xoves, 4 de outubro de 2018

Ortigueira na memoria II: O arquitecto Leoncio Bescansa e o enxeñeiro suizo Mathias Wirz e o chalet de Segunda Calvo


Na entrada anterior falábamos do coñecido chalet de Ortigueira construido polos esposos Manuel García Blanco e Segunda Calvo. O arquitecto da obra foi Leoncio Bescansa Casares, mentras que o aparellador foi o enxeñeiro suizo Mathias Wirz, de quen imos falar primeiro, pois foi o que máis relación tivo con Ortigueira e as terras do norte da Coruña.
O enxeñeiro suizo Mathias Wirz
Como dicíamos, o aparellador ou director das obras, foi o enxeñeiro suizo Mathias Wirz, ao que cita Anxo Rosende(1) na sua Guía de Ortigueira, e califícao de autor do deseño do chalet, extremo inexacto dacordo coas informacións disponíbeis da familia Calvo. Mathías Wirz Jenny, segundo a páxina web “falamedesansadurnino.org” (da que tomamos numerosos datos e a foto do enxeñeiro Wirtz) naceu en 1885 en Basilea (Suiza); era un enxeñeiro especializado en sistemas de calefacción. De feito, chega a España en 1906 para instalar a calefacción no Palacio Real e no Senado en Madrid; alí conocería ao senador -por Segovia- Francisco de Asís Arias-Dávila-Matheu e Bernaldo de Quirós, marqués consorte de San Sadurniño(2), para quien faría obras no pazo da súa esposa, María Natividad Quindós e Villarroel. Por certo, que do marqués-consorte tense dito que era un curioso e rancio personaxe que se opoñía á chegada da luz a San Sadurniño -que él sí tiña no Pazo- porque "los campesinos no necesitan la luz eléctrica para nada". Tamén conseguiu afastar a estación de tren de San Sadurniño a tres kilómetros do pazo, a pesar de que iso supuxo alonxala do núcleo da vila, para non verse perturbado polo fume das locomotoras nas súas terras. Con todo, isto semella unha visión algo maniquea; por un lado, quen coñeza a orografía da zona sabe que o camiño de ferro non pode seguir o trazado da estrada (que por outro lado, partiu polo medio a finca do pazo, eliminando a capela), con pendentes imposibles para un tren. Por outro lado, consta a acción benefactora da Marquesa cara os seus veciños.
O arquitecto coruñés Leoncio Bescansa

Wirz sería, porén, autor do proxecto da chegada da luz a San Sadurniño en 1919, en donde tiña casa, se ben o seu domicilio habitual e centro de negocios estaba na capital provincial. Era este un personaxe destacado, de relixión protestante, e que ingresaría na Masonería española; realizou diversas obras para importantes familias galegas, como a García Blanco-Calvo de Ortigueira; durante as estancias que tería que facer en Ortigueira por motivo das obras, sábese que residía no hotel Comercio, ubicado nun edificio existente no solar que ocupa hoxe a sucursal ortigueiresa de Abanca. O hotel, do que falaremos noutra ocasión, estaba rexentado pola familia Blanco-Pérez.

O arquitecto do chalet


O autor do proxecto do chalet foi Leoncio Bescansa Casares (1879-1957), un importante arquitecto coruñés, discípulo de Gaudí, e calificado como un dos últimos modernistas, aínda que despois derivou hacia o eclecticismo. Estudiara arquitectura en Madrid (graduado en 1903), e tras diversas ocupacións, instalouse na Coruña en 1912. Foi tamén arquitecto diocesano de Mondoñedo; por iso, especializouse en proxectos eclesiais e escolas, entre as que destacan as Escolas Labaca (1912), a sede do Banco de La Coruña (1923) -hoxe sede do BBVA no Cantón Pequeno- así como a Maternidade Labaca –hoxe hospital Oncológico– e a Capela Labaca de 1926, todas na Coruña.


Notas

(1) Rosende, Anxo. Ortigueira. Guía histórica e social da vila de Santa Marta e as parroquias do seu concello. Concello de Ortigueira. 1992.

(2) Consultado en: http://www.falamedesansadurnino.org/imaxe/mathias-wirz-en-san-sadurnino

------------------

Texto: Xosé María Torres

Ortigueira na memoria I: O chalet de Segunda Calvo e do seu esposo Manuel García Blanco


Chalet deseñado polo arquitecto Leoncio Bescansa


O chalet do que falamos é unha construcción que, coa súa palmeira diante, aínda chama a atención a cantos pasan ao seu lado en Ortigueira. Foi construido nunha época en que nesa parte da marxe dereita da avenida de Alonso Pernas (actual avenida Escola de Gaitas), había moi poucos edificios construídos; existía a casa do notario José Antonio Calvo Montero, unha casa -non a actual, que se edificaría pouco después- do industrial ferreteiro Gonzalo Prieto Cao (dous veces alcalde de Ortigueira); ao seu carón a do comercio de alimentación de Vicente Cao, e algo máis alá a do médico Bermúdez Cobián, sempre con destacados colores, e que ainda conserva unha breve escaleira con tres chanzos de acceso desde a beirarrúa.
Segunda Calvo Moreiras naceu en Ortigueira en 1888, os seus pais decidiran darlle unha educación sólida, que non podía impartirse en Ortigueira. Recordemos que nesa época o Grupo Escolar do Salgueiro aínda non se construira (erixiríase en 1909, durante a alcaldía de Manuel Sandomingo Crego, con deseño e dirección de obra do arquitecto provincial Julio Galán), e a escola de nenas estaba instalada na praziña dos Ánxeles, no edificio do antiguo consistorio, en non moi boas condicións, nin educativas nin materiais. Por iso é enviada interna(1) ao Colexio das Esclavas do Sagrado Corazón de Xesús de Salamanca; alí, nese centro educativo inaugurado en 1899 e ubicado no casco histórico salmantino, estaría interna Segunda e completaría a súa educación primaria e secundaria. Neste mesmo colexio estudiarían tamén varias nenas das máis de importantes familias orteganas.
Palacio de Blanco. Cienfuegos (Cuba)
Tras recibir una educación esmerada, Segunda casa en 1910, cando contaba 21 anos, con Manuel García Blanco, de 42 anos, veciño da Coruña; Manuel nacera en 1868 en Santa Cruz de Rivadulla (Vedra), se ben a súa nai era de Ortigueira; Manuel estaría asimesmo relacionado coas familias orteganas Teijeiro e Maciñera. Era un importante propietario e rentista, ao ser apoderado do seu tío, o ortigueirés Manuel Blanco Ramos (nacido no barrio da Magdalena en 1828-A Coruña, 1905), e dono desde mediados de 1870 do inxenio azucreiro Santa Rosalía, e cuxa memoria se conserva no Palacio Blanco de Cienfuegos (Cuba), un fermosísimo edificio construido en 1871, e enclavado no casco histórico cienfueguino. Manuel García Blanco a primeiros de séculos vivía en Galicia, tendo un Cuba un encargado.
Manuel, coa súa esposa, Segunda, decide adquirir o solar contiguo á vivenda do pai de Segunda, o notario José Antonio Calvo Montero, e construir alí unha vivienda. En marzo de 1921(2), solicitaba ao concello ortegano permiso para edificar unha casa de "sótano, planta baja y piso alto” nun terreo que adquirira previamente. O permiso, tralo informe e visto bó do enxeñeiro provincial de Obras Públicas, Enrique Molezún, sería asinado polo alcalde accidental, Vicente Sandomingo CregoDo autor do proxecto constructivo, o arquitecto Leoncio Bescansa, e do director das obras, o enxeñeiro suizo Mathias Wirz, falaremos nunha próxima ocasión.
Ao cabo de 12 años de matrimonio, e sen ter fillos, Manuel García Blanco falece en 1922 na Coruña, pouco despois de ver construído o chalet, cando tiña 55 anos. Nel seguiría vivindo Segunda ata a década dos 70, cando faleceu, compartindo as estancias co seu domicilio en Madrid, onde vivía na época invernal, así como viaxando por diversos países do mundo. Segunda adicaríase ao cuidado de seu pai, por quen sentía verdadeira admiración, e do resto da familia, irmaos e sobriños.
Primo de Rivera en Ortigueira
Ubicado na entrada da vila, en lugar estratéxico, o chalet fue testemuña en xullo de 1924 da chegada a Ortigueira do Xeneral Primo de Rivera, á sazón Xefe do Goberno e do Directorio Militar desde o ano anterior. Diante do chalet, como sinala Rosende(3):
"A avenida de Alonso Pernas estaba engalanada con flores, colchas, vistosos gallardetes, e un arco trunfal frente ao chalet de Segunda Calvo, coa seguinte adicatoria: <<Ortigueira y su comarca al salvador de España>>”. 
Curiosamente, nesa misma ocasión, o alcalde Ramón de la Peña e outras autoridades orteganas marcharan ao Campo do Hospital a esperar a comitiva presidencial, no "magnífico automóvil, que nun acto patriótico lle cedera dona Segunda Calvo”. Tratábase do elegante Packard propiedade da familia Calvo.
Elena Quiroga en Ortigueira
Unha das persoas máis destacadas que fixo unha estancia no chalet, para visitar a Segunda Calvo foi a escritora Elena Quiroga(1), no ano 1949; nesa estancia dun par de meses, xurdiría a idea da novela Viento del Norte -que se desenvolve no cercano pazo de Brandaliz- coa que a puxante e novel escritora gañaría en xaneiro de 1951 o premio Nadal 1950.
O edificio na actualidad, e desde hai varias décadas, pertence aos irmáns Vicente e Emilio (este último xa falecido) Castro Sanjurjo, que desde Venezuela, onde residían, soían acudir regularmente a esta singular edificación.

NOTAS
(1) Torres Bouza, Alfredo. Elena Quiroga, autora de Viento del Norte, en Ortigueira. Ed. Terras do Ortegal. Ortigueira, 2018 (en prensa).
(2) Arquivo Municipal de Ortigueira. Sección Obras. 1921.

(3) Rosende, Ánxel M. (1990). Un día diferente. Crónicas da vida social dos orteganos (1881-1931). Imprenta Fojo, Ortigueira. 1990.
------------------

Texto: Xosé María Torres




luns, 1 de outubro de 2018

Terras do Ortegal en Santo André de Teixido

Vista do Santuario á nosa chegada







O sábado 29 de setembro, día de San Miguel arcanxo, un grupo de amigos e seareiros do noso, atendendo á chamada de Terras do Ortegal, embarcámonos nun gratificante percorrido até o Santuario de Santo André de TeixidoSanto André de Lonxe

Camiñando pola península de Leixa
(San Adrián)
Dun xeito tradicional, con saída desde o peirao de Santa Marta na barca pilotada polo ortigueirés-gaditano Rafa Rguez. Teijeiro, e membro da Directiva da asociación, cruzamos a ría e fixemos terra en Fornelos, peirao de San Adrián, para continuar a pé até chegar ó coñecido Santuario.


Na capela do Socorro Vello



Foron 13 km e andaina, nun día que semellaba feito adrede para nós, e na compaña dun guía impagable e bo coñecedor das terras que ían ser testemuña do noso paso: Pepe Riola; grazas a el soubemos algo máis do vello camiño e, xa que logo, das calamidades que tiñan que pasar os nosos devanceiros para poder levar unha codia de pan ós beizos; da historia, produto da liorta entre particulares e cregos, das capelas do Socorro Novo e Socorro Vello; das interpretacións que Ramón Bascoy dera a algún punto sinalado; dos amilladoiros, coma penitencia dos peregrinos na teima da axudar ás almas en pena, e hoxe silenciosas testemuñas do noso pasado; e das historias e lendas, pequenas ou grandes, das poboacións dos lugares que atravesamos: Cerdeiras, Biduido, Meizoso, Chao da Armada ou Teixidelo.
No Santuario, algúns dos romeiros con D. Antonio Rúa

O recibimento por parte do crego de Santo André e de Régoa, D. Antonio Rúa, e a misa que dedicou a esta singular, amena e sen par peregrinaxe, rematou nun xantar de confraternidade que, entre faladoiros varios, foi o colofón desexado para conseguir converter unha ancestral andaina nun tesouro de coñecemento e amizades.
Un dia xurdio para a Romaxe



Sinal do que vimos de redactar é que, aínda non rematada a odisea, xa tiñamos anotadas algunhas ideas para as seguintes a realizar; ó fin e ó cabo, a Capelada está tan preto de nós na distancia coma lonxe nos segredos que ten agochados, e a nosa teima é desentrañalos; Pepe Riola xa ten o título de mestre e grandes desexos de compartir a súa sabedoría.

 ---------------  

Texto: Manel Bouzamayor
Fotos: Mª Jesús Rodríguez Rey

mércores, 26 de setembro de 2018

Un crego carismático e polifacético: Antonio Rúa, vigairo parroquial de Santo André de Teixido


D. Antonio Rúa (cedida)



Hai agora un ano que don Antonio Rúa Saavedra foi nomeado párroco de Cervo (Santa Olalla), Régoa (Santa María), Montoxo (San Xulián), Montoxo (San Román), Esteiro (San Fiz), Vilarrube (San Martiño) e vigairo parroquial de Teixido (Santo André), lugar onde tivemos o gusto de coñecelo cando fomos facer unhas fotos do Santuario para ilustrar o meu próximo libro: «Viaxe ao Alén».

Grazas ao noso cura de Ortigueira, don Xavier Martínez Prieto, que nos falou del, amosándonos os seus debuxos e cadros, o crego Rúa foi todo un descubrimento, artisticamente falando, porque primeiro foi a obra e seguidamente a súa palabra a que nos engaiolou, e pasamos dúas horas gozando coa súa conversa.
Vista de San Andrés (cedida)
Don Antonio naceu en santo Tomé de Lourenzá, o 19 de xaneiro de 1968, estudou o bacharelato en Mondoñedo e continuou a carreira en Santiago, no Instituto Teolóxico Compostelano, facendo tamén a licenciatura en Historia do Arte e ampliando estudos en Madrid, nunha academia de Restauración do Patrimonio Histórico. Dende moi neno pinta e debuxa. O seu mestre foi Puchades, con quen aprendeu as variadas técnicas que domina.

Entramos en cuestión:
Hai máis turistas que romeiros en Teixido?
Digamos que ao cincuenta por cento, está nivelado, veñen moitos turistas, pero tamén moita xente ofrecida e agradecida ao santo. O que me asombra e a gran cantidade de xente nova que acode á romaxe.
Cales son as tradicións que seguen vixentes?
Capela do Socorro
Oír a misa, poñer o santo, acender unha vela, baixar ata a fonte beber auga e lavarse, esas na parte relixiosa. Logo en plan lúdico levar como recordo a vara de abelá co ramiño de teixo e a herba namoradeira, mercar as típicas roscas, os sanandresiños. Como non! tomar unha caña e uns pinchos nos bares da contorna. E facer fotos, moitas fotos.
Cales son os días que acode máis xente ao Santuario?
O día da Romaxe, 8 de setembro, e o 30 de novembro, día do Santo, que tamén toca unha banda. Pero agosto e setembro está cheo de persoas que veñen de todos os lugares, especialmente da zona das Rías Baixas, tamén andaluces, madrileños e moitos brasileiros. Vén xente do mundo enteiro.
Cristo ou cruceiro dos Carrís
Seguen levando exvotos?
Si, mércanos alí, como as candeas, e déixanos na igrexa.
Falenos da 'cripta', por chamarlle dalgún modo.
Aquelo debeu ser como un almacén, pois cando se afundiu o teito, apareceron restos de caixas de mortos. Un bispo mandou retirar os cadaleitos  que había na igrexa porque era un pouco tétrico e gardáronse alí. Logo amañouse e agora hai todo tipo de testemuñas dentro.
Pero aínda queda unha caixiña branca…
Foi dunha nena que xa é maior, aínda vive e vén sempre dar grazas pola súa milagrosa curación.
Que ten de máxico santo André?
Baixando para o Santuario
E un lugar vinculado á morte e á fertilidade dende hai miles de anos. Foi un bosque sagrado celta, lugar de teixos, cunha liturxia panteísta que cambia cos tempos, pero as tradicións veñen de antes, lavarse na fonte é un rito de purificación, levar un paxel dun morto e deixalo por alí colgado, levar unha pedra para o amilladoiro, o símbolo da barca de pedra, os sanandresiños, imitación das reliquias das casas, colgar un pano co que se refregou a pel…  
Procesión en Teixido 2018 (foto cedida)
Todos eses costumes aparecen en moitos santuarios galegos que transmigraron ata aquí. E logo está o eslogan máis vello do mundo: «A San Andrés de Teixido vai de morto quen non foi de vivo». Xa se sabe que non se pode pisar ningunha sacarrancha que vaia polo camiño, pois pode ser unha alma que vai penando, segundo a tradición, o lugar vén sendo o paso das almas para o máis alá, «ou de vivo ou de morto hai que pasar por alí!»
Que falta en santo André?
Pois creo que habería que embelecer o lugar, facer un estudo do entorno e que non se vexa só como un posto de tenderetes. Falta un espazo museo e que arranxen a pista que sobe por San Adrián, polos Socorros, que está desfeita. Hai pouco creouse unha Asociación que pode ter futuro. Editan libros e teñen un posto informativo onde entregan unha credencial (tipo Compostela) conforme se visitou —de vivo— o lugar, tamén dan folletos e dan as explicacións pertinentes.
Cripta


Cóntenos algunha anécdota.
Unha que me contaron a min. Había un señor que xa morreu, viña tódolos anos e alugaba unha habitación por un tempo. Polo visto herdara un gran capital e a xustiza ía acabarlle con todo, no último momento, anteo xuíz, cando xa daba todo por perdido, pediulle axuda a santo André e presentouse na vista un avogado descoñecido para el, que o defendeu maxistralmente e ganou o pleito. Aquel home chegaba a igrexa, sentábase nun banco e rezaba todo o día.
Para rematar, explíquenos o valor artístico do lugar.
Debuxo de D. Antonio Rúa (cedida)
É unha igrexa tardogótica, na fachada norte hai unha porta que constitúe un dos máis valiosos elementos do edificio. O interior presenta un retablo do século XVIII cunhas fermosas columnas barrocas e un apostolado que rodea o relicario dourado que contén a reliquia do santo, unha peza única, de gran valor.


Volver a Teixido de viva, mergullarme na beleza do entorno, vibrar coa fe ancestral que se respira no ambiente, falar con don Antonio e quedar con el para facer unha exposición dos seus traballos na Casa Reitoral de Ortigueira, cando se presente o meu libro, resultou ser o epílogo que lle faltaba á novela.
Que Deus llo pague.

-------------------  

Publicado no semanario La Voz de Ortigueira nº 5.332. 14 setembro 2018.

Texto: Luli Dopico.
Fotos: D. Antonio Rúa ("cedidas") e Luli Dopico.

mércores, 12 de setembro de 2018

Deliciosamente rural ou guía para comerse literalmente o Ortegal








Fanática como son da repostería caseira, polas miñas mans teñen pasado centos de libros sobre pasteis, postres, madalenas, biscoitos... Teño botado horas navegando por blogs de todo tipo á procura da receita máis saborosa, visual e impactante.
Atopei certamente cousas moi xeitosas pero nada parecido á marabilla que supón a ópera prima de Ingrid López Hall. 


En “Repostería saludable vestida de flores”, Ingrid, ortegana de adopción dende hai xa case dez anos, fainos unha proposta doce para cada un dos doce meses do ano. 


Pero non se trata dunha larpeirada calquera, non. As súas son propostas sostibles, tirando do que a natureza proporciona en abundancia segundo a estación do ano na que nos atopemos. Son madalenas, pasteis e biscoitos sans, con recomendacións para substituír produtos refinados, como a fariña de trigo procesada ou o azucre branco, por outros máis beneficiosos para o noso organismo.

Pero por riba de todo son receitas sinxelas, elegantes e orixinais ao alcance do público non iniciado, feitas para degustar e impresionar.

  Ao longo das case trinta e cinco páxinas das que consta o receitario, Ingrid vainos descubrindo, con gran gusto e estilo, como a flor do toxo pode coroar un fantástico biscoito de cabaza e chocolate converténdoo nunha peza saborosa, saudable e visualmente atractiva.
Neste must have culinario, redescubrimos as posibilidades de flores da nosa zona pouco usuais na repostería como o romeu, as margaridas ou o trevo vermello (tan abundante en calquera recuncho do Ortegal). 

Ata as agullas dos piñeiros de Morouzos participan como figurantes da posta en escea das madalenas especiadas con fariña de castaña. Así de creativo é este manual de repostería único que explora e explota o potencial da flora autóctona. 

Doce receitas doces para doce meses. Unha coidadísima edición. Delicadeza, elegancia e bo gusto por igual en todas e cada unha das páxinas e cálidas fotografías tomadas pola propia Ingrid, completan a súa proposta deliciosamente rural. 


Eu, que tiven a grandísima sorte de probar todas e cada unha destas receitas mentres se xestaba este libro, mirarei de agora en diante con outros ollos a riqueza culinaria que a nosa contorna ofrece.




--------------------
Texto: Noa Orizales
Fotos: Ingrid L.H.

Ficha técnica: Ingrid López Hall. Repostería saludable vestida de flores. Deliciosamente rural. Ortegal (Galicia). Febrero 2018. 35 páxs. Tamaño: 15×23 Tapa dura. PVP: 17,50 €

Dispoñible en: www.deliciosamente rural.com
Correo-e: info@deliciosamenterural.com
Pode adquirirse tamén nas librerías de Ortigueira.

                 Colofón:   La Vida es Incierta. ¡Cómete el Postre primero!




sábado, 8 de setembro de 2018

Presentación do libro: "NARCISO LUACES PARDO. O infatigable compromiso coa terra"






O libro dos amigos, como así se chama, foi presentado o sábado 11 de agosto en Freires, cando se cumpría o XIX aniversario da inauguración do museo etnográfico de Meixido, que con tanta paciencia e cariño foron levantando Narciso e a súa dona Herminia, que en paz descanse.

Nunha agradable tarde agosteña déronse cita ao pé da entrañable casa de Narciso —chegado de Viveiro para a ocasión— un nutrido grupo de familiares, veciños e amigos, convocados pola S.I.R. La Devesana e por Terras do Ortegal, nun acto no que quixeron amosarlle a Narciso a súa admiración polo traballo realizado ao longo de tantos anos.


Logo da visita guiada, percorrendo as estancias nas que se gardan os tesouros de outrora da nosa terra galega, deuse paso a presentación do libro, editado pola asociación Terras do Ortegal, que consta de 128 páxinas. Na portada vemos unha ilustración de Luís Luaces Covelo, fillo de Narciso, as fotografías do interior son de Enma Sandá e Antonio Bello, a coordinación editorial estivo a cargo de Emilio Castro Fustes.


Presenta artigos de diversos autores, entre eles Vicente Peña Saavedra (licenciado en Ciencias da Educación, e promotor do MUPEGA), escribe sobre «Verbas amigas de veciñanza para termar do legado patrimonial do museo etnográfico», Emilio Castro Fustes (mestre e licenciado en Pedagoxía), logo dun limiar cunha entrañable crónica dunha velada que da paso ao libro dos amigos, fala de: «Narciso, coñecemento e intelixencia ao servizo da cultura popular. 

Carlos Breixo, Cronista de Ortigueira, abrangue a figura do homenaxeado, considerando a Narciso: «Un home do seu tempo»; 
César Martínez Yáñez, mestre vencellado aos movementos de renovación pedagóxica e normalización lingüística, titula o seu artigo: «Do medieval ao dixital». 
Bernardo Penabade (profesor no IES de Burela e licenciado en Filoloxía Galego Portuguesa) achéganos «A obra escrita de Narciso». 
Xosé María López Ferro, mestre e Director da Fundación Museo Etnográfico Monte Caxado (As Pontes de García Rodríguez), da conta na súa achega do que significa para todos Narciso como persoa.
Pecha o exemplar a relación completa da obra bibliográfica de Narciso-


O libro é unha homenaxe máis que o pobo de Ortigueira desexa tributar a tan egrexio fillo. 






Ao remate do acto, os presentes degustaron saborosas viandas regadas con bo viño galego, recibindo Narciso as felicitacións de todos e regresando de novo a Viveiro, onde reside actualmente.
------------

Texto: Obdulia Dopico
Fotos: Álvaro F. Polo

Publicado no Heraldo de Vivero, nº 4.125, do 17.08.2018 e en La Voz de Ortigueira, nº 5.330, de 31.08.18


mércores, 5 de setembro de 2018

O debate sobre o nome da Serra Faladora

Indicador de situación da serra Faladora
coa denominación  hiperenxebre.


Chámase Serra e apelídase Faladora. Ademais de por ser unha das integrantes da cordilleira dorsal que vertebra verticalmente a comunidade galega (desde o mar Cantábrico ao río Miño xa na confluencia con Portugal), é coñecida polo seu  "lombo" -así chamado popularmente-: porque por el discorre un vello camiño de arrieiros que une As Pontes e a Estaca de Bares; porque nel hai numerosos enterramentos megalíticos (estudados por Federico Maciñeira); e porque actualmente acolle un grande parque eólico con capacidade para abastecer de enerxía eléctrica a demanda da cidade da Coruña.
Centro reemisor de TV visto desde o Camiño dos Arrieiros.
Ao oeste, unha das numerosas mámoas da Serra Faladora.
(Foto: B. Penabade)
Máis alá das lendas da tradición oral, a Serra Faladora aparece en diversas obras literarias e ensaísticas. Filomena Dato Muruais en Follatos (Ourense; 1891) recrea a vida de Ildefrida, vítima dos ciúmes do rei suevo Remismundo (do século IV):

"Moi preto de Mondoñedo está a Serra Faladora, onde aínda de Ildefrida os tristes berros se escoitan; aínda hoxe aos pasaxeiros con voz doente lles roga: — Mataime por compaixón, que a miña culpa traidora está xa ben castigada e xa é tempo de que eu morra! Os irmaos de Remismario metéronme nesta cova". 
A pena Faladora
Pola súa parte, Florencio Vaamonde Lores en Prosas varias (1897) tamén a cita á hora de facer unha descrición panorámica da orografía galega o mesmo que fai Florentino López Cuevillas no número 40 da Revista Nós (1927) nunha serie de artigos que recollen o contido das "Papeletas para o inventario das mámoas galegas".
Alteración do nome
Como consecuencia do hiperenxebrismo, o nome da Serra Faladora tivo unha alteración e esta chegou a ter tal fortuna que agora mesmo convive en posición privilexiada coa forma auténtica. En 1926, Ramón Otero Pedraio publicou Guía de Galicia (Madrid; Espasa Calpe) e no terceiro dos parágrafos do texto transforma o apelido da Faladora introducíndolle un -i- deixándose levar pola alta frecuencia do ditongo decrecente en idioma galego. Pouco despois, ao describir o relevo da "Galicia Occidental", fai unha aclaración que reforza a nosa tese da confusión: fai equivalencia entre Faladoira e Faladora ao estilo de Lourenzá e Lorenzana e Fonmiñá e Fuente Miñá, como se  as primeiras fosen as auténticas e as segundas as adaptacións ao que daquela era único idioma oficial.
Mámoa do Forno dos Mouros

En 1945, Guía de Galicia ten a súa primeira edición feita na nosa terra -concretamente da man dos Sucesores de Galí, de Santiago de Compostela- e en 1954 entra no catálogo de Galaxia. Deste xeito foise divulgando a forma exótica (con ese -i- emparentado co apóstrofo que tanta fortuna tivo nos nomes de negocios hostaleiros). Seis anos máis tarde, en 1960, o mesmo Ramón Otero Pedraio usa o mesmo hiperenxebrismo dentro do léxico xeral nas páxinas de O Señorito da Reboraina cando alude a "unha muller de raros tesouros de amor e ao remate cavilosa e faladoira á maneira dos literatos".  
Lugar do Candedo nas Grañas do Sor.
Ao fondo o alto da Coriscada, continuación da serra
en dirección a Estaca de Bares.

A forma con ditongo atravesa o Atlántico por primeira vez e ve a luz en Buenos Aires na Historia de Galiza publicada por Edicións Nós na capital arxentina en 1962. No mesmo lugar e no mesmo ano pasou da Xeografía á Xeoloxía e dunha pluma a outra. Neste caso quen a usaron foron Isidro Parga Pondal e Xaquín Lorenzo Fernández.
Xa superada a transición política, e co idioma galego oficializado, a denominación alterada cruzou de novo o Atlántico, desta vez para entrar e tentar asentarse a través das páxinas da Xeografía de Augusto Pérez Alberti tamén editada por Galaxia (1986). De aí pasou non só á cartografía senón tamén á literatura, á sinalización das estradas e aos libros de texto.
Espasante e Ladrido vistos desde o Alto da Faladora.


As razóns da forma Faladora
Coa chegada do período democrático, nos ámbitos cultos a forma con ditongo foi considerada como a boa e iso provocou que a auténtica entrase en declive por eclipse case total. Por iso é necesario facer esta chamada de atención e proclamar que, inequivocamente, a Faladora debe continuar sendo Faladora
Estas son as razóns concretas:
1ª.- En toda a comarca (As Pontes, Ortigueira e O Barqueiro) así como no oriente das Terras do Sor (O Vicedo, Ourol e Muras), a forma Faladora é exclusiva na fala espontánea. Dado o avanzado proceso de interferencia que padece o idioma, este non é un argumento definitivo, mais si é moi importante.
Carta xeométrica de Fontán (1845)
co nome de "Sierra de la Faladora"
2ª.- A semántica dos sufixos -ora e -oira, ambos existentes no idioma, aconsellan a forma Faladora, en consonancia con "bailador" e "Bailadora" e "comedor"  e "comedora".  Existe, si, un "comedoiro" ou "comedeiro" ou "comedeira" (o "baño" ou "pía" en que se lle bota de comer aos animais)  que é diferente do "comedor" (sala da casa ou cualidade do ser de bon dente). 
Da mesma maneira tamén existen "faladoiro" como foro ou reunión en que se fala (véxase o Faladoiro, espazo matinal da Radio Galega) e "falador", adxectivo cualificativo para sinalar a quen no fique de boca calada.
3ª.- Finalmente, a análise dos documentos escritos non deixa lugar para as dúbidas: a Pena Faladora, situada na parroquia das Grañas do Sor, debe seguir dando nome, por extensión, á Serra Faladora.
Así leva sendo desde hai bastante máis de mil anos e así queremos que continúe durante moitos outros que han de vir.

-----------------

Texto e fotos:   Bernardo Penabade