martes, 5 de maio de 2015

Presentación de Terras do Ortegal no Ateneo de Ferrol



O próximo dia 20 de maio, mércores, ás 7.30 da tarde, presentaremos a nosa revista, Terras do Ortegal, co seu número 1, no Ateneo de Ferrol, que nos trasladou a sua invitación hai xa varias semanas.

A presentación está enmarcada nunha mesa de presentación de revistas locais xunto coa revista Hume, de As Pontes, e a revista Columba, de Covas (Ferrol). Trátase da continuación doutra xornada desenvolvida no mes de marzo na que se presentaron outras revistas do ámbito histórico cultural da bisbarra, como a revista Cátedra (Pontedeume) e a Revista de Neda, así como a revista Murguía, de ámbito galego
faremos a presentación do número 1, de 2014, aínda vixente mentras seguimos preparando o número 2, que sairá nuns poucos meses).
Agardamos que os ferrolanos e a xente da nosa comarca (Cariño, Cedeira, Cerdido, Ortigueira e Mañón) que residan en Ferrol poidan asistir á presentación.

martes, 21 de abril de 2015

Un título merecido. Carlos Breixo, Cronista Oficial de Ortigueira


Por Xosé Mª Torres

O pasado 11 de marzo o pleno da corporación municipal de Ortigueira aprobaba por unanimidade a proposta do Alcalde, Rafael Girón, de nomear Cronista Oficial a Carlos Breixo, veciño da parroquia ortigueiresa de San Claudio, e investigador e historiador de longo recorrido.

Un título, unha distinción merecida; sen negunha dúbida! Vaia por diante o meu aplauso.
Pode sorprender que a designación sexa feita cando o mandato da corporación municipal está a punto de rematar; con todo, trátase dunha proposta solemne que pon un broche de ouro aos últimos avatares culturais desenvoltos en Ortigueira.
Así, no ámbito público contamos con iniciativas como Ortigueira Literaria Dixital (xa na sua cuarta edición con este ano 2015 adicado a Narciso Luaces), o traballo continuado da fundación Ortegalia e da renovada Biblioteca-Arquivo municipal –orgullos para o noso municipio- que se completan con  iniciativas privadas xa coñecidas do ámbito musical, artístico e cultural tanto nas parroquias como na capitalidade municipal -que non vou citar para ser a lista moi ampla- e reforzadas no pasado ano coa aparición da asociación Galioart e da asociación editora da revista Terras do Ortegal.
O nomeamento, o título, é una honra para quen o recibe, pero tamén é certo que o prestixio da persoa elexida é unha luz que ilumina é entidade que fai a proposta; realizada por certo, nun pleno ordinario da corporación, celebrado a unha hora matinal que non permitiu a asistencia de persoas interesadas. Por iso, con bon criterio, a presentación do novo Cronista farase nun acto público, que terá lugar o próximo sábado, 4 de abril, ás 12 da mañá, no teatro de Beneficencia, cunha laudatio a cargo do profesor Vicente Peña Saavedra. Un sábado, por certo, que no calendario relixioso é calificado de “sábado de gloria”, unha fermosa e moi acaída coincidencia!
Que é un Cronista Oficial?
É un cargo honorífico, desempeñado a título gratuito e con carácter vitalicio. Soe requerirse que a persoa elexida teña, entre outros méritos: formación académica,  coñecemento da historia e cultura xeral e da zona, capacidade divulgativa, independencia, prestixio, adicación plena e paixón polo seu labor; todas elas  forman parte –ou están en vías de estalo- da traxectoria vital de Carlos Breixo, dito sea para tranquilidade de puristas e silenzo de aflixidos, que de todo hai na viña do Señor.
Non é o momento de enumerar os méritos, traballos, publicacións e investigacións emprendidas polo xa novo Cronista Oficial, pero si de indicar que en nada desmerece aos ilustres orteganos que foron  antecesores no cargo, como Federico Maciñeira, Julio Dávila ou Laureano Álvarez.
É un cargo frecuente? Vai por zonas: en Galicia as grandes ciudades contan case todas con esta figura, e tamén son moitas as vilas grandes ou de tamaño medio que inclúen no seu escalafón a este cargo. Na nosa contorna Viveiro ten como Cronista Oficial a Carlos Nuevo Cal, e Cedeira a Rafael Usero, mentras que Cariño, Cerdido e Mañón carecen desta figura, se ben neste último concello hai una proposta enriba da mesa.
Que competencias ten? Desde o noso punto de vista, non debería ser un cargo valeiro, feito a título de inventario. Debe ter un rango no protocolo municipal, acceso preferente aos medios do municipio, a obriga de ser consultado ante propostas no seu ámbito,  e dereito a lucir a medalla ou símbolo que o identifique como tal.
Pero tamén debe comportar obrigas para o concello, como dotar dun pequeno fondo anual a disposición do cronista para traballos e investigacións, poder asistir a congresos, representar a Ortigueira ante institucións, e incluso contar cun despacho propio  onde traballar e consultar fondos municipais e recibir a quen desexe.
Pola parte do Cronista, tamén debe existir a obriga de estar ao servizo do concello e da comunidade, con especial atención ao mundo educativo ortegano, un precepto  que sabemos innecesario dada a profesión de docente e a calidade humana que ten o xa novo Cronista.
Finalizamos reiterando o aplauso ao Concello pola iniciativa e dando os máis expresivos parabéns a Carlos Breixo. Tamén é o momento de lembrar que o traballo calado de sábados e domingos, de viaxes  a bibliotecas e arquivos, a participacións en charlas e actos culturais impide moitas horas de convivencia familiar, polo que tamén é o momento de agradecer á sua familia, en especial á súa muller e os dous fillos, pola comprensión e apoio durante anos ao labor do noso ilustre amigo.

(Artigo publicado no semanario La Voz de Ortigueira o pasado 3 de abril de 2015. Os parágrafos en cursiva non foron publicados por razóns de espazo)

sábado, 4 de abril de 2015

Acto de nomeamento do Novo Cronista Oficial




Hoxe sábado, 4 de abril foi en Ortigueira un día para a historia.
O historiador Carlos Breixo recibiu o título de Cronista Oficial de Ortigueira, un posto que tuvo como ilustres antecesores a Federico Maciñeira, Julio Maciñeira e Laureano Álvarez.

O Teatro de Beneficencia acolleu o acto, no que interviron o alcalde, Rafael Girón, o profesor Vicente Peña, e o xa Novo Cronista Oficial, Carlos Breixo.
O Alcalde dixo unas breves palabras, relatando a orixe da proposta, que contou coa participación da concelleira de Cultura, Mari Cruz Sabio, ausente do acto por razóns familiares. A continuación o profesor Vicente Peña, amigo, paisano e compañeiro de escola en San Claudio, fixo a laudatio do novo cronista; a súa intervención foi longa, dictada con mestría na arte da retórica e da oratoria, e tamén con sentimento, o que provocou momentos emotivos no persoa de Carlos Breixo.

Peña fixo un percorrido pola  traxectoria persoal e de estudos d Breixo, suxerindo novos desafíos académicos para o futuro.
A intervención de Carlos Breixo, preparada e por escrito como as dúas anteriores, tivo que ser modificada para agradecer a presenza de persoalidades, entre outras, como os Cronistas de Viveiro e Cedeira Carlos Nuevo Cal e Rafael Usero, da alcaldesa de Cerdido (onde estaban os alcaldes de Mañón, Cerdido, Cedeira e Cariño?), o xefe territorial de Educación, e compañeiros do instituto de Cedeira, e amigos de toda a contorna, como os da revista Hume de As Pontes.
A continuación tivo lugar  a imposición polo alcalde da Medalla identifícate ao Cronista, a quen lle foi entregada asimesmo un cadro coa acta do nomeamento polo Pleno da corporación. Rematou o emotivo acto coa intervención dun reducido grupo musical de música folk (un gaiteiro e dúas percusionistas) que tocaron dúas piezas entre os aplausos xenerosos do público asistente.

xoves, 26 de marzo de 2015

O acto de entrega do título de Cronista Oficial de Ortigueira será o 4 de abril



Foto Xosé Cheda




O Teatro de Beneficencia ortegano acollerá o próximo 4 de abril o acto público de entrega do título de Cronista Oficial de Ortigueira ao investigador e historiador Xosé Carlos Breixo Rodríguez.


A proposta de novo Cronista Oficial foi aprobada por unanimidade da corporación en pleno o pasado 11 de marzo, a proposta do Alcalde, Rafael Girón.
Carlos Breixo, natural e veciño da parroquia de San Claudio, sucede así a ilustres ortigueireses como Federico Maciñeira, Julio Dávila ou Laureano Álvarez.
A laudatio do novo Cronista Oficial será efectuada polo profesor Vicente Peña Saavedra, tamén natural de San Claudio.
Agardamos que o acto conte coa solemnidade e asistencia que merece, e que o Concello manifeste un compromiso claro de dotar a esta figura, honorífica, gratuita e vitalicia, de recursos para poder levar a cabo o seu traballo de modo digno e eficaz.






martes, 17 de marzo de 2015

Tertulia con Hixinio Puentes




O pasado sábado 7 de marzo, iniciamos o noso ciclo de tertulias coa participación de Hixinio Puentes Novo, recentemente proposto para ser Cronista Oficial do Concello de Mañón, se ben a proposta está en estudio. 

A traxectoria investigadora de Hixinio, vense centrando sobre todo na historia dos naufraxios ocorridos na Comarca do Ortegal, que se concentra en tres obras básicas: Os Naufraxios da Galicia Norte, en dous volumes, editados por Edicións Lea, en Santiago de Compostela, no ano 2003 e no 2005 respectivamente, e A Galerna de 1961, sobre un intenso temporal que asolou  con forza a localidade de Cariño.

 Foron obxecto de exposición nesta tertulia, algúns dos naufraxios ocorridos entre finais do século XIX ata os anos 90 do século XX. Despois dunha contextualización sobre as características da ría, e os elementos climáticos que a afectan,  Hixinio foi comentando algúns dos naufraxios máis salientables, para rematar con unha ronda de preguntas. 

 O acto foi presentado por Manel Bouzamaior, e comezou coa contextualización do tema por parte de Francisco Calvín, ambos membros da directiva da Revista Terras do Ortegal.

Queremos dar as grazas a todos cantos participastes desta tertulia, e a todos os asistentes á mesma. Agardamos o mesmo éxito para as seguintes. 

xoves, 5 de marzo de 2015

Ciclo de tertulias de TERRAS DO ORTEGAL










A asociación Terras do Ortegal, que edita a revista de igual nome, quere aumentar as súa presenza ao longo do ano, para que a edición da revista non sexa a única actividade.

Daquela, a nova directiva elixida na asemblea xeral celebrada o pasado 10 de outubro de 2014 decidiu emprender varias iniciativas que se irán anunciando progresivamente.

A primeira delas, ademáis de relanzar esta propia páxina web, é a programación dun ciclo de tertulias de temática cultural e social, a cargo de persoas de interese. A primeira persoa invitada é Hixinio Puentes Novo, mestre, escritor e investigador de Mañón, que falará das súas investigacións sobre asuntos históricos da Comarca.
O acto terá lugar este sábado, 7 de marzo, ás 8 da tarde nos locais da Sociedade Nuevo Club, de Ortigueira, á que agradecemos a colaboración para a celebración do evento. A entrada é libre.

Nado no Porto do Barqueiro en 1952, Hixinio Puentes é mestre e investigador da historia do seu concello. Autor de diversos estudos relacionados co mundo do mar como Os naufraxios da Galicia do Norte. Provincia marítima de Ferrol, vol. I (2003) e volume II (2004) e La Galerna de 1961 (2005).
Como narrador publicou varias novelas, que recibiron diferentes premios: O bandido Casanova (2000), Aguillóns de Ortegal (2005),  Monbars o Exterminador (2008),  A do 21(2010) e Winnipeg (Xerais, 2013). En 1999 acadou o accésit do Premio  de Xornalismo David Fojo en La Voz de Ortigueira.
O seu curriculum detallado pode verse aquí

martes, 7 de outubro de 2014

Asemblea Xeral de TERRAS DO ORTEGAL








A Directiva da Asociación editora da revista TERRAS DO ORTEGAL convoca unha asemblea xeral para o próximo venres, 10 de outubro, ás 7 da tarde.
 O lugar é a Cafetería do Centro de Recepción de Visitantes, ubicado no malecón de Ortigueira.
 A Orde do Día será a seguinte: 
1.     Información da Directiva
-         Nacemento da asociación. Consitución dunha xunta xestora
-         Publicación do número 1 da revista
-         Presentación realizada e preparación doutras.
-         Preparación do número 2 e seguintes
2.     Estado económico de ingresos e gastos
3.     Eleción de nova directiva
4.     Rogos e preguntas
5.     Lectura e aprobación da acta desta sesión  
 Notas:
  • As persoas que queiran facerse socias ou os/as socios/as que non teñan abonado a cota de 2014 (15 € ou 50 €, a elexir) poderán facelo nese acto, pois a conta bancaria só se utilizará para o cobro da cota de 2015, que será de 15 € para todas as persoas asociadas.
  • Tamén poderán recoller a revista as persoas socias ás que non se lle teña entregado (a de 2014 entregarase en man)
Prégase confirmar asistencia. Un saúdo cordial
Calquer indicación, pode facerse nestes teléfonos:
- Manel Bouzamayor: 609 05 04 01
- Xosé María Torres:  678 91 00 82