luns, 26 de marzo de 2018

Presentación do Quinteto de Vento ORTY BRASS

.



ORTYBRASS  é unha formación de cinco músicos, todos eles de Ortigueira excepto un. Somos músicos de ampla experiencia no mundo das bandas de vento. O nome vén de xuntar dous termos: Orty (polo nome da vila) e Brass que en inglés significa "metais", en clara referencia aos instrumentos que tocamos; así, formamos o que se chama un quinteto de metais:
- 2 trompetas, Juan Sixto Sueiras (trompeta concertino, 21 anos) e Christofer Martínez Sandomingo (trompeta 2ª),
- 1  trompa, William A. Peckens Lorenzo (28 anos), 
- 1 bombardino, Manuel Ramos Castro (19 anos)
- 1 tuba, José Javier Melgar Bellido (43 anos), natural de Xixona (Alacante).
Arrancamos no mes de febreiro do ano pasado, 2017, nun local de ensaio que nos cedeu o concello nos baixos do antigo Hospital de San Roque, onde ten a sede a Escola de Gaitas, pero ao pouco tempo cambiámonos ao local no que na actualidade estamos a ensaiar, na rúa Magdalena.
Este proxecto cultural ten o seu alicerce nunha inquedanza por facer música cunha formación máis pequena, fora da banda tradicional, ensaiar un repertorio diferente, e facer colaboracións con outras formacións da vila (sexan musicais ou non).

Da man de Carlos Caramés, director da Coral Polifónica de Ortigueira fixemos as nosas primeiras actuacións;
- Na misa da Patrona do ano pasado interpretamos a Misa de Manuel Cela para coro e instrumentos de vento (obra que foi estreada na visita do Papa á catedral de Santiago no ano xacobeo).

- Esa mesma obra a tocámola nas festas das Grañas no mes de setembro e logo tamén na festividade do Pilar en San Sadurniño, onde tamén interpretamos o "Ave verum corpus" de Mozart.
- A última actuación que fixemos foi con motivo do Pregón de Semana Santa que realizou o Bispo de Mondoñedo, Mons. Luis Ángel de las Heras, o pasado 9 marzo na igrexa parroquial de Santa Marta; aquí interpretamos música relixiosa para coro e intrumentos de vento.
No futuro queremos ampliar o número de músicos e de instrumentos para chegar a conformar unha auténtica "Brass Band" para dar unha ampla oferta musical dentro da bisbarra e manter durante todo o ano -e non só no verán- un bo abano de actividades musicais no concello.

(Autoría do texto: José Javier Melgar Bellido)

mércores, 21 de marzo de 2018

Os deputados polo distrito de Ortigueira. O exemplo do deputado Fernandez Latorre (1891-1910)

.
Foto: La Voz de Galicia

Os que teñan visitado algunha vez o salón de sesións da casa consistorial de Ortigueira terán visto un retrato situado na cabeceira dese espazo. A persoa retratada, de impresionante barba, é Juan Fernández Latorre, que fora en varias ocasións deputado a Cortes polo distrito de Ortigueira hai máis de 100 anos, pero que é coñecido sobre todo por ser o fundador do diario La Voz de Galicia.
Houbo unha época, cando menos entre 1850 e 1949, en que as circunscricións electorais en España eran comarcais, ou por dicilo máis exactamente, coincidían cos distritos ou partidos xudiciais. Non é o caso de agora, en que as circunscricións son as provincias, cun número de deputados a elexir que varía entre 3 e un máximo (nas provincias de Madrid e Barcelona) que sobrepasa os 30.

Na época que citamos, no distrito de Ortigueira elexíase 1 único deputado, que por forza tiña que facer campaña propia, ser coñecido polos electores, e render contas regularmente, pois senon para a seguinte vez non saía elexido. Cousa diferente ocorre na actualidade.
Pero vaiamos ao motivo desta entrada, que é a enumeración de todos os deputados que entre 1850 e 1949 foron elexidos polo distrito de Ortigueira, e que podemos ver neste enlace, pero que transcribimos para maior facilidade de consulta, por orde alfabética:


ALBERT DESPUJOLS, CARLOS


CALDERÓN DE LA BARCA CERUELO, PEDRO


CARAMÉS Y GARCIA, DOMINGO


CARBALLO COUSIDO, DANIEL


CRESPO BELLO, FELICIANO


DONATO VILLARNOVO LOPEZ, VICENTE


FERNÁNDEZ LATORRE, JUAN


GULLÓN Y GARCIA PRIETO, ALONSO


MENDOZA MAYOL, MANUEL


PITA ROMERO, LEANDRO


PITA Y LAMAS, LEANDRO


REGUEIRA MARTÍNEZ, CANDIDO


RIVERO ZAPICO, JOSE VICENTE


RODRÍGUEZ Y RODRÍGUEZ, GASPAR


SALAMANCA Y MAYOL, JOSE


SÁNCHEZ ANIDO, JOSE


SOTO BARRO, TEOLINDO


VILLASUSO ESPIÑEIRA, FIDEL


VIÑAS VALDUESO, JUAN JOSE



A enumeración comprende a 19 nomes -todos varóns, ningunha muller- e algúns deles pode resultar coñecido para o lector atento á historia de Ortigueira. Como Daniel Carballo Cousido, a quen está adicada a Alameda da nosa vila; ou Feliciano Crespo Bello, destacado cargo da Falanxe local; Vicente Donato Villarnovo López, empresario  en diversas actividades e banqueiro -tiña unha casa de banca na seu propio domicilio, un amplo edificio de sete portas edificado e aínda existente na rúa Manuel Sandomingo- e que tamén fora alcalde de Ortigueira; Alonso Gullón  García-Prieto, varias veces deputado nos anos de 1910; Leandro Pita Lamas e Leandro Pita Romero, moi coñecidos, sobre todo este último, que chegaría a ministro da II República, a máxima maxistratura pública desempeñada por un fillo de Ortigueira.

Xa menos coñecidos serían tal vez Teolindo Soto Barro, que sería avó de Luis de Funes; Fidel Villasuso Espiñeira, acaudalado emigrante en Cuba, conselleiro fundador do Banco Hispano Colonial (despois Hispanoamericano), que axudou na construcción do actual cemiterio de Requeixo, onde está enterrado nunha tumba presidida por unha chamativa coluna ou Cándido Regueira Martínez, indiano non menos rico que o anterior, que tamén participou na construcción do cemiterio, e a quen se lle debe a construcción, en 1870 da actual Casa Rectoral da parroquia de Santa Marta, no Cantón ortegano.
Foto: Wikipedia
Pero de todos eles, o que durante máis tempo desempeñou o cargo de deputado do distrito, durante 19 anos, entre 1891 e 1910, foi Juan Fernández Latorre, político republicano -progresista diríamos hoxe- e moi coñecido por ser o fundador, en 1882, do diario La Voz de Galicia.
En Ortigueira continua hoxe a súa presenza, pois desde 2004 leva o seu nome a Biblioteca Municipal.

Quede aqui, pois a relación dos deputados do noso distrito para coñecemento de todos.











martes, 6 de marzo de 2018

Presentación do libro "Elas”, da profesora Aurora Marco sobre mulleres galegas pioneiras.

Intervención de Aurora Marco
(Foto XMª Torres)


Este ano, a data do 8 de marzo, Día da Muller Traballadora, está dando bastante que falar, entre outras cousas pola convocatoria dunha folga feminista en toda España. En Ortigueira, e centrándonos no ámbito que lle é propio a TERRAS DO ORTEGAL, que é o da Cultura e o Patrimonio, tivo lugar este martes, 6 de marzo, un acto destacado, coa presenza da profesora e escritora Aurora Marco para impartir a charla "Romperon barreiras e ocuparon espazos. ELAS”, e ao tempo presentar o libro, de título homómino, ELAS, que presenta a biografía de 38 mulleres que foron pioneiras en Galicia no seu ámbito. O acto complementouse coa inauguración ao final da charla, no claustro alto do concello, dunha Exposición de 8 pintoras galegas.
Aurora Marco. Fonte: AELG

Este completo evento foi levada a cabo polo Centro de Información da Muller (CIM), de Ortigueira, que está coordinado por Ana Dopico, a quen felicitamos por esta nova iniciativa de interese. O acto en sí foi presentado pola tenente de alcalde, Vanesa Trevín, e a asistencia do editor,  Xosé Manuel Calviño.
En canto ao libro, ópera prima da editorial A Xanela, cómpre dicir que presenta dúas características; por un lado, é unha verdadeira xoia bibliográfica; trátase dunha edición premium, numerada e limitada a 150 exemplares, e que conta con serigrafías de varias pintoras. Por outro, o elevado prezo da obra evitará a sua difusión xeral. Confiamos, en todo caso, que na Biblioteca Municipal existirá un exemplar para consulta e disfrute dos lectores. A autora puyo diversos templos de mulleres pioneiros, como Exeria, a monxa que no século IV peregrinou soa a Palestina, ata Lola de Penelas, unha oleira de Gundivós, porque a profesora marco pretende amasar non só ás grandes persoas -unha almirante do século XVI ou unha erudita- senon a mulleres sinxelas, "anónimas" dixo expresamente, unha mirada pouco habitual no mundo da Historia. A selección feita de biografías é só unha mostra das case 400 mulleres estudadas pola autora ao longo de máis de 30 anos de investigación. 

Está escrito todo? Pois non, como ela mesmo recoñeceu, hai pouco se publicou unha breve biografía da primeira muller matriculada  -en 1896- na universidade de Santiago, e primeira licenciada en Farmacia, en 1900, de Galicia: Manuela Barreiro Pico, natural de Viveiro e con farmacia aberta en Ribadeo durante varias décadas. Segue sendo necesario seguir investigando!

A autora, Aurora Marco é catedrática de Didáctica de Lingua e Literatura Galega na USC, e ten xa un longo percorrido investigador no que a loita feminista e a posta en valor do traballo das mulleres é unha constante, con numerosos libros publicados que son hoxe material de consulta obrigado.

É unha honra contar en Ortigueira coa presenza desta investigadora, e moi oportuna a decisión de usar o Salón de Plenos, a antigua sala capitular do que foi convento de Dominicos, para esta presentación, que por certo tuvo unha asistencia destacada, cunha cincuentena de asistentes, mulleres sobre todo. Non se trata da primeira vez que se usa este espazo noble para a presentación dun libro, pero sen dúbida é un marco axeitado para destacar a importancia do obxectivo que se pretende, que é poñer en valor o traballo das mulleres e acabar coa desigualdade. Fermoso obxectivo!


sábado, 24 de febreiro de 2018

O Fuciño do Porco, un exemplo da toponimia do Vicedo

Foto: Teresa Pérez (La Voz de Galicia)



Cunha imaxe do Fuciño do Porco, fermoso lugar costeiro do Vicedo ubicado xa na ría de Viveiro comezou na tarde deste sábado no Vicedo unha interesante charla sobre Toponimia. A Toponimia non é ningún termo médico similar á anemia, senon a ciencia que estuda a orixe e significado dos nomes de lugar. 
Con esta pequena nota de humor comezou a charla que sobre a toponimia do Vicedo tivo lugar esta tarde na casa da cultura desa vila Xosé Luis González, colaborador da revista TERRAS DO ORTEGAL, que por certo, ofrecerá no número 5 da revista, que sairá dentro de poucos meses, unha nova mostra desta interesante temática.
A charla foi organizada pola asociación NORDÉS, que continúa o seu interesante traballo de posta en valor dos recursos da comarca atravesada pola serra Faladoira.
Xosé Luis González, natural das Negradas, é enxeñeiro de Telecomunicacións e traballa en Madrid -con viaxes frecuentes por motivos profisionais polo Centro e Leste de Europa- pese ao cal visita con moita frecuencia a sua terra natal, implicándose en iniciativas como a de Nordés. Interesado desde hai anos na toponimia, foi pouco a pouco formándose neste difícil -e ás veces traicioneiro- campo  da toponimia e da etimoloxía.
Ademáis de aclarar que en realidade o Fuciño do Porco -que está a rivalizar en popularidade co noso Banco de Loiba-  se chama en realidade Punta Socastro (isto é "debaixo" ou "ao pe do castro"), deu antes de entrar en detalle sobre o significado dos topónimos da zona, varios datos de interese:
Xosé González (esquerda) e José Antonio Quelle,
membro de Nordés, á dereita
  • Máis do 40% dos topónimos españoles están en Galicia; incluso antes, a proporción ainda era maior. Esta abundancia está ligada, como non, a que a meirande parte dos núcleos de poboación españoles están na nosa terra.
  • Máis do 70% dos apelidos en España proceden de nomes de lugar, que son, ademáis, os más antigos.
  • Os nomes dos ríos en Galicia teñen unha orixe anterior á romana, isto é, que se conservan con pequenos cambios os nomes que lle daban os nosos antergos. Isto significa que hai unha continuidade na xente que vivía aqui hai xa 4.000 anos.
  • A toponimia, máis alá dun coñecemento especializado no ámbito lingüístico serve para coñecer a historia da zona. Por exemplo, a existencia de varios nomes coas denominación de "viñas” ou "lagar” indican que nalgún momento na zona se cultivaba a vide e se producía viño. Iso é algo que sabemos por outras fontes escritas, que nos indican que aínda que hoxe non se cultive a uva, sí se cultivou ata mediados do século XIX, en que a peste do oidium, a partir de 1850 acabou coa produción vinícola nesta zona de Galicia, que nunca se recuperou.
  • Xa na charla en si foi debullando ante un numeroso público que case enchía o auditorio o significado de nomes da zona: Segade, Negradas, As Alpuxarras, A Ínsua, Maladas, Noche, Os Navallos, O Rego dos Bois (que non se refire a ningún animal), Riobarba, Suegos, A Telleira, Vilasuso... e dando conta ao final dos apelidos con orixe na zona nunha charla animada e con moitas preguntas dos asistentes.
Felicitamos unha vez máis ao colectivo Nordés e ao relator e remitimos ás persoas interesadas a consultar en internet varios blogs que o autor ten de acceso libre coa explicación do significado dos nomes de centos de lugares da comarca:








luns, 12 de febreiro de 2018

EXPOSICIÓN DE PINTURA DE DIEGO PÉREZ DOPICO E SERGEY SOZONOV NO CONCELLO

PÓDESE VISITAR DURANTE TODO O MES DE FEBREIRO
.
Sergei Sozonov e Diego Dopico



Acabo de visitar a exposición que Diego Pérez Dopico e Sergey Sozonov colgan no primeiro andar do concello de Ortigueira. Coñezo a obra de ambos por tela visto nalgunhas mostras colectivas nas que compartían paredes con outros artistas, e subindo as escaleiras, pensei que, os dous sós, enfrontados, por así dicilo, poderían producir un choque visual no que un deles, según o gusto do espectador, sairía mal parado.
Pensamento erróneo. Ao entrar na sala un sorpréndese de que, malia ser temáticas e técnicas completamente distintas, que chegan por un lado á abstracción e acércanse polo outro ao hiperrealismo, como despois comprobará o visitante, hai unha especie de harmonía cromática no ambiente que, ata que se visualizan os cadros de xeito individual, fai que o espectador non se decate tan axiña como sería de esperar, é dicir, instantaneamente, onde remata a obra de un e comeza a do outro. 
A chica do Pazo (Sozonov)
A chica do Pazo (Sozonoz)

Empezarei polo final. Porque alí, ao fondo da galería, están colgados catro nus de Sergey, que conforman a serie “La chica del Pazo”, que, sen dúbida, están entre os mellores que vin en moito tempo. Estou seguro de que a súa ubicación non ten outro obxectivo que o de dotar ao conxunto desa harmonía da que falaba antes, e non ten nada que ver co que o escritor Javier Marías chamaba acertadamente, na miña opinión, “as sete pragas do politicamente correcto importadas dos Estados Unidos”, ou co actual tsunami de puritanismo impulsado pola mesma xente que tenta volvernos ao século XIX ou anteriores, se cadra, e que, sorprendentemente, empeza a ter consecuencias, espero que puntuais e anecdóticas, no ámbito artístico.
Retrato de vello (Sozonoz)
Véxase o caso de Balthus no Museo Metropolitano de Nova York ou o máis recente da Galería de Arte de Manchester, no que o afectado foi J. W. Waterhouse e o seu “Hylas e as ninfas”, de 1896, tema este último do que Miguel Anxo Murado fíxose eco nun espléndido e irónico artigo publicado na Voz de Galicia. 

 Pero volvamos ao que nos ocupa. O nu, como é sabido, tivo sempre un lugar preeminente na aprendizaxe da pintura, porque o dominio da súa técnica implica ter coñecemento de todos e cada un dos elementos que se lle esixen a unha obra artística, como forma, proporción, liña, perspectiva, espazo, textura, luz, e, no seu caso, cor. 
Contaba o artista italiano Oliverio Berni que, cando empezaba, quixo que o pintor Mario Radice, que practicaba a abstracción xeométrica, lle ensinase a súa técnica. Este contestoulle que só o faría cando lle levase un “nudo di donna meravigliosamente dipinto” (enténdese, non?) que o convencera de que tiña base técnica abondo para empezar. Tardou nove anos en conseguilo.
Non sei canto tardou Sergey en conseguir esos seus nus marabillosamente pintados, pero estou seguro de que o mestre Radice, se aínda vivira, que non, estaría encantado de admitilo no seu estudio, pero penso que Sergey deixou atrás, atrévome a dicir que afortunadamente para a maioría dos afeccionados á pintura, a abstracción xeométrica coa que nos sorprendeu, agradablemente, hai que dicilo tamén, coa súa primeira exposición no Novo Club hai algún tempo.



Señor e señora Vázquez (Dopico)
Algunhas das pinturas que mostra Sergey nesta exposición xa llas vin noutras ocasions, 
pero un acércase a elas non pensando que “isto xa o vin” e pasa, senón que aproveita para recrearse outra vez na súa execución, no seu cor, na súa luz....; na atmosfera que envolve ás figuras. Un non se cansa de ver, por exemplo, a súa lectora ou os seus retratos de vellos. Nestes últimos, malia súa aparencia hiperrealista, con cada unha das engurras dos curtidos rostros perfectamente refrexada no lenzo, un descubre unha pincelada solta e decidida que denota unha mestría que só os máis dotados conseguen no pouco tempo que, ao parecer, leva Sergey pintando. 
Sireno (Dopico)

Diego Pérez Dopico, que ás veces firma como J. Peak, non sei se atendendo á temática do cadro ou a unha cuestión cronolóxica, é unha sorpresa cada vez que expón. A variedade de técnicas que abarca é grande. Ven da pintura dixital, sistema no que o software do ordenador sustitúe aos tradicionais pinceis, espátulas, óleos ou acuarelas para crear unha obra, que, logo de rematada, se imprime. Ten utilizado fotografías propias, que, mediante un complexo procesado, transforma en algo totalmente alleo ao realismo inherente á fotografía. Outras veces pinta directamente na pantalla coas ferramentas que a informática lle ofrece, con resultados abstractos, expresionistas ou tan figurativos como nese momento lle cadre ao artista. 


Cadro (Dopico)
Algún día decidiu que un pintor “de verdade” tiña que mancharse e ulir a pintura e o augarrás, e pasouse ao óleo. Non sei se a transición se lle fixo difícil, pero polo que agora podemos ver, non tivo moitos problemas e manexa pinceis e espátulas cunha soltura envexable. Nalgunhas das obras que expón, a textura é un elemento moi destacado, quizais nun intento de apartarse, sequera momentaneamente, da pulida superficie que proporciona a obra dixital impresa. Porque unha das virtudes de Diego é a súa constante busca, transitando polos máis variados camiños para conseguir plasmar de xeito que o satisfaga a obra que lle xurde na cabeza. 
Cadro (Dopico) 
Tampouco descarta ningunha temática, e atrévese co retrato e a figura, coa paisaxe ou a denuncia social, coa abstracción... Algún dos seus cadros son máis complexos do que a primeira vista pode parecer, e conteñen elementos que contan historias difíciles de descubrir se un non ten a sorte de que o propio artista llas explique. Pero así foi sempre a Arte e só os iniciados poden acceder á lectura total do significado dalgunhas obras. 

Agora está nunha nova fase de experimentación, e realiza os seus cadros máis recentes con pulverizadores de pintura, sprays para mellor entendernos, creando, nunha curiosa reviravolta artística, composicións abstractas xeométricas de singular beleza. 
Cadro (Dopico)

Así de sorprendentes son os camiños da Arte, que os dous artistas parecen recorrer en sentidos opostos. Agora expoñen xuntos nunha mostra absolutamente recomendable, na que conviven dous modos ben distintos de ver e facer a pintura, pero que, seguro, nalgún punto se entrecruzaron.


Texto: Álvaro F. Polo
Fotos: O. D. Cachán

luns, 5 de febreiro de 2018

Centenario da Sociedade “El Progreso” de Mera de Riba


Foto: David Rguez. Morado
Carlos BreixoCronista Oficial do noso Concello, disertou o pasado venres, día 2 de febreiro, arredor desta sociedade por mor do seu centenario (1917-2017).

Na mesma sede da sociedade (no seu comezo estivo na casa de Pedro Gómez, mais ós poucos pasou ó edificio no que hoxe aínda fica), en Mera de Riba, Breixo, como nos ten acostumados, e para ir facendo boca, refiriuse a tempos pasados onde xa se falaba dun mosteiro de "Mera de sursum", isto é "Mera de arriba" coma unha das primeiras referencias á parroquia onde se fundou a sociedade “El Progreso”, nome, por certo, que era moi común nas sociedades da época, como tamén acontecera cunha sociedade do Ermo ou outra en Sismundi.
Foto: David Rguez. Morado
Desta sociedade, contounos Breixo, podían formar parte tamén os veciños do Ermo, Santiago de Mera e Abarqueira. Quen traballou arreo para fundala foi o labrego Antonio González Rios, sendo unha das principais funcións mercar apeiros de labranza dos que podían facer uso os veciños que o pediran, aparellos que doutro xeito sería moi difícil de conseguir para eles, e por suposto pelexar polos dereitos dos labregos.

Breixo acompañou o seu faladoiro cunhas imaxes nas que poidemos comprobar diferentes documentos da época e que estaban asociados ó desenvolvemento do día a día da Sociedade, así coma os nomes dos primeiros compoñentes, dos cales, moitos dos presentes non dubidaron en recoñecer coma devanceiros dalgunhas familias da actualidade.



Foto: David Rguez. Morado
Unha historia xeral da Parroquia, na que houbo unha ferrería e na que a Ponte Noval viña sendo un dos puntos importantes e senlleiros do camiño real até a construcción da nova estrada, así como o que o Ferrocarril da Costa representou para ela, foron as derradeiras palabras desta xuntanza, grazas á cal fomos quen de rechear un pouco máis as fochancas do percorrido pola nosa historia.

Texto: Manel Bouzamayor

(Publicado no dixital La Prensa Ortegana, de 6 febreiro 2018)