luns, 30 de novembro de 2015

A Biblioteca Municipal de Ortigueira cumple 20 anos




En 1995, o Libro das Festas de Santa Marta contiña un artigo titulado "Biblioteca habemus", escrito polo farmacéutico Alfredo Torres Pajón, xa falecido, que daba conta da creación pola Consellería de Educación e Cultura dunha biblioteca municipal en Ortigueira.


Adxudicaba o rexistro xunteiro o número 78 á nosa biblioteca, precedido das siglas de NF, indicativas de que o centro aínda "non funciona". Pouco despois comezaría a súa andaina.
Van alá 20 anos!.
Moitos recordarán a súa ubicación inicial, nos baixos da Casa Consistorial ortegana, no claustro conventual, nunha ampla sala hoxe ocupada polas oficinas do Rexistro.
O seu primeiro encargado foi José Franco Casariego. Tras diversos avatares, incluído o traslado á ubicación actual, a directora da biblioteca é María José Vilasánchez Fuciños, que coa colaboración de Mónica Pérez Armada, auxiliar na mesma, compoñen un dúo sempre ao servizo dos usuarios, sexan nenos ou maiores, que se acercan á institución para disfrutar das súas instalacións ou utilizar os servizos que a Bilioteca-Arquivo Histórico ofrece.

A biblioteca leva o nome de Juan Fernández Latorre, o que fora diputado republicano polo distrito de Ortigueira en 1891. A biblioteca hoxe ocupa parte do edificio de bela factura do que fora Escolar de Ortigueira desde 1909 ata os anos 70, e inclúe, desde a súa reforma en decembro de 2004, tamén unha sá para hemeroteca e as instalacións do Arquivo Histórico Municipal, con contidos moi importantes que merecerían unha entrada aparte.




Distribuida en dúas plantas, baixo e primeiro andar, é unha instalación que podemos ensinar con orgullo a calquer visitante de Ortigueira, pois sen dúbida, polas instalacións, pola calidade do persoal, polos fondos que se atesouran, e polas mútiples actividades que se organizan: contacontos, conferencias, presentacións de libros, exposicións, concursos, campañas de animación á lectura...

Descoñecemos se o Concello ou a Biblioteca farán algún acto para conmemorar o XX Aniversario, en todo caso, felicitamos a María José e a Mónica e agradecemos a súa profesionalidade e atención.

mércores, 11 de novembro de 2015

Reimpresión do Nº 2 de TERRAS DO ORTEGAL adicado a Cariño



O número 2 da revista TERRAS DO ORTEGAL está a piques de esgotarse.

Ben sexa pola coñecemento do público da revista, do aumento do número de socios/as da asociación (que reciben a revista co pagamento da cota anual), ou ben polo interese de ter o dossier central da revista adicado aos 27 anos do Concello de Cariño) o resultado é que os exemplares impresos en xullo de 2015 están a piques de esgotarse.
Hai apenas uns poucos exemplares nalgunhas librarías da comarca, polo que a Directiva da asociación ten decidido facer unha reimpresión para poder atender a demanda nos meses que restan ata a saída do número 3, en xullo de 2016.
Para os que aínda non tiveran o oportunidade de ler este número, acompañamos o sumario deste nº 2:

1.     Presentación


2.     Siro López

Retrato artístico-literario de Laureano Álvarez
3.     Diego Cerdán Galera
El linaje Fajardo llevó los símbolos de Ortigueira hasta el Sureste peninsular
4.     Narciso Luaces Pardo

A Devesana, unha escola laica
5.     Manel Bouzamayor

Historia do Camposanto de Santa Marta
6.     Carlos López-Keller
De camiño pola fronteira. Setenta e cinco anos do deslinde municipal da Serra da Capelada.
7.     Francisco Calvín
     
O Ortegal e os fondos europeos
8.     Hixinio Puentes Novo

Secundino Rivera, o pintor do Barqueiro
9.     Francisco Javier Martínez Prieto
Inventario da parroquia de Santa Marta
10.  Manel Bouzamayor
Ortigueira Literaria Dixital: experiencia de 4 anos 2012-2015
11.  Belén Pérez Pérez
Proposta de creación do Parque xeolóxico de Cabo Ortegal
Tema central: CARIÑO
12.  José Luis Armada Castro 
Nacemento do Concello de Cariño




13.  Eliseo Fernández
Sindicalismo e cultura obreira no Cariño da II República
14.  Xose Luís González

Toponimia de Cariño
15.  Lois Armada
O machado figurativo de bronce da praia da Basteira (Cariño): novos datos para unha revisión

16.  Vanessa Trevin
El territorio de Cariño en época romana
17.  Xosé Mª Torres
Fermín Zelada Varela: un cariñés farmacéutico, alcalde de Ferrol e accidental de Santiago

xoves, 22 de outubro de 2015

Visita ao Pazo de Brandariz da asociación TERRAS DO ORTEGAL








O pasado sábado, 26 de setembro, a directiva da asociación TERRAS DO ORTEGAL  visitou o Pazo de Brandariz.

O pazo está ubicado  na parroquia de Luama, nos arredores do núcleo urbán de Ortigueira.
Achegáronse ao fermoso pazo tamén D. Javier Martínez Prieto, párroco de Ortigueira, Carlos Breixo, Cronista Oficial de Ortigueira, e Emma Sandá, directora da Fundación Ortegalia

Todos eles foron recibidos pola propietaria, Josefa Teijeiro Castiñeiras, que permitiu o acceso dun grupo reducido de persoas. Na imaxe podemos vela cos anteriormente citados e con varios directivos da asociación: Manel Bouzamayor, Vanesa Trevín, Xosé María Torres e Rafael Rodríguez Teijeiro (familiar da propietaria e e que mediou nesta visita de carácter semiprivado).
O paseo dentro do pazo foi guiado pola propietaria, que con axilidade xuvenil acompañou ao grupo polos cuidados xardíns, de deseño francés, as árbores centenarias, a capela adicada a San Miguel (cunha talla do farmacéutico e artista Pedro Castiñeiras), o emparrado de orixinal aspecto, e outros puntos de interese dentro da posesión. Incluso permitiu con carácter excepcional acceder ao interior do edificio, onde reside boa parte do ano.

Josefa Teijeiro relatou parte da historia do pazo, complementada en ocasións polo Cronista ortigueirés, Carlos Breixo, xa coñecedor do mesmo e estudoso da linaxe dos Ponce de León, ligados a esta propiedade, e polo párroco, D. Javier Martínez; pero tamén narrou múltiples anécdotas, que se viviron entre os muros da finca; algunhas destas tiveron relación cos dous escritores que ambientaron novelas no pazo: Elena Quiroga con «Viento del Norte»  (premio Nadal  1950), e Alberto Insúa con «El triunfo» (1909), un autor máis coñecido por «El negro que tenía el alma blanca»  (1922), traducida a varios idiomas e levada ao cinema en tres ocasións.
Unha visita, nun dia de outono espléndido, que TERRAS DO ORTEGAL pretende repetir, xa cun carácter público, noutros lugares próximamente.

(Publicado en La Voz de Ortigueira, nº 5.180, de 16 outubro 2015)




luns, 19 de outubro de 2015

Carlos Breixo reivindica o paso do Camiño de Santiago polo Ortegal



Nunha charla celebrada o pasado venres, 16 de outubro na Casa da Cultura da Abarqueira (Cerdido), o historiador Carlos Breixo reivindicou o paso do Camiño de Santiago polas terras o Ortegal e da Mariña occidental.

O investigador e Cronista Oficial de Ortigueira, que foi presentado por Cándido Prieto, Concelleiro de Facenda e Turismo de Cerdido, laiouse de que por algunha razón escura, cando se difundiu o fenómeno “xacobeo”, nos anos 90 do pasado século e nos primeiros anos deste, a Xunta de Galicia oficializou que o camiño norte francés, tralo paso por País Vasco, Cantabria e Asturias, entraba en Galicia por Ribadeo, onde pouco despois, nunha reviravolta extraña doblaba ata Mondoñedo e Vilalba, esquecendo –sen que os gobernantes da nosa zona fixeran nada- a nosa comarca.
Isto motivou que moitos investimentos e recursos económicos destinados á conservación dos camiños, execución de albergues, realización de guías, rotulación de camiños rurais, etc. fuxisen para outras zonas sen máis méritos que a nosa.
Carlos achegou na disertación documentos fehacientes como escritos e mapas; un exemplo foi unha acta do Concello de Ortigueira de 1692 –conservada no Arquivo Municipal de Ortigueira- que documenta o paso do “camino francés” (sic) a Santiago polas nosas estradas; achegou outros datos para reafirmar a súa posición, como publicacións do Cronista Oficial de Cedeira, Rafel Usero, e doutros investigadores.
Ao tempo, sen fuxir de polémicas, tachou de invento o chamado “Camiño Inglés” , suposta ruta entre Ferrol e Compostela, que nunca existiu.
Finalmente, alentou aos concellos da comarca –no acto estaban presentes entre o públicoos alcaldes de Cerdido e Cariño- e da Mariña occidental lucense, a facer esforzos comúns para reivindicar o que nos corresponde

sábado, 10 de outubro de 2015

Gravación de programa cultural da TVG en Ortigueira



O programa cultural RELANZOS, da TVG, desprazou un equipo de gravación esta semana a Ortigueira, para efectuar diversas entrevistas.
RELANZOS, que difunde a actividade cultural que se realiza nas vilas galegas está a gravar por todo o norte de Galicia (Viveiro, Mondoñedo, Ortigueira...), centrando a súa atención en aspectos culturais de diverso tipo.
O programa ten un formato no que unha persoa da vila fai de conductora, que se reune e fala con outras persoas. En Ortigueira a persoa elexida para ese papel de presentadora foi a arqueóloga Vanesa Trevín, directiva da asociación TERRAS DO ORTEGAL, editora da revista de igual nome, e que na actualidade é concelleria de Patrimonio e Paisaxismo.
O programa entrevistou a varias persoas do mundo da cultura local:
- D. Xavier Martínez Prieto, parroco da vila, sobre os valores da igrexa do ex-convento de Dominicos.
- Narciso Luaces, sobre o seu meritorio Museo Etnográfico de Meixido.
- Mari Carmen Fojo, directora do semanario LA VOZ DE ORTIGUEIRA, próximo a cumprir o centenario.
- Bernardo Penabade, profesor de Galego en Burela, sobre diversos temas culturais
- Xosé María Torres, farmacéutico, sobre os usos terapéuticos e alimentarios das ortigas e do libro do seu pai, Alfredo Torres, "Las Ortigas", editado hai anos.
O programa será emitido seguramente a partir do mes de febreiro, xa no ano  2016.

xoves, 24 de setembro de 2015

Éxito da presentación de TERRAS DO ORTEGAL en Mañón






O pasado sábado, 12 de setembro, tivo lugar no Barqueiro, no Salón de Actos da Casa do concello, a presentación do segundo número da revista TERRAS DO ORTEGAL.

 A organización correu a cargo da asociación NORDÉS, que ven organizando con regularidade  diferentes eventos de carácter sociocultural con notable éxito de participación. A presidenta deste colectivo, Leticia Breijo, graduada en Historia pola USC, presentou aos  participantes na mesa redonda: Bernardo Penabade, membro de Nordés, profesor no IES Perdouro de Burela e activista cultural da zona; Hixinio Puentes, escritor e investigador da historia de Mañón e da comarca, e Xosé María Torres, farmacéutico e presidente da asociación TERRAS DO ORTEGAL, editora da revista.
Bernardo fixo un canto ao interese da revista,  que ten como tema central ao concello de Cariño, ao que se lle dedican 6 dos 16 artigos cos que conta o número; todo iso sempre coas palabras afectuosas e de alento que acostuma a pronunciar, salientando a sua satisfacción pola saída deste segundo número, un chanzo máis para chegar aos 25 que considera que debe ter como mínimo una revista deste tipo. Destacou que neste número colaboraban 4 autores das terras do Sor (Mañón e Vicedo), una boa fornada para uns concellos pequenos.
Pola sua parte, Hixinio Puente, calificado por Penabade como Cronista de Mañón (non Cronista Oficial do Concello, que non o é, a pesares da proposta en tal sentido presentada en febreiro deste ano 2015 no Concello mañonés, pendente de resolver) ponderou a importancia dunha revista deste tipo na comarca, salientando que é a “curiosidade” a que move a moitos investigadores a interesarse por un determinado tema - e que permite fixar por escrito sucesos, persoaxes e outros datos que permiten rescatar do esquecemento a historia dunha zona.
Hixinio revelou que está a traballar na historia de Mañón, que comezará seguramente coa publicación dun traballo sobre a parroquia de Mogor, á que pertence O Barqueiro, capitalidade municipal; relatou asimesmo varias anécdotas en relación con Secundino Rivera, o pintor do Barqueiro falecido en 2013 e do que era amigo, e sobre o que escribeu unha pequena biografía neste número da revista, un artigo moi oportuno dada a homaxe que se lle tributou o pasado 29 de agosto en Mañón ao pintor.
Finalmente, Xosé María Torres, agradeceu a Nordés a oportunidade para difundir a revista, e salientou que incluso sen subvención oficiais e en época de crise é posible sacar adiante unha revista se hai colaboración por parte dos autores e dos colectivos culturais da zona. Avanzou varios proxectos da asociación TERRAS DO ORTEGAL  e informou que xa se está a traballar no número 3 da revista, a publicar en xullo de 2016 e que terá  como tema central a Idade Media no Ortegal, ademáis de artigos de temática variada que son un sinal de identidade da revista.

(Publicado en La Voz de Ortigueira, nº 5.176, do venres, 18 de setembro de 2015)

mércores, 9 de setembro de 2015

Presentación en Mañón da revista TERRAS DO ORTEGAL



Opróximo sábado, 12 de setembro ás 18.30 h,  terá lugar no Barqueiro (Mañón) a presentación do segundo número da revista TERRAS DO ORTEGAL.

O evento terá lugar no Salón de Actos da casa do Concello, na planta baixa do mesmo

A organización corre a cargo da asociación NORDÉS, a quen agradecemos unha vez máis a sua colaboración.
A revista iniciou o seu camiñar co número 1, en 2014, e este segundo número de 2015, que representa a continuidade do proxecto ten as seguintes características:
- 16 artigos e 205 páxinas, o que supera ao primeiro número, que acadaba 14 artigos e 180 páxinas
- Un dossier central, con 6 artigos, adicado ao concello de Cariño, que leva xa 27 anos de existencia.
- Un nivel de calidade alto, que é recoñecido por especialista na materia

O carácter semimonográfico preténdese manter para os seguintes número; o dossier poderá ser territorial, ou ben temático (a pesca no Ortegal, as construccións populares, a arquitectura relixiosa, etc.), pero sempre cunha mirada comarcal, refrendando o que indica o título da revista.

O prezo deste número é de 12 €.