do clero regular foi un paso máis que deu o pensamento ilustrado en España no final do Antigo Réxime. Xa en marzo de 1834 decretárase o peche dalgúns conventos que se sospeitaba axudaban aos carlistas (a guerra comezara en 1833); ao tempo, prohibíase a admisión de novicios e obrigábase a entrar en quintas para servir no Exército aos xa existentes.



Finalmente, o goberno de  José María Queipo de Llano, Conde de Toreno, en nome da raíña gobernadora María Cristina de Borbón (viúva de Fernando VII), decretou a real orde de Exclaustración Eclesiástica de 25 de xullo de 1835 pola que se suprimían todos os conventos con menos de doce relixiosos profesos. Era o caso do convento de Dominicos de Ortigueira.

Emblema dos Dominicos:
Cruz grega en forma de flor de lis,
a dúas cores branca e negra
(ou prata e sable en Heráldica),
típicas do hábito dominicano


Lista de moradores no convento

En aplicación disto, e segundo Dávila, o 13 de setembro de 1835 producíuse a saída dos frades, que eran os seguintes:

  • Padre prior frei Benito Rodríguez.

  • Padres frei Bernardo Blanco, frei Domingo Suárez, frei Miguel Uteda, frei Juan Benito Bermúdez e frei José Vega, todos eles maiores de cincuenta e cinco anos.

  • Leigos(*) profesores Manuel Rodríguez Villalba e José Soto Martínez.

(Como complemento, ao final da entrada vai a listaxe de frades que había en 1822, publicada por Federico Maciñeira no seu libro Crónicas de Ortigueira). Todos eles «foron agarimosamente hospedados polo vecindario da Vila, na que gran parte deles terminaron a súa existencia».

Foi o final da presenza dos Dominicos en Ortigueira, a onde chegaran a principios do século XIV ou tal vez incluso a finais do XIII, segundo ten suxerido o Cronista Oficial de Ortigueira, Carlos Breixo. O novo edificio non levaba moitos anos construído, pois databa de 1758, en que se rematou a contrucción, que durou 10 anos. A igrexa conventual anterior fora demolida por ruinosa e colocárase a primeira pedra da nova o 18 de xullo de 1776, inaugurándose o 7 de xullo de 1793. E incluso a contrución da fermosa torre rematara en 1816.

Ocupación posterior do edificio

O edificio foi ocupado polo Estado en 1836, e tras diversas vicisitudes e retrasos, o 9 de decembro de 1842 tomou posesión del o alcalde José María Romero Ginzo para destinalo a «cárcel, casa consistorial, escola, cuartel da Milicia Nacional e parroquia».

Finalmente, o 30 de decembro de 1849 pasou a instalarse alí a igrexa parroquial, por traslado dos elementos sacros da anterior que existía na igrexa do Ponto. E iso, pese a que o párroco, José María Vila, entre outras cousas, se queixaba de «quedar a casa rectoral bastante distante da igrexa e con malísima rúa, de maneira que varios días do inverno é case intransitable». Apunta Dávila que a vía que comunicaba o Ponto e o convento «da que xa desapareceron os soportais, e que entonces era coñecida pola rúa do Medio», e que hoxe recibe o nome de rúa do Príncipe (véxase neste mesmo blog "A rúa do Príncipe de Ortigueira... a que príncipe se refire?".

Acababa así a presenza dominicana de máis de cinco séculos en Ortigueira. Aos historiadores compete facer unha análise da súa presenza na nosa vila.


------------------ 

(*) Leigo: membro dunha orde relixiosa que vivía nun convento ou mosteiro pero que non estaba ordenado como sacerdote. Normalmente os leigos ocupábanse dos talleres, granxas, hortas, cociñas, etc.

(*) Moradores do convento no ano 1822 segundo Federico Maciñeira:

     - Prior: P. F. Antonio de Dios.
     - Predicadores: Joaquin Solvera e Domingo García
     - Monxes: Tomás Cañas, Domingo Suárez, Manuel do Val, Francisco Camiña, Benito Gil, José Cabo, José Vega, Isidoro Outorelo e Clemente López.
    - Leigos: F. Manuel do Rosario, Juan Rodríguez e Manuel Rodríguez Villaver

--------------------------------
Texto: Xosé Mª Torres