mércores, 10 de xullo de 2024

75 anos da colocación en Ortigueira da placa en homenaxe a Federico Maciñeira



 



A fachada principal da casa do concello de Ortigueira ostenta desde hai 75 anos unha placa coa efixie do que foi  persoeiro destacado da historia de Ortigueira, Federico Maciñeira e Pardo de Lama (1870-1943), que falecera cinco anos antes.

Maciñeira reuniu na súa figura varios méritos no ámbito da Ciencia; foi un dos pioneiros da arqueoloxía en Galicia, así como historiador, todo iso cunha notable formación autodidacta. Foi tamén político, desempeñando o posto de alcalde de Ortigueira en varias ocasións, e articulista (“publicista”, como se dicía na época) incansable na defensa dos intereses da comarca, e de forma especial da necesidade do ferrocarril e do progreso agrario e forestal da zona.


No ámbito social veu recoñecido o seu labor co nomeamento como primeiro Cronista Oficial de Ortigueira en 1894, só dous anos despois da aparición da importante obra Crónicas de Ortigueira, que publicou con apenas 22 anos; tamén foi nomeado Fillo Adoptivo de Ortigueira o 7 de decembro de 1928, distinción refrendada o 8 de novembro de 1948 por non existir —ou non conservarse— Libros de Actas da Corporación do ano 1928. O de fillo adoptivo está motivado, hai que lembralo, por ter nacido Maciñeira realmente no Porto do Barqueiro (Mañón) en 1870.

Fachada principal
da Casa do Concello de Ortigueira

O ano anterior da colocación da placa, en 1947, publicárase a súa magna obra Bares. Puerto hispánico de la primitiva navegación occidental, en edición de erudito e escritor Fermín Bouza-BreyPor todo iso, en 1948 promoveuse a realización dunha homenaxe, consistente na colocación dunha placa coa súa efixie e nome na fachada da casa do concello, un acto no que outra figura ilustre, Julio Dávila Díaz (que ostentaba a representación da Real Academia Galega), dictou unhas palabras de recoñecemento sobre o que foi grande amigo seu, intervindo tamén o alcalde, Benito Martínez Sanjurjo.


Colocación da placa en 1948

A placa contén unha efixie en bronce do ilustre ortigueirés, así como unha cartela cunha lenda que serve de testemuña. Descoñecemos a persoa ou empresa que elaborou o trabalho.

O acto tivo lugar o 26 de setembro de 1948, domingo. Curiosamente a data que figura na placa é a do “29 de julio de 1948”, isto é o día da festividade de Santa Marta, patroa de Ortigueira, signo de que debeu existir algún problema que impediu colocar a placa ou celebrar o acto público nesa data, pois como dixemos, a homenaxe real tivo lugar dous meses despois, como se recolle na prensa da época:


Detalle da cartela da base da placa
co texto e suposta data de colocación


El Ideal Gallego, 28.09.1948


El día 26 del corriente ha tenido lugar en esta villa el acto de descubrimiento, en la fachada de la casa Consistorial, de una placa con el busto en bronce del que fue gran arqueólogo, historiador, publicista y propulsor del progreso agrícola, forestal y pecuario, don Federico Maciñeira y Pardo de lama.

Al acto ha concurrido todo el pueblo en masa y distinguidas personalidades, estando a cargo del académico don Julio Dávila Díaz el discurso de entrega al Ayuntamiento, al que contestó en nombre de la corporación municipal y del pueblo, el señor alcalde don Benito Martínez Sanjurjo.

Dávila ostentó la representación de la Real Academia Gallega.

 

La Voz de Galicia, pola súa parte, daba conta tamén da homenaxe, calificándoa de forma crítica “de acto de alcance local” do que apenas tiveran noticia, polo que non o difundiran previamente, algo que lamentaban, pois Maciñeira fora durante 40 anos colaborador do periódico. Dous días despois, publicaban un escrito de Manuel Casariego [Bares-Rey], membro da Comisión que organizara a homenaxe, no que saía ao paso da nota anterior, indicando que desde a comisión organizadora enviaran invitacións a diversas entidades como a Real Academia Galega e a Deputación Provincial da Coruña.


Outros recoñecementos e homenaxes

Premio do Patronato de San Andrés de Teixido

Anos despois, en novembro de 1976, o patronato de San Andrés de Teixido, do que formaba parte o ortigueirés Laureano Álvarez Martínez (Cronista de Ortigueira entre 1979 e 1991) e o cedeirés Rafael Usero (actual Cronista de Cedeira), convocaba en novembro o Premio Federico Maciñeira para un texto —en galego ou castelán— publicado durante o ano ou inédito, dotado con 75.000 pts., cun accésit de 25.000 pts. O premio seríalle concedido á poeta ferrolá Xoana Torres. O xurado, presidido polo presidente do Patronato e da deputación provincial, concedeu o accésit a Antonio Rodríguez Rodríguez, de Madrid. Os textos premiados non serían publicados ata 40 anos despois:

      Xohana Torres. Teixido. San Andrés de Lonxe. Mitos e ritos. Deputación da Coruña, 2017

      Antonio Rodríguez Rodríguez. Viaje a A Capelada y su Santuario de San Andrés de Teixido. Garañón editora en 2017  e 2018 respectivamente


Ano Federico Maciñeira de Ortigueira Literaria Dixital

En 2013, o colectivo Ortigueira Literaria Dixital coa colaboración do concello ortigueirés realizou ao longo dese ano varias actividades centradas na figura do ilustre historiador. Como resultado do mesmo, en 2014 editouse o libro Federico naciñeira. Textos escogidos y estudios sobre su obra, cun total de 279 páxinas.

 

Nota: agradecemos a María José Vilasánchez, directora da Biblioteca e Arquivo Municipal de Ortigueira as informacións facilitadas.

------------

Texto e fotos: Xosé María Torres.



Ningún comentario:

Publicar un comentario