martes, 9 de xullo de 2024

VISITA en CEDEIRA ao CASTRO DO SARRIDAL, CON SORPRESA INCLUÍDA

Emilio Ramil, director
da intervención arqueolóxica,
explicando os achados do castro


O sábado, 22 de xuño, foi o día escollido para que un grupo de amigos de Terras do Ortegal nos achegaramos a Cedeira. Despois de varios días desapracibles nos que a teimosa chuvia parecía xa decidida a pasar o verán con nós, deunos un acougo de complicidade para que puideramos gozar dun magnífico día, en particular da península do Sarridal, proa dabondo internada na ría e, xa que logo, protectora e xerme dun lugar que, andando o tempo, haberíase de coñecer coma Cedeira.

Nese lugar, o concello de Cedeira apoiou a escavación dun castro, sen ambaxes, e hoxe estamos a recoller os resultados desta aposta. O arqueólogo cariñés, Emilio Ramil, director da escavación, contounos de primeira man, e polo miúdo, o alí atopado así como os traballos que aínda quedan por facer. Á vista de todos xa temos unha sauna e unha forxa que non son senón os verdadeiros indicadores do nivel do poboado que alí había e da relación que tiña coa súa contorna pois o chan de lousa, inexistente naquela zona, proviña nin máis nin menos que das terras de Ortigueira. Como era a vida naqueles tempos, como se construía e coma funcionaba a sauna foron temas debullados por Emilio para a nosa comprensión e coñecemento. Grazas a xente coma Emilio, a época ancestral, a máis remota, xa está máis preto de nós.

A sauna tipo Pedra Formosa
atopada no Sarridal



Cando dábamos, moi a noso pesar, por rematada a mañá, xorde a primeira sorpresa cando o profesor Rafael López Loureiro Calel, alí presente, ofreceuse para nos acompañar ata a mesma punta do Sarridal. Coñecedores da filantropía deste home e das súas gañas de falar, a cousa prometía, e así foi que xa no mesmo extremo da punta, mentres ollábamos o faro, onde unhas cabras de mirada apracible e o solaz coma único traballo tamén ollaban cara a nós dun xeito indiferente e asumido, comezou a soar a voz, sempre clara, con énfase e inconfundible de Calel quen sabe facer das anécdotas os verdadeiros piares do coñecemento. 

Vista xeral do castro



No Palacete de Cedeira,
Jose de Vigo,
concelleiro de Cultura
explicando
o contido da exposición
 
Por el soubemos que os corsarios ingleses (ladróns con apoio da coroa) fixeron algunha incursión por estas terras, coma ocorreu en 1748 cando un deses barcos enfilou cara a Cedeira sen máis peros que unhas pedradas inocentes que uns homes lles lanzaban desde esta posición na que nos atopábamos. Os ingleses desembarcaron e achegáronse ata a mesma capela de San Antonio de onde escolleron e levaron o que máis oportuno lles pareceu. O máis interesante desta pequena razzia é que foi o xerme do que hoxe coñecemos polo castelo da Concepción, unha importante mellora nas defensas de Cedeira, que se ergueu en pouco tempo grazas ó uso das pedras que formaban parte do castro para a súa construción. Todo una reciclaxe da época. Aproveitou tamén para nos contar un adianto sobor dun barco correo que encaiou nunha zona próxima do cal dixo estar amoreando documentación para expoñelo nunha publicación. Agardamos.

Visita á colección arqueolóxica de Rafael Usero

Mais a cousa non remataba tampouco aquí, para a nosa delicia, José Antonio Rodríguez Arribe, concelleiro de Cultura de Cedeira e coñecido por todos como Jose de Vigo, ofreceuse, tamén co altruísmo e don de xentes que o caracterizan, a nos abrir o Palacete de exposicións que o concello ten na avenida de Castelao para gozar dunha xoia alí contida: parte das pezas amoreadas polo Cronista Oficial, Rafael Usero, ó longo da súa vida.

As pedras con inscricións alí expostas, as partes de retablos dalgunha igrexa coma é o caso da de San Román de Montoxo, restos de cerámica gardados coma se foran ouro (para Usero son máis que iso), móbeis hoxe impensables recollidos de casas antigas de particulares antes de que a picaraña fixera a súa labor dan unha pequena idea do inxente traballo feito por Usero, coma unha formiga, pouco a pouco, mais dun xeito decidido e sabendo o que facía polo amor á nosa historia.

Foto final do grupo

Fálase sempre de homenaxes, dunha boa maneira de agradecer a alguén a súa labor a prol dunha causa determinada e amoreando méritos por iso, mais na maior parte das ocasións lévanse a cabo cando o homenaxeado xa non pode gozar do recoñecemento, aínda que o puidera facer dun xeito humilde, coma soe acontecer con xente desta calidade, tan só, quizais, pode amosar un chisco de orgullo porque sexa consciente de que a súa dedicación conta algo para o proveito dos demais. Usero é un deles, meréceo e aínda estamos a tempo.d

Rematou a mañá e resultou máis prolífica do esperado: bos intervenientes, bos anfitrións e boa compaña; boas razóns.

-------------

Texto: Manel Bouzamayor.
Fotos: Germán Alonso








Ningún comentario:

Publicar un comentario