martes, 26 de setembro de 2023

Petición unánime do mundo da Cultura de Ortigueira dun recoñecemento oficial póstumo a Luís Alonso Santiago.

Luis Alonso co seu compañeiro Manuel
no adro da igrexa de Ortigueira
(Foto Álvaro F. Polo)





Este luns, 25 de setembro, celebrouse en Ortigueira un funeral polo eterno descanso de Luís Alonso Santiago, Luís do Asilo, falecido en Pamplona o pasado día 19 (véxase a noticia publicada na Voz de Galicia), na residencia de maiores na que residía desde hai algún tempo. 

Se ben Manolo González, o grande amigo e compañeiro de Luís, non puido asistir, as honras fúnebres contaron coa presencia de Araceli González Ouviña, filla de Manolo e asimesmo afillada de Luis. Tamén asistiron varios familiares de Mera, Cariño e outros lugares da comarca.

Os actos contaron coa presenza do alcalde Valentín Calvín, e a concelleira de Cultura Ana Cartelle, entre outros membros da corporación ortigueiresa. Tamén estaba presente a directora do Arquivo e Biblioteca Municipal de Ortigueira, María José Vilasánchez, así como numerosos veciños e amigos de Luís.

Imaxe do interior do tempo durante
o funeral con fotos e os libros
nos que participou Luís
(Foto: Equipo de Terras do Ortegal)




O funeral foi oficiado polo párroco de Santa Marta, quen fixo un oco na celebración para que intervisen varias persoas, que louvaron a figura do que foi destacado veciño da Vila durante moitos anos. Entre elas falou Cruz Sabio Teijeiro, concelleira de Cultura durante as alcaldías de Toño Campo e Rafa Girón, que lembrou as proxeccións de diapositivas que realizaba anualmente, e que posteriormente foron recollidas no libro Ortigueira. Crónica gráfica de la Villa Condal, publicado en 1987 en gran formato e coidada edición pola deputación da Coruña, e que moitos ortigueireses atesouran como ouro en pano. 


A oradora reclamou para Luis un recoñecemento por parte do concello, que nos pasados meses cedera ao Arquivo Municipal unha colección de documentos, afiches publicitarios e fotografías relacionadas coa historia de Ortigueira, e a historia do cine e o teatro, actualmente en catalogación no noso arquivo.

Similar petición de recoñecemento fixo Obdulia Dopico, que subiu despois ao presbiterio para facer un canto similar ao labor cultural de Luís do Asilo. Luli, que fora secretaria de Edicións O Paporroibo lembrou como aquela meritoria entidade —da que estaban presentes no acto cando menos dous membros: Álvaro F. Polo e Manuel López Foxo— publicara nos anos 90, dúas obras nas que se recollen capítulos escritos por Luis, nos que deu conta, coa súa memoria prodixiosa, de sucesos, datas e nomes de persoas que aínda hoxe seguen sendo valiosos.

Os libros son os seguintes:

  • Memorias de Ortigueira (I), editado en 1994, e que inclúe o capítulo “Ortigueira, retrato de un pueblo”, que está dividido en dúas seccións: a) Los años de guerra, e b) Los años de paz, cun total dunha cincuentena de páxinas.

  • - De vagar ó pé do lume, editado en 1998, e dedicado á gastronomía, e que conta cun longo capítulo titulado “Los tiempos del hambre”, dividido en varias seccións onde relata episodios biográficos relacionados coa comida no asilo e en Cariño, e que finaliza, como moi ben lembrou Luli, cunha receita de crêpes de laranxa do propio Luis, que el aprendera a preparar en París na confeitaría La Petite Duchesse, na que traballou durante un ano.

Imaxe cordial de Luís e Manolo
nunha rúa de Ortigueira
xa hai algúns anos
Finalizadas as exequias na igrexa, o cortello fúnebre dirixíuse ao cemiterio municipal de Requeixo, onde se enterraron as cinzas do finado. Previamente, Carlos Breixo, Cronista Oficial de Ortigueira, fixo unha breve semblanza de Luís do Asilo, complementando a que xa fixera días pasados (Luís Alonso Santiago, a memoria de Ortigueira, que está publicada na web do Concello), loando os méritos que concitaba entre toda a cidadanía de Ortigueira, que durante anos disfrutou das proxeccións anuais de imaxes “Ortigueira, ayer y hoy” que Luis elaboraba coa colaboración de Jacobo Castro e Álvaro F. Polo

Breixo recoñeceu que Luís merecía ter sido distiguido polo concello hai tempo, entonando un mea culpa que moitos dos presentes tamén asumimos.

Desde Terras do Ortegal sumámonos a estas peticións dirixidas ao Concello de Ortigueira. Agardamos que sexan ben recibidas polo noso Alcalde e resto de Corporación.


------------------ 

Texto: Xosé María Torres

Foto: Álvaro F. Polo









Ningún comentario:

Publicar un comentario