martes, 24 de xaneiro de 2017

Novo traballo de Carlos Breixo sobre a historia das Pontes





O Cronista Oficial de Ortigueira, Carlos Breixo, segue dando mostras da sua capacidade de traballo e coñecementos cun novo traballo sobre a historia dunha das localidades cercanas a Ortigueira, As Pontes de García Rodríguez.

Trátase do artigo "A vila das Pontes e algunhas parroquias da sua xurisdicción nunha visita do ano 1670", publicado no número 9 da revista anual HUME, presentada no pasado mes de decembro na vila eumesa.
O traballo, moi interesante e importante, describe a visita realizada á vila das Pontes o 30 de maio de 1670 por D. Luis Tello de Olivares, bispo de Mondoñedo (unha dignidade, por certo, da que pouco puido disfrutar, pois morreu ao ano seguinte). Pero Breixo, coa sua habitual mestría, aproveita para contextualizar a época, dar datos sobre a as parroquias, os beneficios eclesiásticos e arciprestasgos existentes nun ameno traballo onde as referencias ás comarcas cercanas como a do Ortegal son constantes.
Non é o único traballo publicado polo noso investigador últimamente; en próximas datas daremos conta doutro publicado noutro medio; en todo caso queremos felicitalo polo seu novo froito de investigación.

Ao tempo, queremos louvar o traballo da revista HUME, impulsada pola asociación do mesmo nome, que ofrece neste número 9 unha mostra máis da ilusión que impulsou o nacemento da revista en 2008. Así este número contén sete traballos, dos que podemos destacar o de Anxo Rosende "O agrarismo ortegano, o "pitismo" e As Pontes"; tamén merece atención "As Pontes na historia; escolma de documentos", de Cesar Candelas, e outros que conforman unha revista que segue sendo un espello onde TERRAS DO ORTEGAL debe mirarse para coñecer o bo camiño.



martes, 20 de decembro de 2016

Presentación do libro O SEGREDO DA RUNA, de Luli Dopico, primeiro libro de Terras do Ortegal

Foto: Álvaro F. Polo



A asociación Terras do Ortegal, editora da revista anual de igual nome, que xa vai polo Nº 3 (2016), inicia unha nova singradura coa publicación do libro "O segredo da runa", da coñecida escritora Obdulia Dopico.

O libro será presentado este venres, día 23 de decembro, ás sete da tarde, na sede da Fundación Ortegalia.
 “O Segredo da Runa”, a unha nova novela de Luli Dopico, está ambientada en Ortigueira, en lugares emblemáticos da nosa Vila durante un dos  primeiros Festivais do Mundo Celta; está adicada pola autora aos fundadores do Festival, á Voz de Ortigueira no seu Centenario e a todas as xentes de Ortigueira.
Ademáis do relato en si, a obra está enriquecida con varias  imaxes do experto  fotógrafo Álvaro Fernández Polo, que é autor asimesmo dun interesante prólogo.

No acto, que dará comezo á 7 da tarde,  intervirán Carmiña Loureiro, Charo Suárez, Xavier Martínez Prieto, persoas interesadas no mundo da cultura nos seus diversos aspectos, e propia autora, Luli Dopico. Durante a presentación proxectarase un vídeo con imaxes dos lugares por onde discorre o entramado do relato.
Foto: Álvaro F. Polo

Obdulia Dopico
Nace na parroquia de Landrove (Viveiro) no ano 1951. Estuda Maxisterio en Lugo e leva corenta anos vivindo en Ortigueira, onde imparte clases no Colexio Público “José María Lage”.
Ten escrito varios libros: o primeiro, titulado “A beira do Landro”, trátase duns contos que se publicaron na “Voz de Ortigueira” e que foron recollidos nunha separata por don David Fojo Salgueiro, no ano 1993. Con posterioridade publicou a triloxía “Zarcos”, tres libros que levan os títulos de: “Querida Azul” (esgotado), “Diario de Ana” e “Confesiones de S.”.
Foi  Presidenta da Asociación das “Amas de Casa” e Secretaria de “O Paporroibo”, Asociación Cultural dedicada ás letras do Ortegal. En 1996 gaña o premio “Curuxa do Humor” de Fene co relato “Setembro”. Tamén foi membro da Universidade Popular de Verán de Ortigueira e participou en obras de teatro con Luís Alonso Santiago e co grupo “Ultreia”.
Actualmente colabora cos dous Semanarios máis antigos de Galicia, centenarios xa: “El Heraldo de Vivero” e “La Voz de Ortigueira”. Neste último fixo una ardua tarefa de investigación, resumindo as “Crónicas” da vila dende o ano 1916 ata o 2000.
No 2014 quedou finalista do concurso “Novela por entregas do verán”, da Voz de Galicia, co relato “A pena das calandras”, ambientada en Viveiro. Este verán (2016) ven de quedar finalista por segunda vez no mesmo concurso cunha novela titulada “O segredo da runa”, ambientada nun dos primeiros festivais internacionais do Mundo Celta de Ortigueira, plasmando na trama a xeografía de lugares coñecidos por todos, e inspirada en  personaxes reais e ficticios da comarca. Esta vez a autora quere amosarlle ás xentes de Ortigueira a súa gratitude, intentando situar á vila ortigueiresa no mapa literario das letras galegas.

mércores, 2 de novembro de 2016

Presentación da revista TERRAS DO ORTEGAL en Cedeira





É  un pracer anunciar que mañá xoves, 4 de novembro, presentaremos en CEDEIRA o número 3 da revista. Temos que agradecer ao concello de Cedeira e en especial á concelleira de Cultura, María Xosé Rodríguez, a colaboración para poder celebrar este acto, que se celebrará no Palacete Municipal ás 20.00 h.



O acto contará coa participación de:
-        -  Vanesa Trevin, vogal da asociación, arqueóloga e concelleira de Patrimonio de Ortigueira
-         -  Javier Martínez Prieto, vogal da asociación, investigador e párroco de Santa Marta de Ortigueira.
-          -  Carlos Breixo, historiador e Cronista Oficial de Ortigueira
-          -  Rafael Usero, historiador e Cronista Oficial de Cedeira
Trátase da primeira vez, nos tres anos de vida da revista que se fai unha presentación en Cedeira, e que coincide coa presenza das revistas nas librerías de Cedeira, onde se poden atopar tanto o número 3, correspondente a este ano 2016, como os 2 anteriores, correspondentes a 2014 e 2015

PD.: Distribución da revista

Aproveitamos para informar que desde a semana pasada a revista está presente tamén en Viveiro (librería Porta da Vila), ampliando os puntos de ventas que existían ata agora:
- Cariño (lib Abrente e lib Agarimo)
- Cedeira (Lib La Paz e Lib Margaride)
- Ortigueira (Lib Fojo, Lib Ramos e Lib 3es) 
- Vicedo (Lib Abrela)
ás que agradecemos a sua colaboración.

sábado, 29 de outubro de 2016

TERRAS DO ORTEGAL reforza a súa directiva co investigador Javier Martínez Prieto e anuncia a edición do primeiro libro e dun boletín cultural

.
Tertulia Chema Leal sobre os muiños

Na Asemblea Xeral 2016 da asociación  TERRAS DO ORTEGAL, celebrada este mes, tomáronse as seguintes decisións:

1. En primeiro lugar, aprobar a integración na Directiva de Javier Martínez Prieto, actual párroco de Santa Marta e destacado investigador, que colaborador en varios dos números da revista. Ademáis doutros méritos, cabe citar que foi fundador e primeiro presidente da asociación HUME, de As Pontes, editora da revista de igual nome -que xa vai polo seu número VIII- adicada a temas culturais e históricos como a nosa.

2. Tomar a decisión de publicar un libro de relatos dunha escritora de Ortigueira, que aparecerá no mes de Nadal. Trátase unha nova singradura da asociación, na que se pretenden difundir tanto obras de ficción de autores da zona como textos de ensaio que pola súa extensión ou características aconsellen a sua edición individualizada.

3. Iniciar a publicación dun Boletín cultural de frecuencia trimestral, na que se den conta das actividades das asociacións e colectivos culturais da zona. O Boletín estará coordinado por María Quintianaxornalista especializada en comunicación. O primeiro número aparecerá tamén no mes de Nadal.

4. Continuar co ciclo de tertulias de temática cultural e social, a útima das cales estiuvo a cargo do investigador Xosé Mª Leal, que versou sobre “Os muíños e a posta en valor do patrimonio. O caso das Terras de Ortegal” e que se celebrou o pasado 14 de outubro, con asistencia notable (véxase foto), na fundación Ortegalia, colaboradora da asociación.

Finalmente, aprobáronse os gastos e ingresos realizados en 2015, que tiveron un resultado moi positivo, así como o rozamento de 2016. De todo isto xa recibiron os/as socios/as cumprida conta.
Lembramos que calquer persoa pode facerse socio da entidade simplemente co pagamento dunha pequena cuota de 15 €/ano, que conleva a entrega gratuita da revista anual.


martes, 4 de outubro de 2016

Presentación de TERRAS DO ORTEGAL en Cerdido e Asemblea Xeral da asociación en Ortigueira

.

Esta semana teremos dous actos promovidos pola asociación Terras do Ortegal. En primeiro lugar, o próximo venres, 7  outubro terá lugar a presentación do número 3 da revista en Cerdido, grazas á colaboración do concello de Cerdido, e en concreto de Cándido Prieto, concelleiro nesa localidade.
A presentación é xa a cuarta que se realizada deste número da revista; antes, presentouse no Barqueiro, Cariño e Ortigueira. Todo isto conforme aos plans da asociación e da revista de difundir traballos de autores ou temas que pertenzan á comarca do Ortegal.

Neste número 3 hai só un artigo adicado directamente ao concello de Cerdido; trátase de "Percorrido pola toponimia de Cerdido", elaborado polo especialista Xosé Luis González, no que vai describindo e interpretando topónimos da freguesía da Barqueira, da de Cerdido, e da dos Casás. Así, no artigo van aparecendo nomes como Malados, As Barbelas, Rioforcado, Viladóniga... ou o propio Cerdido, dos que se da a orixe máis acaída, sempre -segundo o autor- coa intención de poñer en valor a riqueza toponímica de Galiza
O acto de presentación terá lugar na Casa da Cultura ás 8 da tarde.
----

Por outro lado, aproveitamos para informar de que pasado mañá xoves, 6 de outubro, terá lugar a Asemblea Xeral 2016 da asociación Terras do Ortegal, como xa foi convenientemente comunicado a todos os socios/as. Terá lugar ás 8 da tarde do xoves na cafetería do Centro de Visitantes, no Malecón de Ortigueira.
Na mesma darase conta das actividades realizadas pola entidade e das próximas a celebrar, que inclúen a edición dunha obra premiada nun Concurso literario para o mes de Nadal.


luns, 12 de setembro de 2016

Boa acollida do Nº 3 da revista TERRAS DO ORTEGAL

.

O pasado venres, 9 de setembro, tivo lugar en Ortigueira a presentación do número 3 (2016) de TERRAS DO ORTEGAL. O acto desenvolveuse no salón de actos da Fundación Ortegalia, que unha vez máis colaborou nas actividades da nosa asociación.

Na fotografía podemos ver aos participantes no acto, todos autores dalgún dos artigos da revista; de esquerda a dereita: Manuel López Foxo, Xosé Manuel Sierra, Carlos Breixo, Xaquín de Roca e Javier Martínez Prieto.
Carlos Breixo, Cronista Oficial de Ortigueira, e autor dun amplo estudo sobre "A xénese da Vila de Santa Marta", fixo unha presentación xeral dos artigos da revista e dando paso aos diferentes relatores da mesa.

Comezou por Xaquin Campo Freire, "Xaquín de Roca", hoxe párroco de Mandiá (Ferrol) e persoa de fonda formación e compromiso social, quen relatou as vivencias de Ortigueira en 1966, cando el estaba destinado como coadxuctor na parroquia; o seu artigo "Aquela Ortigueira naquel mundo en cambio". Seguiu Xosé Manuel Sierra, "Chema de Couzadoiro", autor dun estudo sobre "Unha parroquia do Ortegal: Couzadoiro", que en adiante será de consulta obrigada. Manuel L. Foxo, autor dun retrato sobre o anterior director de La Voz de Ortigueira "Detras del mostrador: David Fojo Salgueiro", un retrato emotivo e sinceiro sobre o anterior director de La Voz de Ortigueira. Finalmente interveu Javier Martínez Prieto, párroco de Ortigueira, que fixo un relatorio sobre a case desaparecida parroquia de Mosteiro, amosando noi acto unha fermosa campaíña de bronce de principios do século XVI pertencente á citada parroquia.

No coloquio posterior tratáronse diversos temas, entre eles o futuro de Ortigueira poñendo en valor o seu patrimonio ou a posibilidade de recuperar a parroquial de Mosteiro.

Moitos dos asistentes ao acto adquiriron a revista, que recibeu os parabéns pola calidade e variedade dos traballos.
Debemos lembrar que a revista está á venda a 12 € nas librerías de Ortigueira, Cariño, Cedeira e O Vicedo, con notable éxito, pois está próxima a esgotarse a tiraxe de 300 exemplares que se ten feito deste número 3.





martes, 6 de setembro de 2016

Presentación en Ortigueira do Nº 3 de TERRAS DO ORTEGAL

.
(c) Foto: Juan Ínsua


Un ano máis, e xa van tres, temos o pracer de anunciar a presentación do nº 3 da revista TERRAS DO ORTEGAL.
Será en Ortigueira,  o próximo venres, 9 de setembro, ás 8 da tarde no salón de actos da Fundación ORTEGALIA, á que agradecemos a súa colaboración.

Na presentación, coordinada por Carlos Breixo, Cronista Oficial de Ortigueira participarán varios dos auotores que participan neste número, como José Manuel Sierra Pernas, Xaquín de Roca, Fco. Javier Martinez Prieto e Manuel López Foxo.

 O evento contínua a xeira de presentacións realizadas na comarca; así foi o 11 de agosto no Barqueiro, e o pasado venres, 2 de setembro en Cariño. Máis adiante quedará facelo en Cerdido e en Cedeira.

No acto, entregarase a revista aos/ás socios/as da entidade editora.
A revista pode atoparse nas librerías de Ortigueira, así como nas de Cariño e Cedeira.