luns, 14 de xullo de 2025

O Museo Etnográfico Monte Caxado de As Pontes presenta un caderno dedicado á emigración no seu 40º aniversario

 

Cabeceira do acto, con Elena López, concelleira de Turismo,
Guillermo Baamonde, colaborador do novo libro,
e José María López Ferro, director do Museo Etnográfico


O Museo Etnográfico Monte Caxado de As Pontes presentou o pasado 11 de xullo un novo caderno do Museo, que fai o número 7 da colección, dedicado á "Emigración na comarca". Faino, como é habitual, antes das Festas do Carme, patroa da vila (un patronato curioso, por certo, xa que a virxe do Carme é patroa dos mariñeiros, mentras que As Pontes carece de costa e se sitúa no interior do territorio, pero esa é outra historia...).

O acto tivo lugar ao aire libre, na praza da Igrexa, onde esta situada o Museo, no centro histórico da localidade, e contou cunha nutrida asistencia do público que quería escoitar a José María López Ferro, autor da nova publicación, e que é ao tempo director do Museo e Cronista Oficial de As Pontes desde 2022.


Iniciou o encontro cun breve parlamento de Elena López, concelleira de Turismo da localidade, que con palabras afectuosas felicitou ao autor, e que deu paso enseguida a Guillermo Baamonde, amigo do director do Museo, que relatou a experiencia da súa vida como emigrante: os seus pais, naturais de Xermade, emigraran a Cuba a principios dos anos 50, e alí naceu el en 1957, pero trala chegada de Fidel Castro ao poder, decidiron voltar, cando el tiña apenas 7 anos, un retorno difícil, drástico, pois comportaba deixar a perla das Antillas, a calor, os adiantos da vida moderna (televisión na casa, autos, grandes armazéns...) para voltar a Lousada de Abaixo, unha pequena aldea do concello de Xermade, atrasada e con pobreza, fría e con abundante neve no inverno.



É a historia de moitos emigrantes, como lembraría xa José María, o director do museo, pois se ben o chamativo, o que aparece nos libros, é o emigrante retornado rico, esa vision non sempre é a maioritaria. José María lembrou aos centos, miles en realidade, de ponteses que desde mediados do XIX marcharon a AméricaCuba, principalmente— para mellorar a súa vida. Louvou a xenerosidade daqueles homes, que se decataron da importancia da educación —moitos deles apenas sabían ler e escribir— e constituiron sociedades como a "Sociedad de Instrucción Naturales del Ayuntamiento de Puentes de García Rodríguez", que aínda segue existindo, federada con outras moitas galegas, e que en 2012 celebrou o seu centenario... se ben con grandes dificultades económicas para a súa supervivencia.

40 aniversario do Museo

José María lembrou que este ano 2025 se celebra o 40 aniversario do museo, que xurdiu por unha iniciativa sú no colexio público pontés Monte Casado, onde el traballada como mestre, no curso escolar 1984-1985. Con constancia, decisión e apoio das administración públicas —concello e deputación— o museo é hoxe unha realidade viva, onde se gardan máis de 4.500 pezas (a exposición, como é natural, é máis limitada, por razons de espazo), máis de 3.000 fotografías antigas e outros 2.700 documentos.

Xosé María Ferro Formoso

López Ferro fixo un resume das actividades que se desenvolveron neste 40º aniversario, entre eles charlas en centros educativos (que evocou con nostalxia, pois xa leva 11 anos xubilado, pero tamén asumido o paso dos anos, momento no que contou algunha simpática anécdota), a presentación do libro Terror mortis, unha novela do seu fillo Xosé María Ferro Formoso que recrea un suceso de misterio das Pontes no séc. XIX, e que pode adquirirse online

Falou tamén con nostalxia de amigos xa desaparecidos, algúns dos cales colaboraron no museo, pero outros simplemente eran amigos cos que conversaba de tempos pasados, unha fonte informativa tamén de moito valor.

Caderno A emigracion na comarca

Como dicíamos, esta nova publicación, publicada con axuda da deputación coruñesa, recolle en 94 páxinas tamaño folio un estudo sobre a emigración: causas xerais e consecuencias deste suceso histórico, os diferentes destinos dos emigrantes ponteses (tanto a emigración ultramariña, como a outras partes do Estado, como a Castela e Extremadura a labores agrícolas), e un apartado especial dedicado a Cuba.

López Ferro faino desde algo coñecido, pois os seus propios avós paternos foron emigrantes en Cuba. Para non restrinxir o libro ás súas propias experiencia, o texto inclue testemuños de outros emigrantes, en Cuba, noutras partes de España e tamén de Europa.

Ao rematar o acto, os asistentes foron obsequiados cun exemplar da publicación.

Réstanos unicamente, felicitar a José María López Ferro polo seu traballo constante como director e mantedor do Museo Etnografico Monte Caxado, exemplo do bo facer e de altruísmo polo ben de todos. Parabéns!


---------------  

Fotografías: Facebook de Mundito Carballo Durán

Texto: Xosé María Torres


Ningún comentario:

Publicar un comentario