xoves, 19 de agosto de 2021
REENCARNACIÓN DE OLIVIA, por Luli Dopico
martes, 10 de agosto de 2021
LUSCO. Exposición de pintura en Sargadelos de Ángel Picos, Diego P. Dopico e Sergey Sozonov
Exposición de pintura en Sargadelos ata o 30 de agosto. Un marabilloso paseo cultural.
O día 31 de xullo inaugurouse nas Carboeiras de Sargadelos (concello de Cervo), unha exposición de tres pintores vinculados dalgún xeito á comarca do Ortegal: Ángel Picos Pérez, Diego Pérez Dopico -que asina as súas obras co seudómino de J. Peak- e Sergey Sozonov.
O máxico entorno do conxunto histórico-artístico da vella fábrica, impregnado de historia, deu paso á obrigada visita á sala de arte, e de camiño nos mergullamos no mundo fascinante da pintura, percorrendo o espazoso lugar e abrindo uns ollos máis grandes que os da muller asustada da primeira obra que vemos colgada, para seguir dando un paso adiante e contemplar o lobo-lobiño, que nos indica o camiño a seguir.
![]() |
| Paporroibo no cristal, de Ángel Picos |
Preto de setenta obras que vamos admirando paseniñamente, cunha luz entre lusco e fusco, que fai que moitos dos cadros adquiran unha cuarta dimensión e que cobren vida nos lenzos dos artistas.
- Ángel Picos Pérez. Dende moi novo este cedeirés amosou predilección polo debuxo, realizando as súas primeiras obras de xeito autodidacta. Leva nove anos como pintor artístico, especializado no estilo impresionista e tratando de transmitir as súas emocións en cada unha das súas obras. Con el mantemos unha conversa moi interesante.
- Sergey Sozonov. Natural de Yacutia (Rusia), traballou en Moscú nunha empresa de publicidade, e logo de viaxar por Europa atopou no Baleo (Ortigueira) o lugar soñado para vivir e decidiu apousentarse. Aquí pinta as caras e as almas dos seus veciños e amigos, cunha precisión tal que nos deixa engaiolados diante do cadro Maruxa.
![]() |
| Muller, de Diego Pérez |
- Diego Pérez Dopico, J. Peak: Nace Diego en Ortigueira, estuda Maestría Industrial en Viveiro e seguidamente Maxisterio na Coruña. Amplía os seus estudos en Xixón e traballa en distintos países europeos, regresando a súa vila natal no 2010, onde reside. Cursa Ciencias Relixiosas na universidade San Dámaso (Madrid). Actualmente traballa no Concello, como Técnico de Cultura e Secretario da Escola de Música. Presidente da Asociación Cultural Galioart, escribe e promove numerosos eventos culturais, aínda que a súa paixón é pintar.
![]() |
| Lobo, lobiño, de Diego Pérez |
Logo de ver, charlar e admirar a obra dos pintores, que se pode visitar ata o 30 de agosto en horario de mañá (de 10 a 14 h) durante a semana e tamén polas tardes os sábados e domingos, aproveitamos para dar un paseo polo entorno, chegando a través do Paseo dos Namorados ata a represa artificial do río Xunco, que abastecía de auga a antiga fábrica de louza e que se fixo mediante un sistema chamado de cantería gradual no ano 1791, unha paisaxe idílica e ineludible evocación sentimental, que ten a súa lenda particular. Regresamos pola senda botánica, no frescor da tardiña, lendo os paneis das diferentes especies arbóreas e escoitando o murmurio das augas e as voces dos felices nenos que a cabalo pasean polo recóndito lugar.
![]() |
| Maruxa, de Sergei Sozonov |
Que máis podemos visitar?
Se levamos unha orde xeográfica, empezaremos polo Museo da Antiga Fábrica de Sargadelos, seguiremos ata os restos das antigas fundicións e fábricas de louza, e chegamos a Pousada dos Foráneos e outras dependencias como os fornos de calcinar, as caballerizas e as carboeiras. Antes de regresar a Ortigueira, bebemos auga na Fonte da Tella e saboreamos un xeado de abelá no bar Sacabeira.
![]() |
| Presa artificial do río Xunco, no Paseo dos Namorados. |
LULI DOPICO
Fotos LULI
1. Paporroibo no cristal (Ángel Picos)
2. Muller (Diego Pérez)
3. Lobo, lobiño (Diego Pérez).
4. Maruxa (Sergey Sozonov)
5. Presa artificial do río Xunco, no Paseo dos Namorados.
sábado, 24 de xullo de 2021
Faladoiro en Espasante sobre a terrible Galerna do 61

Ilustración sobre a Galerna do 61
de Nerea Pazos Loureiro
O pasado día 10 de xullo, no local do centro social de Espasante, gozamos dun faladoiro ateigado de sentimentos. Xa vai para 60 anos que unha galerna traidora, coma de feito son todas elas, ateigou o noso mar de loito e posteriores penurias, e por mor daquilo fixemos unha xuntanza coa que lembrar o suceso.
![]() |
| Hixinio Puentes (esq), Beatriz Bermúdez e Vicente Míguez (dta.) |
Xente con historias de seu ou que lles contaron, mariñeiros coñecedores da súa profesión e cun léxico único e inigualable e, por riba de todo homes, daquela rapaces, que padeceron no seu corpo física e psiquicamente a carraxe descontrolada do noso mar, o mesmo que nos provee e que, de cando en vez, non dubida en nos cobrar unha maldita peaxe.Con eles fomos quen de nos mergullar nun mundo salgado e ferinte; alí escoitamos os berros das mulleres na praia na procura de explicacións e que tan só tiñan coma resposta o murmurio ofensivo das ondas bicando a area; até puidemos ollar os corpos aboiando no mar e recollidos por garfos coma se foran unha das pezas de bonito a cobrar; que dicir dos contos, case lendas, daqueles que foron quen de se salvar polo feito de que as súas lanchas quedaron sen goberno polos golpes do mar, e este, coma agradecemento por abandonar a loita, os levaría a un lugar seguro; ou o vertido de combustible ó seu arredor, que conseguía converter as impoñentes ondas nun máxico oasis de paz; aqueles outros que non conseguían falar, mais a emoción da súa faciana tiña contidas moitas máis palabras das que podían ceibar naquel intre; puidemos poñernos no lugar daquelas mulleres viúvas sen morto, soas para sempre, sen home e sen fillos que irían camiño dun orfanato, enfrontadas a un mundo baleiro de tonalidades, onde a negrura era o único que poderían albiscar.
O noso máis sincero recoñecemento, porque eles, os homes de mar, son os que nos fan diferentes neste recuncho do norte do país.
--------------------
Texto: Manel Bouzamayor
Fotos: Xosé María Torres
luns, 12 de xullo de 2021
Centenario da colocación da primeira pedra do Escolar de San Claudio (1921-2021)
![]() |
| O espléndido edificio do escolar de San Claudio |
Os días 10 e 11 de xullo, tivo lugar en San Claudio a homenaxe aos fundadores do Escolar da parroquia. As actividades, organizadas pola Asociación Centro Cultural Libro Vivo, iniciáronse o sábado, 10, cunha exposición oral e presentación audiovisual a cargo de J. Carlos Breixo, Cronista Oficial e veciño da parroquia, que iniciou os actos lendo a noticia tal como publicaba Extensión Agraria, un semanario conservador que falaba de que o mellor modelo de educación era fixarse na vida do Neno Xesús, pero que axiña cambiaría de opinión ao decatarse de que o centro pretendía ser laico.
| Carlos Breixo nun momento da súa disertación |
Falou Carlos sobre o gran exemplo da sociedade daqueles primeiros ortigueireses en América, a onde marchaban pais e fillos, moitos deles nenos, sobre todo varóns, xa no ano 1847, e da obra levada a cabo polos benfeitores que un día emigraron buscando unha vida mellor, mais non esqueceron a súa terra e seguiron colaborando e enviando cartos, que tamén se destinaron a ampliación da igrexa e construción da torre. na propia parroquia
![]() |
| O fermoso val de San Claudio, coa ría ao fondo |
A presentación do audiovisual dos cen anos de historia do local e da parroquia, rematou cun forte aplauso para Andrés Piñón.
O domingo, 11, ás doce horas, plantouse un magnolio na honra dos fundadores da Sociedade San Claudio, que dera lugar a comezo dos anos trinta do século pasado á San Claudio Sociedad Pro Instrucción y Recreo Mutuo.
| Iván Pérez, actual presidente da asociación Libro Vivo |
Os veciños asistentes aos actos foron convidados a unha degustación de produtos galegos, tomándose as medidas necesarias dado a situación actual provocada polo Covid-19.
A actual directiva da Asociación está formada por: Iván Pérez (presidente), Diego Chao (vicepresidente), Diego Bellas (secretario) e Juan Rodríguez (tesoureiro).
--------------------
Texto e fotos: Luli Dopico
mércores, 30 de xuño de 2021
SUCESOS, DUDAS Y ALGÚN POEMA, un libro de la polifacética artista Celia Pía
Sucesos, dudas y algún poema
Nuestra vecina, Celia Pía Morandeira, acaba de publicar un vistoso poemario en el que da rienda suelta a sus sentimientos, recopilados en cincuenta composiciones literarias acompañadas de unos singulares dibujos. Estos ilustran cada latido del corazón de la artista en la página blanca sobre la que vuela durante un viaje ancestral en el que conjuga el amor a sus padres, el descubrimiento del mundo nuevo de Pablo, su hijo, y los amigos que la alentaron y apoyaron en la búsqueda de la palabra precisa: Moncho Barro, Lilo y María Vázquez.
Si soñar es dibujar en el aire lo que nadie ha visto, Celia nos hace coronar la cumbre y planear zigzagueando nuestro idílico paisaje sentimental, aproximándose sin pausa al infinito para coger aliento y llegar a la definición de niño: “Ser mágico y frágil de intelecto ilimitado con quien el adulto rememora lo olvidado mientras la vida sucede”.
Celia sabe quién es, o intenta saberlo a pesar del nombre propio que lo valora como un peso difícil con el cual cargar cada mañana, y se pregunta apurando la primera taza de café que espabila los sentidos: “¿Acaso un escritor no se transfigura bajo la piel de aquellos sobre los que escribe?”.
Escribir pues… representar conceptos a través de símbolos, letras como patitas de mosca molestando hasta que das sentido a una idea, evocación de un momento determinado, novelar vida, rubricar experiencias, reír y llorar hasta vaciar el alma de contenidos que florecen en primavera y se desvanecen en las hojas muertas de otoño. Escribir es para Celia: “Dejar rastro para reencontrarse en los espejos”.
![]() |
| Celia Pía en su estudio |
Así de bello es el libro de Celia, que alguien muy querido por ella estará leyendo en los cielos.
Enhorabuena, mujer de luz que abarcas tantas artes: música, pintura, escritura… Y lo que no sabemos.
Luly Dopico
Ficha técnica
Edita: NINO, centro de impresión digital. Santiago de Compostela, abril 2021.
Autora: Celia Pia Morandeira: celiapiamusico@gmail.com
luns, 14 de xuño de 2021
Presentación nas Pontes do nº 13 da revista HUME de estudos históricos e locais
O pasado 11 de xuño, venres, pola tarde, presentouse na auditorio da Casa Dopeso das Pontes o novo número da revista anual HUME, dedicado aos estudos históricos e sociais da localidade das Pontes e de toda a sua comarca.
Atendendo á situación de pandemia polo coronavirus, o acto foi organizado con estrictas medidas de seguridade: uso obrigatorio de máscara facial e xel desinfectante, toma de temperatura na entrada, rexistro do nome e do número de teléfono persoal, indicación a cada persoa do seu asento na sala -restrinxida a menos do 50% de capacidade-, que se ben retrasou un pouquiño a entrada, deu sensación de seguridade ás case 100 persoas que acudiron a esta cita anual.
O acto foi presentado por Marisol Souto, do equipo da revista, e contou coa participación de varios dos autores dos artigos, así como dos galardonados no Certame de Investigación que desde hai 5 anos convoca a asociación HUME.
![]() |
| Visión xeral do escenario e dos participantes no acto, todos cubertos con máscaras faciais. |
A revista é de edición non venal, distribúese de forma gratuita a todas as persoas interesadas, grazas ao patrocinio da deputación da Coruña e do concello das Pontes. De feito, Antonio Alonso, concelleiro de Urbanismo e primeiro tenente de alcalde, estaba presente no acto, apoiando a marcha da revista, xunto cos membros da Comité de Redacción, como Fina Blanco e Manuel Souto.
Coa inexcusable máscara facial (cando poderemos librarnos delas??), autores como Xavier Barcón e Miriam Fdez. Otero foron presentando -con máis ou menos experiencia e soltura no escenario- os seus artigos. Para nos o maior interese foi a intervención de Carlos Breixo, Cronista Oficial do Concello de Ortigueira, que expuso o contido dun artigo, titulado "O Castro da Uz, A Seara e Bidueiros; lugares no Camiño Francés ou seu paso polas Pontes de García Rodríguez citados no testamento de Alonso de Bouza, que foi outorgado no ano 1605; un pouco de historia e de etnografía aplicada", un longo título, que como el mesmo recoñeceu é casi un resumo do seu contido. Unha vez máis, a producción historiográfica de Breixo versa sobre o paso do Camiño de Santiago, do Camiño Francés, como se encargou de salientar, polas Pontes, tarefa na que leva investigando varios lustros tras os comezos dos anteriores mestres investigadores que formaron aos máis novos.![]() |
| Carlos Breixo, Cronista Oficial de Ortigueira, nun momento da sua intervención. |
É o caso de mestres como Rafael Usero, Cronista Oficial de Cedeira, que xa na edición primeira da sua obra El Santuario de San Andrés de Teixido, editada en 1972, falaba do paso do camiño xacobeo polas nosas terras. Por certo, que Breixo revelou un pequeno problema de saúde de Usero, que deu lugar a unha intervención cirúrxica recente, facendo votos polo restablecemente deste mestre investigación, desexo ao que nos unimos.
O acto, que se prolongou durante case dúas horas, rematou coa exposición dos premiados no V Certame de Investigación HUME, que presentaron un resume dos seus traballos, que aparecerán xa no número 14 da revista.
Por último, cabe felicitar ao equipo da revista: Manuel Souto, Marisol Souto, Nieves Seijo, Fina Blanco, Antón Carballo e Antonio Castro polo seu esforzo e traballo calado e desinteresado. Que o seu labor siga dando froitos como este número 13 -meigas fóra!- que hoxe temos nas máns. Os nosos parabéns!
--------------
Fotografías: Asociación HUME
Texto: Xosé María Torres
sábado, 12 de xuño de 2021
Intervención de Álvaro Dávila na Ofrenda a Julio Dávila no 50º aniversario da súa morte.
![]() |
| Álvaro Dávila ante Carlos Breixo, Cronista, e Juan Cao, concelleiro de Cultura (foto: concello de Ortigueira) |
Onte, 11 de xuño, tivo lugar no cemiterio municipal de Ortigueira unha Ofrenda floral a D. Julio Dávila Díaz (1871-1971), xeógrafo e historiador, con motivo do cincuentenario da súa morte, acaecida en Madrid hai exactamente 50 anos. Foi o primeiro dos actos que promoverá a concello de Ortigueira durante os próximos meses para honrar o sexquicentenario do nacemento dun dos seus fillos máis ilustres. Lembremos que foi firme defensor en Madrid dos intereses de Ortigueira e Cronista Oficial do concello durante case 30 anos (entre 1943 e 1971), e sen dúbida unha das persoas máis queridas polos ortigueireses de onte e de hoxe.
No fermoso lugar que acolle ao cemiterio de Ortigueira, a punta de Requeixo, e ante o panteón familiar dos Dávila, tivo lugar o sinxelo acto que foi seguido con atención por unha trintena de persoas entre membros da corporación, familiares e amigos. O acto -que se pode visualizar aquí no video gravado polo concello- comezou cuns acordes de gaita do director da Escola de Gaitas de Ortigueira, Rodrigo López, e foi presentado por Juan Cao, concelleiro de Cultura e alcalde accidental, por ausencia de titular, Juan Penabad, que deu paso a Carlos Breixo, Cronista Oficial de Ortigueira.Este fixo, en castelán, en atención á presenza de varios familiares de D. Julio chegados de Madrid, unha breve semblanza do autor da Geografía Descritiva da comarca de Ortigueira. Coa súa coñecida oratoria fixo un canto á súa figura e á sua amizade con Federico Maciñeira e Pardo de Lama, declarando que emitira un informe que lle fora solicitado pola corporación sobre a dedicación a D. Julio dunha rúa ou outro espazo público en Ortigueira en homenaxe á súa figura. Tempo teremos que coñecer a decisión do concello e o resto de actos que haberá ao longo do ano, entre os que a nosa asociación Terras do Ortegal terá unha pequena contribución coa reedición facsimilar dunha das súas obras.
| Foto de grupo cos membros da familia e do concello que interviron no acto , |
A continuación, e previa á colocación da ofrenda floral no interior do Panteón familiar, tivo lugar a intervención de Álvaro Dávila García, bisneto de D. Julio, e encargado de intervir no nome da familia. A súa intervención, moi emotiva, foi realizada en galego, para sorpresa de moitos dos que alí estábamos. E ademáis nun galego moi correcto, por certo, pese a procedencia madrileña de Álvaro, que máis alá de vir nos periodos vacacionais, se está convertendo nun ortigueirés máis, como o demostra a súa permanencia na nosa vila durante moitos meses deste ano de pandemia. Por iso, e co seu permiso, pareceunos de interese reproducir o seu discurso, que contén trazos emotivos que gustará coñecer a moitos ortigueireses.
Por último, indicar que o acto rematou cunha nova intervención musical de Rodrigo, que interpretou o Himno Galego.
Parabéns a toda a familia Dávila e de forma moi especial a Álvaro!
.
Intervención de Álvaro Dávila García
Sr. Concelleiro de Cultura, Cronista Oficial, amigos:
Como derradeiro fillo da derradeira neta de Julio Dávila, troquei a orde legal dos meus apelidos para preservar a súa memoria e teño o orgullo de ser pai doutro Julio Dávila nado en 2020. Polo que en nome da familia e con fonda emoción, quero agradecer ao Concello de Ortigueira a organización de este acto de lembranza e homenaxe a figura de Julio Dávila de cuxo falecemento se cumpren hoxe, 11 de xullo de 2021, 50 anos. Grazas tamén aos representantes dos grupos políticos municipais asistentes polo apoio.
Rodrigo López, director
da Escola de Gaitas
Julio, como tantos galegos, tomou o camiño da emigración. Nos seus primeiros anos no Cono Sur non tivo unha vida doada senon chea de privacións. Porén afrontóunas coas mellores virtudes que se lle presupoñen aos galegos, a resistencia e capacidade de sacrificio. Grazas a esa perserveranza cedo chegaron éxitos profesionais que lle permitiron vivir con maior folgura e poder empregar cada vez máis tempo na súa paixón, a súa terra. Nun primeiro momento desde Buenos Aires con viaxes de ida e volta a Europa, pero marcado emocionalmente por unha desgraza decidíu acelerar o retorno. A morte en Arxentina do seu primoxénito Jesús Manuel, fixo que decidirá regresar coa sua muller Petra e os seus dous fillos máis novos, Isabel e Julio. Trouxeron con eles o corpo de Jesús Manuel a repousar neste panteón, onde anos despois virían a facelo tamén todos eles. Coa cicatriz anímica da perda e coas costas cubertas froito do traballo en Arxentina decidíu autoimporse una obriga gustosa de dedicación total á defensa dos intereses de Ortigueira.
Ese sino elexido, ben podería vir do seu carácter. Quen coñeceron ao meu bisavó Julio Dávila descríbeno como un home organizado, metódico e atento observador. Tal era a súa meticulosidade que anotaba centos de datos, como a temperatura e condicións meteorolóxicas observadas diaria e exhaustivamente. Esta afección polos detalles xunto co seu carácter espartano, austero e discreto, foron as chaves do su intenso e extenso traballo. A sua obra xeográfica ou mesmo os seus esforzos polo correcto uso do xentilicio ortigueirés son sinais da sua sana obstinación sistemática. Mesmo casi desde a sua tumba pódese observar tamén froitos tanxibles dos seus desvelos, como é o Malecón do porto de Ortigueira.
Os seus descendentes herdamos del a paixón por Ortigueira e sentímonos abraiados polo recoñecemento da sua Vila. Celebramos as iniciativas que agora comezan tanto do Concello como da asociación Terras do Ortegal para a divulgación da súa obra. E soñamos con que se cadra inspirados polo seu exemplo poidan xurdir moitos Dávilas novos que dediquen as suas forzas a defensa dos intereses da comarca e a conservación do patrimonio histórico e cultural.
Moitas grazas a todos
Álvaro Dávila García
-------------------------
Texto da reseña: Xosé María Torres
Fotografias: Marta Fraga (concello de Ortigueira)





















