martes, 8 de agosto de 2023

6º “Obradoiro de Fotografía Documental de Rúa” do Festival do Mundo Celta de Ortigueira

Foto final do 6º Obradoiro
(Fonte: Galioart)

Un ano máis a asociación cultural Galioart promoveu e organizou o Obradoiro de fotografía documental de rúasendo esta a súa sexta edición. 
Ao igual que aconteceu no festival, onde houbo unha afluencia moi importante de público, o obradoiro completouse por primeiro ano, entre outros factores atribúeno á normalidade sanitaria e ao docente, Brais Lorenzo, un fotógrafo relativamente novo pero cun curriculum cheo de premios e recoñecementos, como pode verse na súa páxina web. Ademáis leva colaborado cos principais medios de prensa do noso país e do estranxeiro.

Brais foi gañador no ano 2022 dos premios KSADO da deputación da Coruña coa súa serie LUME sobre os incendios forestais, que estivo exposta as navidades pasadas na sala de exposicións do claustro do noso concello. Brais é membro do colectivo Ollo que conta con 5 xoves periodístas máis e que están visibilizando o novo fotoperiodismo por múltitude de lugares da nosa xeografía, con traballos expostos agora mesmo, nas rúas de Ourense, Ferrol ou A Coruña

O antigo matadoiro municipal de Ortigueira, sede agora de Galioart, estivo cheo durante tres días de vída e de fotografía. A asociación trata de encaixar a proposta do docente e neste caso Brais, propuxo un obradoiro para o desenvolvemento dun multimedia, onde combinarán a fotografía, o son e o video para transmitir dun xeito máis novedoso as sensacións do festival.

A asociación incide sempre na idea de colectividade pois para eles é compartir, aprender e apoiar, deixando de lado o “ego artístico” para traballar todos nun proxecto común. Proxecto é este, tanto en cada obradoiro como proxecto a medio prazo coas 6 edicións realizadas até o de agora.

O compromiso da asociación coa fotografía documental galega queda reflexado nos criterios de selección de docentes, indican que teñen pendente de traer a algunha muller docente pero até o de agora non lles foi posible.

Cando dentro do ámbito fotográfico se cuestiona se o fotoperiodismo ten cada vez menos sentido neste mundo “case virtual” e tratan de buscarse novas linguaxes fotográficas para o fotodocumentalismo como única posibilidade de dar visibilidade a ese tipo de traballos, é cando, xente coma Brais ou os seus compañeiros do colectivo Ollo danlle un novo valor ao fotodocumentalísmo “tradicional”. Sempre haberá historias que contar, coas que conmover, remover conciencias e dar visibilidade a situacións que ocorren no noso mundo, a autoría ou a visión fotográfica importa moito para que esas imaxes resonen entre o público e aporten algo “novo”. Pódense ver os multimedia de Brais sobre a COVID e a serie Lume na súa páxina web.

Para contar ben unha historia é preciso meterse dentro dela, e iso é o que se intenta facer no obradoiro, coa lóxica limitación de tempo, para, ás veces, conseguir algunhas imaxes que o conseguen. Así, ano tras ano, o propio obradoiro vai ter un valor documental moi importante.



O video mostra unha fotografía de cada un dos participantes
con audios gravados na realización do obradoiro.
A montaxe  foi realizada pola benxamina do grupo,
Lucía Otero Pazos

Jesús Giz, organizador xunto con Diego Perez Dopico do obradoiro, quere trasladar unha serie de agradecementos por todo o apoio recibido para levar a bo porto esta sexta edición do obradoiro. 


1 – A todos e cada un dos participantes pola súa asistencia, confianza, tempo e boa predisposición, está claro que sin eles non sería posible, os ingresos das matrículas son os que permiten facer fronte aos gastos do obradoiro e pago ao docente. Agradecen dobremente aos que repetín asistencia, algún por 4 ou 5 edicións. 

2 – Aos 50 participantes durante estas 6 edicións, así como aos docentes Alberte A. Pereira, Xulio Villarino, Tono Arias e Eutropio Rodriguez que foron fundamentais para chegar a este punto.

3- A todos os que desinteresadamente colaboran na difusión do obradoiro a través dos distintos medios, redes sociais, páxinas web e o máis importante de todos, o boca a boca. 

4 – Ao alcalde Valentín Calvín pola súa asistencia e palabras de alento o domingo no peche do obradoiro, a Ángel Lozano, concelleiro do Festival do goberno saínte e á dirección do festival e ao responsable de prensa por toda a colaboración para posibilitar o bo desenvolvemento do obradoiro. 

5 – A Francisco Javier Martínez Prieto, párroco de Ortigueira, por estar ahí sempre que se precisa algo e pola cesión do proxector unha vez máis..

6 – Ao docente, Brais Lorenzo, que nada más lle pedimos que impartise o obradoiro estivo plenamente dispoñible, sempre positivo e achegando ideas coa mellor predisposición. A súa xenerosidade como docente foi moita, ensinando o seu fluxo de traballo e comentando o que supón e como ve el a fotografía, cecais esa xenerosidade foi a que fixo que o ambiente do obradoiro fose fantástico a pesares de ser o obradoiro máis numeroso en canto a participación.

7 – A Iván Castro, cámara da CRTVG pola súa axuda en certos aspectos da organización e impartición do obradoiro, contínuo apoio e por ensinar o traballo que leva desenvolvendo durante xa 6 edicións do festival dende a primeira edición do obradoiro. 

8 – Aos que en Galioart, limpan, ordean, manteñen este local onde a pedra se desfai por AMOR Á ARTE, en especial a Diego Pérez Dopico, Billy, é ás miñas fillas Eire e Jara por todo o que traballaron e ordearon. 

Agora toca agardar a que rematen o multimedia que non foi posible rematar durante a realización do obradoiro e teñen intención de presentalo como é debido para que poda chegar a un público o máis xeral posible traspasando as barreiras do público fotográfico. 

Rematar dicindo que xa comezan a pensar e argallar que facer para o ano 2024 no sétimo obradoiro.

Podedes consultar información sobre o obradoiro na páxina web onde hai un apartado específico para este taller ou no grupo de Facebook e instagram Galioart.

-------------------  





martes, 1 de agosto de 2023

Presentación do libro de D. Julio Dávila "Nombre genérico de los hijos de Ortigueira I e II (1903-1904)"

 

De pé, o alcalde Valentín Calvín comeza o acto.
Na mesa, Manuel Bustabad, Carlos Breixo,
Beatriz Dávila e Bernardo Penabade
(Foto Fina Villasuso)



  • D. Julio Dávila aínda segue con nós.
  • No ano 1971 dixemos adeus a un home, mais o cadaleito ficou mal pechado, de cando en vez a alma de don Julio céibase e volve a facernos compaña, con regularidade, coma xa fixera en vida, coma unha andoriña que volve ó seu niño, en palabras de Anxo Rosende. E volve para lle dar outra volta de torca a calquera dos inxentes escritos en forma de ensaios, contos ou novelas nos que o protagonista ou o marco onde se desenvolven ven sendo a nosa bisbarra e Santa Marta, a onde sempre quixo regresar a pesares dos sentimentos encontrados que aquí chegou a atopar nos seus comezos de home con inquedanzas.



Mais este intenso e extenso traballo feito por este gran autodidacta, pola súa amplitude e polo seu contido, deixou necesariamente un ronsel de coñecemento e sabedoría ao que temos que recorrer os que queremos seguir esculcando esta terra e espallar as sementes culturais. Pode acertar ou estar errado, pode gustarnos ou non, mais Julio Dávila é un comezo necesario, sen dúbida, para guindar do fío que nos faga ver a luz porque, coma di o profesor Bernardo Penabade, hai que definir a Dávila coma un dinamizador cultural, a mellor maneira, claro, de lle dar vida ás sombras.

Nesta quenda o fío lévanos ata comezos do século pasado, cando a Dávila, e polo visto esporeado por Ramón Álvarez, deulle por tentar pescudar o xentilicio que nos tiña que corresponder aos fillos de Ortigueira
Ao final do acto, e desde o público,
Natalia Defoune, bisneta de Julio Dávila
fixo unha sentida e fermosa intervención
louvando a figura do seu bisavó
e agradecendo a reedición do libro

(Foto Fina Villasuso)

Dávila, coma un bo autodidacta, votou man das persoas que puideran ter unha opinión máis “académica” ou “fiable”, e xorde unha interesante relación epistolar que non dubidou en facela pública no ano 1903, na súa primeira parte, e que tivo continuidade cunha segunda xa no ano 1904.
A pléiade de intervenientes coma Cayetano Aldrey, profesor e gramatólogo; Manuel Castro López, director de El Eco de Galicia bonaerense; Federico Maciñeira e Pardo de Lama; Andrés Martínez Salazar, cronista da Coruña e xefe do Arquivo Xeral de Galicia; Bernardo Rodríguez, literato; Manuel Rodríguez, insigne filólogo e publicista; Benigno Teijeiro Martínez e o lingüista portugués, Leite de Vasconcelos, tan só no primeiro opúsculo e deixando para o segundo (gran descubrimento pois poucos sabíamos del) moitos máis nomes entre os que sobresae a resposta do mestre D. Miguel de Unamuno, da unha idea do recoñecemento da persoa de don Julio nos ámbitos académicos amais de nos deixar un marabilloso e envexoso collage de resultados que leva por título “Nombre genérico de los hijos de Ortigueira” e onde semella que o xentilicio “ortigueirés” gañou a partida.
Outra imaxe do acto, con 4 dos 5 participantes
na mesa de presentación
(Foto Victoria Díaz Castañeira)
Terras do Ortegal, consciente do seu interese, decidiu levar a cabo a reedición en formato libro e a súa presentación non ía desmerecer. O día 26 de xullo, no Teatro de Beneficencia de Ortigueira, botamos en falta, iso si, a presenza con nós de Anxo Rosende, ausente por motivos persoais, mais na mesa do faladoiro presidida coma saúdo polo alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, tivemos a honra de contar, coma presentador e moderador, con Carlos Breixo, merecedor de cargo de Cronista Oficial de Ortigueira, posto que tamén fora xa ocupado por don Julio Dávila, quen en compaña, coma sempre, da documentación infalible, falounos da figura de don Julio cunha interesante recensión da súa historia persoal. 
Índice da reedición facsimilar,
editada por Terras do Ortegal


A súa neta, Beatriz Dávila, achegounos á súa faceta máis familiar; tamén Manuel Penabad Rapa, quen enfocou a diatriba arredor do noso xentilicio baseándose no enfrontamento daquela época entre o galego e o castelán ou, o que vén sendo o mesmo, rexeitar o galego do populacho e abranguer o castelán culto das clases con máis poder, con respecto a isto é curiosa a resposta dada por un dos consultados por Dávila, o Sr. Riguera Montero, da Academia Española do Uruguay, e cuxa resposta tamén publicou nas páxinas de La Voz de Galicia da época, da que podemos destacar a seguinte frase: “sería urticarienses, entre personas cultas y eruditas; y ortigueiranos ortigueireses, en el uso común y vulgar”.
Cartel anunciador do acto

O evento rematou coas palabras, sempre fermosas e ben estudadas, do profesor Bernardo Penabade quen identificou o traballo de Dávila no contexto caciquil e interesado da época o cal foi, sen dúbida, un dos fundamentais atrancos para un home que tan só quería saber, e dar a coñecer, algo máis da terra que o veu nacer.

Un pequeno e agradable faladoiro entre os compoñentes da mesa e o público asistente axudou a enriquecer o acto e lle dar un floreo tal que recollemos coma un pulo en aras de continuar “cultivando culturalmente” estas terras.

------------------------------------

Texto: Manel Bouzamayor

Fotos: as persoas indicadas


venres, 14 de xullo de 2023

Presentación do nº 15 da revista Hume nas Pontes. Éxito de asistencia para unha revista consolidada

Portada da nova revista Hume,
co farmacéutico ortigueirés
Marcial Lens á dereita



Acudir a As Pontes, á presentación dun novo número 
da revista Hume, neste caso o 15,  é xa un rito anual para Terras do Ortegal. Hai que lembrar que a idea da nosa revista naceu en 2013, e materializouse co nº 1 en 2014, tras acudir varias veces ás presentacións que facía Hume nas Pontes.

O evento tivo lugar o pasado 6 de xullo na Casa Dopeso, un dos auditorios, modernos e amplos, cos que conta a localidade pontesa, que practicamente se encheu coas máis de 170 persoas interesadas pola cultura e a historia, nas súas máis variadas formas, que conforman os artigos da revista.

Abreu o acto a nova concelleira de Cultura das Pontes, Lorena Tenreiro Blanco, e a continuación Manuel Souto, director da publicación e presidente de Hume, foi presentando aos diferentes autores, que tiveron alocucións de extension diversa.

Comezou Ángel Arcay, historiador betanceiro que presentou un traballo sobre “Mulleres espontáneas. Fraxilidade humana e cópula carnal nas comarcas do Eume e Ferrol (s. XVIII e XIX)”, que mereceu o Premio de Investigación Hume en 2021. O das mulleres espontáneas —mulleres solteiras que acudían a un notario para dar conta do seu embarazo para legalizar a súa situación e defender a súa honra— é unha figura apenas coñecida polo gran público, que con traballos como este vai camiño de ser ben comprendido. Arcay é o actual director do Museo das Mariñas e tamén novo director do Anuario Brigantino, editado polo concello de Betanzos, a revista de estudos locais decana de Galicia.

Equipo directivo de HUME, con Nieves Seijo,
segunda pola dereita, recén falecida,
e con Manuel Souto, no centro,
presidente da asociación



Javier Barcón, de indudable ascendencia ortegana polo seu apelido, pero veciño das Pontes, presentou o traballo “Intervencionismo e reforestación nos montes das Pontes”, que merecera o 2º premio da convocatoria de 2021, un traballo de moito interese para a comarca do ortegal, polas similitudes con que se fixo a reforestación no franquismo na nosa zona.

Un momento do acto
Unha das intervención máis seguidas foi a de Carlos Romero, que investigou a historia da súa familia nos tres últimos séculos co traballo “A casa de Benito de Marraxón de Arriba (As Pontes). A súa historia a través dos documentos”, que conseguiu, na súa longa intervencións, a base de anécdotas e descricións amenas concitar o interese do público, no que estaba presente un numeroso grupo de persoas das diversas ramas familiares descendentes da casa familiar.


Tamén interveu o noso compañeiro de Terras do Ortegal, Xosé María Torres, que se estreaba como autor na revista Hume cun traballo sobre “Marcial Lens Pita (1877-1951, farmacéutico e secretario municipal, figura chave nas Pontes do primeiro terzo do século XX”. Torres lembrou que coñecera a revista Hume hai máis de 10 anos, cando foi invitado por Carlos Breixo, actual Cronista Oficial de Ortigueira, a acompañalo en 2010 á presentación dun número da revista en que colaboraba. E así o fixo en varias ocasións, o que deu lugar, en boa medida, como se indica ao principio, ao nacemento de Terras do Ortegal. Carlos Breixo, de feito, é o colaborador máis asiduo de Hume, pois dos 15 números editados colaborou en case todos, excepto no actual e nalgún outro do pasado.



A farmacia de Marcial Lens,

segunda casa pola dereita. Entrada nas Pontes desde Vilalba, actual avenida de Galicia. Ano 1912




Volvendo a Torres, este indicou que Marcial Lens, nacido en Ortigueira en 1877, foi o primeiro boticario que houbo nas Pontes, onde estableceu a súa farmacia en 1904 na actual avenida de Galicia. Ata entón As Pontes carecía deste establecemento, fundamental para complementar a aisstencia sanitaria que facían os médicos da localidade, que apenas tiña 1.000 habitantes naquela altura, e 5.000 en todo o concello. Xa despois, en 1908, Julio Yllade estableceu outra farmacia na actual praza do Hospital, fundando unha saga familiar farmacéutica que chegou ata hoxe. Torres relatou que Marcial Lens acadou por oposición, en 1917, a praza de Secretario municipal do concello das Pontes, unha figura moi importante na época. Pero tivo tamén unha importancia social salientable como home de cultura, conferenciante, e sobre todo no ámbito da música, dirixindo coros e agrupacións musicais durante máis de tres décadas na localidade pontesa.

Profesores e alumnos da Academia Santa Marta, en Ortigueira (Ca. 1938).
Marcial Lens Pita no centro, de traxe cruzado,
ao lado de Jesús Márquez Cortiñas, director da Academia.
Á dereita, con gafas, Feliciano Crespo Bello,
docente e xefe comarcal de Falanxe.



Lamentablemente, debido ao desempeño do seu cargo oficial, sufriu ataques, expedientes e acusacións gravísimas por parte do novo réxime franquista (sorprendente nunha persoa que era católica practicante, director do coro parroquial e que tiña na tertulia da súa farmacia ao párroco pontés), que o obrigaron a malvender a súa farmacia e a fuxir das Pontes coa súa familia en 1937, volvendo a Ortigueira, onde traballou como profesor na Academia Santa Marta dirixida polo presbïtero Jesús Márquez Cortiñas. Torres defendeu a figura de Lens, ofrecendo un dato definitorio: en 1941, en pleno apoxeo do réxime franquista, foi designado Secretario do concello de Valdoviño, posto imposible de desempeñar por unha persoa sobre a que o réxime tivese a máis mínima sospeita.

Tras algunha outra intervención finalizou o acto coa entrega dos premios de investigación Hume 2022Miguel Ledo Roca (1.º premio) e a Enrique Tort Vazquez (2.º premio). Todos os asistentes ao acto recibiron un exemplar da revista, impresa coa colaboración do concello e da deputación da Coruña.


------------------




mércores, 5 de xullo de 2023

BEA LUENGO: UNHA ARTISTA POLIFACÉTICA NAMORADA DO ORTEGAL. Autora do cartel do Festival Celta 2023






Bea Luengo
(Owîwaile) é artista, deseñadora gráfica-editorial e profesora. Nace en Madrid, traballa en Mañón e vive en Ortigueira unindo educación e arte. 
Graduada en Bellas Artes na UCM (Madrid, 2014), fixo unha estancia dun ano en Francia na École Superieure d'Art de Clermont Métropole (Clermont-Ferrand). Fixo o Máster de Fotografía e Proxectos Persoais en EFTI (Madrid, 2016) e o Máster do Profesorado na USC (Santiago de Compostela, 2023).


Ten participado en numerosas exposicións colectivas: “PhotoEspacioOculto”, Espacio Oculto Madrid (2014), “Librarte” (Burgos, 2018), “Hacia dónde mirar” (EFTI, 2016). Festivais PA-TA-TA (Granada, 2017), Feira do Livro de Fotografía de Lisboa (2017), FIEBRE, Dispara Xestión Cultural (A Estrada, 2017), Libros Mutantes, Feria del Libro de Madrid, París Photo, Arles, Biblioteca Nacional PHE “Mejores libros de fotografía del año” 2019, categoría nacional.


Foi finalista do premio “Landskrona Foto Dummy Award 2017”, Landskrona Foto Festival (Suecia) e gañadora do premio de publicación “Fotolibro < 40” (2018).


Publicou o libro Archivo Arqueológico de la Arquitectura Encontrada (ed. PHREE + CAM) presentado na librería “La Buena Vida” (Madrid, 2018), e  Atlas Ivlia (autoedición). E sobre todo, é a autora do cartaz do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira 2023.

Cartel do Festival
do Mundo Celta 2023,
obra de Bea Luengo


Con Bea falamos para coñecer mellor o seu xeito de      expresarse e comunicarse a través da arte.

Fotografía, cerámica, poesía... Eres muy creativa. ¿Con qué arte te quedarías?

Me encanta el que haya varios medios artísticos     relacionados y el hacer proyectos multidisciplinares,     porque me permite experimentar, contar más allá. Para     mí van unidas, sin separar un arte del otro, siendo algo     abierto que escoges su forma según lo que quieres     comunicar. Todo habla y según el mensaje, ayuda más     una materia u otra, o varias que van dialogando.


—¿Por qué escribes poesía?

Es liberadora. Me permite soltar y encontrar un     lenguaje más sutil, como una danza de palabras donde     fluyes y puedes conectar. 


—¿Qué mirada proyectas en tu fotografía? 

    La fotografía tiene algo mágico para mí y es que al     tiempo que escogemos un pequeño punto y creamos un mundo en una mirada no vista que se revela, parte de la realidad se queda impregnada y ha estado ahí físicamente, su luz. Fotografío para guardar esa magia sencilla que encuentras en lo pequeño del día a día y es extraordinario. Esa experiencia del momento, lo que siento e imagino, intento representarlo en la imagen. 

Son de sol,
creación de Bea Luengo



    —¿Cual es tu proceso de creación?

    Parto de procesos de mi vida, aprendo, me pregunto, siento, conversaciones y experiencias. De ahí me lleva a necesitar contarlo, comprenderlo de alguna manera, jugar descubriendo. El juego intuitivo. A veces he partido de querer pintar y disfrutar de mancharme con los colores, fluir con lo que va saliendo; o fotografío algo que me llama porque he imaginado algo. Después lo hago consciente. Miro qué símbolos han salido por azar, voy indagando en el proceso, experimentando y creando más allá. Esta parte me encanta. En esto soy muy científica, el arte y la ciencia para mí son lo mismo solo que en diferentes formas. Otras trabajo al revés. Imagino o se me ocurre algo a partir de lo que estoy viviendo que quiero contar de alguna manera y voy investigando con la forma de transmitirlo entre varios lenguajes. Soy de procesos creativos largos, de cocinar lento. 

Bea Luengo no Escolar
de San Claudio colocando
a súa exposición
(Foto: Luli Dopico)


    —¿Cómo transforma el arte tu vida?

    Me ayuda a vivir. Creo que todas las personas son artistas maravillosas y la creatividad nos enseña a resolver lo que viene más abierto y diverso. Para mí la función del arte es animar a todas las personas a compartir su mirada más personal, a vivir y ser como quieran libres con mucho amor y que todas aprendamos juntas viendo tantas maneras de vivir, que nos expandan.


    —¿Tienes alguna influencia de otros artistas?

Sí, totalmente. ¡Hay tantas! Las pintoras surrealistas me abrieron un mundo simbólico (Leonora Carrington, Ángeles Santos, Remedios Varo y Joan Miró), junto a Marc Chagall. También la ciencia, me inspiro mucho en cosas que leo de física, química o botánica. En fotografía nombraría a Masao Yamamoto, Rinko Kawauchi, Juanan Requena y Óscar Molina entre muchas personas. Por otro lado, Julie Desprairies como coreógrafa me ayudó a liberarme viendo su manera de entender la danza. Y en escritura Chantal Maillard y Maartje Wortel. ¡Igual podría hacer una lista enorme!


    —Háblanos del cartel del Festival do Mundo Celta. ¿En qué te inspiraste?

Me inspiré en cómo veo Ortigueira, el por qué me quedé en esta tierra de cuento. Al tiempo, es cierto que partí de símbolos que suelo utilizar en mis proyectos porque me fascinan y son importantes para mí. Las estrellas, constelaciones y árboles, junto a la sensación de hogar, son elementos y significados que están en todos mis proyectos de alguna manera desde siempre. En este caso, intenté llevarme este lenguaje y adaptarlo al festival, a lo que he vivido y compartido gracias a él. Encontrarle su propia forma y un mensaje íntimo personal.


----------------------------------------


TextoLuli Dopico

FotosLuli Dopico


(Unha versión máis breve desta entrevista foi publicada no semanario La Voz de Ortigueira o 9.06.2023)


martes, 16 de maio de 2023

Un libro suxerente: "Entre nós", de Carmen Fernández Santás e o devesano Emilio Castro Fustes

 




Hoxe diríamos ‘a catro mans’, pero ata o século XIX os libros en coautoría se referían escritos “a dúas mans”, porque a xente usaba unha soa para escribir. Escribíase a man, e quero imaxinar que “Entre nós”, fermoso libro escrito por Carmen Fernández Santás e Ramón Castro Fustes, en coidada edición de Xulio López Valcárcel, foi escrito a dúas mans, unha por cada autor, manuscrito. Dicía Ramón Loureiro que escribir a man é tanto como debuxarse a sí mesmo, e “Entre nós” debúxanos un pouco a todos nós. 


O libro xorde dunha proposta suxerente: a partires duns haikus de Daniel Anido e ilustracións de Fran Muñiz, cada autor escribirá un relato inspirado no poema. Polo tanto, non hai propiamente coautoría; cada autor escribe cadansúa narración, coa súa voz propia e diversa, seguindo en quenda o tema proposto. 

As voces son diferentes. O tono de Carmen é de conversa, ás veces acelerado, cun certo aceno docente que se escoa entre as citas literarias coas que adoita rematar cada relato. O tono de Emilio é de confidencia, máis calado e íntimo; tanto, que en ocasións escribe en terceira persoa relatos vividos en primeira. A diferenza de Carmen, Emilio non fala apenas do seu presente, pero despois de ler o libro remato coa donda sensación de recoñecerme mellor nos seus relatos, quen sabe se pola cercanía da paisaxe do Ortegal. 


Con todo, por riba destas diferenzas, o libro acada unha sorprendente coherencia. Como anuncia no contralombo, son vías paralelas que sosteñen un camiño de ferro que avanza sólidamente sen se sair do rego. Tonos distintos pero ben harmónicos. Son historias diferentes pero é a mesma historia. Lembranzas do pasado: noites de mocedade, festas de aldea, recendos de pantrigo, a escola, tardes de cociña, noites de radio e Garda Civil, soños e arrepíos. Labirinto de emocións; e no centro do labirinto, sempre, a figura ubicua e mítica da nai. Relatos do “paraíso que se foi perdendo”. ¿Será así? 


Probablemente. Como decía Schelling e recordaba Rof Carballo, a nostalxia é o sentimento máis escuro (Dunkelste) e máis profundo (Tiefste) da natureza humana.  Pero non atoparemos nestes relatos de nostalxia ningún xuizo moral, ningunha comparanza ética. Vemos pasar diante de nós homes doentes, esfameados, miserentos, almas de posguerra, pobres de solemnidade. O pasado que nos relatan foi moito pior que o presente. Pero aínda así conforma o noso paraíso perdido porque neste mundo de hoxe, tan inseguro e as veces incomprensible, nos recordos permanece indómita a identidade que nos conformou. Se a vida é un soño, no pasado atopamos o tanxible alicerce que terma de nós; o único que recoñecemos como real, o lugar onde somos nós mesmos. 

E velaí como o debuxo manuscrito duns relatos enfiados a dúas mans nos aprenden de novo que, en realidade, as únicas cousas que temos son as que perdimos.


Carlos López-Keller Álvarez

------------  




Ver máis:
Reseña no blog de Terras do Ortegal do anterior libro de Emilio Castro: O campón de Rodela. Moradía de voces familiares.




mércores, 1 de marzo de 2023

Presentación de "O carreiro", de Narciso Luaces, na SIR La Devesana

 


Terras do Ortegal ven de realizar a última homenaxe ó inesquecible Narciso Luaces, mais non a derradeira pois o inxente traballo deste home a prol de recuperar, gardar e compartir con todos os que quixeran acudir a el a nosa memoria histórica está reflectido nunha morea de libros, artigos, faladoiros e, coma non, no propio Museo Etnográfico de Meixido, peza visible e tanxible do seu traballo que implica que o seu estudo polo miúdo dea lugar a moitos máis recoñecementos.

Nesta quenda lembramos a Narciso pola reedición da súa publicación O carreiro. Memorias so Tío Santos despois de facelo tamén nas pasadas semanas en Ortigueira, As Pontes e Mañón. Nela temos un resumo inigualable dunha época por el vivida ó través das pegadas que os contos do Tío Santos, amigo da súa familia, deixaba nun neno coma Narciso, cos ollos ben abertos e cunha curiosidade abraiante e receptiva a todo o que vía e escoitaba, un neno que xa daquela ventaba que o pasado é o alicerce do que agora somos, ou coma dicía Ortega: estamos feitos de Historia. Nesta ocasión, amais, o libro presentouse nun lugar ben relacionado coa publicación pois o seu autor, Narciso sempre levaba presente este lugar, a Sociedade de Instrución e Recreo La Devesana, e da cal amais o protagonista, o Tío Santos, chegou a ser un dos socios fundadores.

E na mesa tamén uns participantes de luxo coma é o caso do propio fillo de Narciso, Luis Luaces, alma vivinte e protectora do legado do seu pai, e sabedor de que Narciso segue entre nós, que o único xeito dun adeus definitivo é a perda do tesouro que foi amoreando ó longo da súa vida, e Emilio Castro, presidente da sociedade acolledora do evento e tamén dalgún xeito protagonista do libro pois polas súa veas corre o sangue do protagonista por ser neto do mesmo Tío Santos.



Luis Luaces, amais de agradecer a aqueles que fixeron que esta nova edición saíra do prelo, non dubidou en afirmar que o libro axuda tanto coma o museo de Meixido a manter os recordos de todo aquilo que seu pai foi amoreando nos seus últimos anos. Emilio Castro, na súa intervención, votou man da súa profesión de mestre e pedagogo para facer unha análise do libro e nos dicir que nel temos un resumo exemplar de todos os temas que se poidan tocar coma é o relacionado coa emigración, os mestres, as familias, os oficios varios, a nosa historia, as feiras, a Santa Compaña, os léxicos xa desaparecidos e esquecidos, e ata o submarino que visitou O Barqueiro durante a Segunda Guerra Mundial; non dubidou en afirmar que Narciso atopou na figura do seu avó Santos, labrego, carreiro e construtor, un home que lle deu moito xogo para tocar todos estes temas que rebulían na súa prodixiosa mente.

Narciso, que sabía de moitas cousas, tamén era sabedor da fraxilidade da nosa memoria, por iso non dubidou en deixarnos moitos escritos e moitas reflexións que no caso do noso amigo, verdadeiro e inesquecible amigo é aínda máis de agradecer polo esforzo que supuxo ó vir dun home autodidacta. E neste libro O carreiro. Memorias do tío Santos fala diso cando no seu limiar di, ás claras, que «soamente pretendo narrar feitos que aconteceron ó longo da vida dun home que viviu entre os anos 1870 e 1951, sendo consciente de que dentro de poucos anos ninguén os poderá contar».

Desde Terras do Ortegal agardamos que estas homenaxes a Narciso, necesarias e sempre insuficientes, poidan servir para espertar a conciencia daqueles que teñen nas súas mans a continuidade da xoia que representa o traballo de Narciso; estamos a falar de xente que sabemos se move tan só polos réditos a corto prazo, mais teñen que saber que non loitar para que o noso pasado permaneza é perder a nosa esencia da que eles, queiran ou non, tamén forman parte. Se se pon o peche a un edificio pódese facer outro, incluso á súa imaxe e semellanza, mais a nosa historia non se pode pechar, nin tan só ignorar, pois é varrernos do mapa xa que a historia é única e non se pode repetir, nin os réditos acadados sairían a relucir.

----------------------

Texto: Manel Bouzamayor

Fotos: SIR La Devesana


martes, 24 de xaneiro de 2023

Terras do Ortegal apoia a declaración do 9 de marzo como Día do Naturalismo Gallego

 

O naturalista cedeirés Rafael López Loureiro, estudoso da obra de freí Martiño Sarmiento, propuxo, o pasado mes de novembro de 2022 nunha xornada de estudo sobre o insigne erudito pontevedrés celebrada na sede compostelán do Consello da Cultura Galega a declaración do 9 de marzo como Día do Naturalismo Galego.
A proposta foi feita nese Simposio Martín Sarmiento que tiña como objetivo a presentación da edición da Obra de 660 pregos De Historia Natural e de todo género de erudición, ao que foi invitado Rafael. E fíxoa atendendo aos méritos de ser o beneditino o primeiro estudoso da natureza con carácter xeral en Galicia e posiblemente en España, a pesar de que ten unha obra pouco coñecida pois non foi editada en vida do benedictino e apenas ata os nosos días.
A difusión en Ortigueira desea iniciativa fíxoa o pasado 20 de xaneiro, venres, no Teatro de Beneficencia nunha charla (véxase cartel) organizada polo Clube de Lectura de Ortigueira co apoio da asociación Galioart.


Rafael é o mantedor don interesantísimo blogue, titulado "Ao noroeste do Noroeste" onde nos regala frecuentemente con reflexións e divulgación sobre animaliños e prantas da Natureza, ilustradas con magníficas fotografías da súa propia autoría, pois é un excelente fotógrafo. 

Na última entrada vai dando contra das adhesión á súa proposta, entre elas a da Real Academia Galega. A elas virá a sumarse, agora, a de Terras do Ortegal:
Terras do Ortegal, na reunión celebrada pola sua directiva o pasado 19 de xaneiro de 2023 acordou apoiar a iniciativa.
Aquí está o texto da resolución aprobada:

        Terras do Ortegal, asociación que defende a Cultura e o Patrimonio na comarca do Ortegal,

    1. Vista a proposta realizada por Rafael López Loureiro, naturalista e estudoso da obra de frei Martiño Sarmiento, de declarar o día 9 de marzo, data de nacemento deste insigne erudito galego do século XVIII, como Día do Naturalismo Galego.

    2. Visto o interese que pode ter dita declaración, para Galicia en xeral e para a comarca do Ortegal en particular, no impulso e protección do medio
    ambiente.

    Decide manifestar o seu apoio a esta proposta.

    Ortigueira, 19.01.2023

    Asdo.: Manel Bouzamayor

              Presidente de Terras do Ortegal.