“Xeografía local”, unha nova revista cultural en Cedeira
Saudamos con agarimo a aparición dunha nova revista no Ortegal dedicada ao mundo da Cultura, e declarada como «sen publicidade, educativa, independente e libre», e que tratará temas de «historia, bioloxía, patrimonio, biografías, mar, rural...». Trátase de Xeografía local, unha revista nacida en Cedeira no ámbito de proyectos Voz Natura da AMPA O Beco nos que colaboraba o IES Punta Candieira. Neles cooperaba Diego Rodríguez Piñón, traballador social do concello de Cerdido e que dirixe a revista e asina o Limiar de presentación; porén, a entidade editora é a Sociedade Cultural, Deportiva e Recreativa Remo Revolución, a quen felicitamos por esta iniciativa, na que tamén parece colaborar o colectivo sociocultural Rampla.
O primeiro número apareceu xa hai meses; leva como data de aparición a de “Primavera de 2022”, o que parece anunciar unha frecuencia semestral ou cuatrimestral, se ben so moi recentemente, no pasado Nadal, acaba de saír o número 2, un dato, o número, que extrañamente non aparece na portada, algo que habería que corrixir para una mellor información dos lectores. O número 1 ten 89 páxinas e componse de seis artigos, se ben conta cunha folla dedicada á poesía que pode interpretarse como un epílogo a un dos artigos. Ademáis diso dedica catro páxinas a un fotógrafo invitado, que neste número é Nes Pernas Villadóniga, que amosa neste número varias creacións.
Artigos de variada temática con autores expertos
O número 1 da revista, por certo, de título pouco expresivo na nosa opinión, presenta seis artigos (catro en galego e dous en español) que tratan temas como a Historia (O naufraxio do Manchester, de Alicia Freire, El puente medieval de Cedeira, de Maru Prieto e As murallas de Cedeira, dos alumnos do CEIP Nicolás del Río), a Arqueoloxía (Escavacións no Castro do Sarridal, de Emilio Ramil), a Xeoloxía (Xeoparque de Cabo Ortegal, de Francisco Canosa) e un de Natureza (Alfombras de flores ametistas, de Rafael López Loureiro). Os autores, como vemos, son persoas con experiencia na divulgación nas súas áreas de especialización, e varios deles xa nos teñen ofrecido traballos na revista Terras do Ortegal, como Emilio Ramil, Maru Prieto ou Rafael López Loureiro, polo que leremos os seus traballos con verdadero interese.
Empezando por este último, Rafael dedica o seu artigo, "Alfombras de flores ametistas", que está ilustrado con fermosas fotografías do propio autor, coa prosa rica, case poética, que o caracteriza, unha vez máis a frei Martiño Sarmiento, obxecto de estudo del desde hai tempo; dixemos que trata de Natureza, pero en realidade abrangue a Historia e a Lingüística, pois ao fío da visita que fixo o venerable frei ao Santuario de Teixido en 1755, no marco da súa viaxe a pe por Galicia, escolle varias voces (allica, castaños mansos, toxos monstruosos, herba empreñadeira e teixo) usadas polo erudito do XVIII e vainos explicando o que significan, ampliando o seu foco a temas conexos.
Así, cóntanos como o nome “Herba de namorar” da planta Armeria maritima non é máis que un eufemismo actual da herba empreñadeira caracterizada por Sarmiento. Ou relátanos -por máis que sexa de maneira disimulada nunha nota a pe de páxina -a fermosa iniciativa levada a cabo por Pepe Riola, exxardineiro municipal de Cariño, dunha pequena plantación de teixos, proposta imitada polo propio Rafael coa colaboración da comunidade educativa do instituto cedeirés.
Dos demáis artigos, destacamos o de Francisco Canosa sobre o Proxecto de xeoparque de Cabo Ortegal, que dacordo coas noticias recentemente divulgadas no ámbito da Unesco, vai deixar de ser un proxecto para pasar a ser unha realidade viva en datas próximas; e o de Maru Prieto, dedicado á ponte medieval de Cedeira, onde con trazo firme reconstrúe a historia desta construcción medieval que chegou ata o século XIX; ou o de Emilio Ramil dedicado ao Castro de Sarridal, un exemplo de intervención arqueolóxica no ámbito local que aplaudimos.
Formato e maquetación
A revista, de amplo formato, 26 x 19,5 cm, está impresa por gráficas Lar, de Viveiro, e conta cunha maquetación algo curiosa, pois comparte páxinas co texto a unha columna e outras a dúas, incluso nun mesmo artigo; o apartado gráfico, con abundantes ilustracións e unha letra grande fai que sexa unha revista de agradable lectura.
Non conta con apoios públicos declarados, polo que require unha achega anual de 30 € para a suscrición anual de varios números (non precisados) e doutras publicacións anexas, se ben a revista pode mercarse tamén nas librarías de Cedeira. Os que facemos Terras do Ortegal sabemos da dificultade de poñer en marcha este tipo de publicacións, e sobre todo de mantelas no tempo, mellorando a calidade número a número, polo que felicitamos aos promotores, a disposición de quen nos poñemos por se lles fose de utilidade a nosa colaboración e experiencia.
------------
Texto: Xosé María Torres
Ningún comentario:
Publicar un comentario