Inicio do acto con Toñi Girón, directiva de Terras do Ortegal |
O pasado xoves, 28 de decembro, en Ortigueira rendeuse homenaxe ao escritor Xoán Xosé Fernández Abella, falecido o pasado 17 de agosto, cando estaba a piques de cumprir 90 anos.
Nacido en Monforte en 1933, Xoán Xosé residiu case dúas décadas en Ortigueira, a terra da súa muller, Mercedes, e onde ambos traballaban como mestres no colexio de EXB.
O acto foi presentado por Toñi Girón, directiva de Terras do Ortegal, que tivo unha intervención elegante e fermosa, lembrando ao que foi o seu amigo, e con quen concertara no pasado verán a presentación en Ortigueira o seu último libro —que ao final foi o derradeiro—, titulado "Últimos poemas de eloxios e outros poemas", editado por edicións Fervenza, de Silleda. Toñi disculpou a ausencia de Mercedes, a outra filla de Xoán Xosé, que non puido asistir, agradecendo a dos relatores da mesa, familiares e público, así como a do responsable da editorial, Manuel Núñez, que xunto a Xosé Manuel Lobato, acompañaron a Pilar Sampedro no seu desprazamento desde Santiago. Foi dando paso aos componentes da mesa, que falaron das diferentes facetas de Xoán Xosé: a humana, a familiar, a dos amigos, a súa poesía, o seu activismo cultural e comprometido.- Juan Fernández, fillo de Xoán Xosé e profesor de Lengua e Literatura, trazou algunhas liñas vitais do seu pai, afondando no contido de varias poesías, entre elas unha dedicada a Ortigueira.
- Manuel Bermúdez, sobriño político de Xoán Xosé, se ben é licenciado en Filoloxía Galego Portuguesa e responsable da área de Asesoramento Lingüístico da USC, preferiu centrarse na faceta humana, contando algunhas anécdotas e salientando que o seu tío era unha persoa agarimosa e sobre todo xenerosa, e que o facía sempre cunha naturalidade que causaba admiración en persoas coma el.
- Pilar Sampedro, mestra e escritora fixo unha análise da súa poesía, destacando, como describe tamén Xesús Alonso Montero no prólogo deste libro, que Xoán Xosé, a quen coñeceu en Santiago nos anos 90 do pasado século, e onde participaba en numerosos actos culturais, non se negaba, ao contrario, facíao de modo entusiasta, cando alguén lle solicitaba unha poesía para algunha persoa ou para algún tema, nomeadamente de carácter social. O discurso vigoroso de Pilar, con momentos de emoción, foi un texto que nos gustaría reproducir no próximo nº 11 da revista Terras do Ortegal, actualmente en elaboración.
- Carlos Breixo, Cronista Oficial de Ortigueira, participou, unha vez máis, nun acto organizado pola nosa asociación, e deu varias claves da vida de Xoán Xosé: como foi a súa vida de pequeno, con varios traslados de domicilio, desde o Monforte natal ata Oviedo e outras cidades... motivado polos problemas que tivera seu pai, que ademáis de carteiro na capital do Val de Lemos era militante de Izquierda Republicana, o partido que lideraba Manuel Azaña. Carlos puido localizar o expediente do pai de Xoán Xosé, ofrecendo a Juan a entrega dunha copia do mesmo. O noso Cronista revelou como ese compromiso político obrigouno a incorporarse á Lexión, o que non foi suficiente para evitar problemas co réxime franquista. Carlos confirmou, asi mesmo, o carácter amable e de activista que amosaba Xoán Xosé durante a súa estancia en Ortigueira, e as colaboracións que facía no semanario local, La Voz de Ortigueira, que propuxo reunir nun volume.
A mantedora do acto, Toñi, subiu de novo á tribuna e pechou esta emotiva sesión cultural coa lectura dunha poesía de Xoán Xosé, que resultou grata aos numerosos membros da familia alí presentes, e aos asistentes, entre eles algúns antigos compañeiros e compañeiras do Colexio.
O libro está á venda en Ortigueira na libraría Fojo e na libraría Ramos, ao prezo de 15 €.
N.B.: Agradecemos a Manuel López Rego, do departamento de Cultura do Concello e responsable técnico do Teatro, a súa colaboración no evento.
Ningún comentario:
Publicar un comentario